‘Os inmigrantes imaxinados’, a desmitificación da Galicia ideal sudamericana

César Lorenzo Gil.
O historiador Xosé M. Núñez Seixas publica Os inmigrantes imaxinados. A identidade galega na Arxentina (1780-1960) (Galaxia, 2024), un traballo moi interesante que pescuda sobre a presenza galaica en Sudamérica, principalmente ao redor de Bos Aires, pondo o foco, principalmente, no espello que lle dá forma e tamén deforma a imaxe percibida daquela comunidade, tanto para si mesma coma para os demais arxentinos.
O libro, que se sustenta historiograficamente no apartado do estudo da identidade (estereotipos, imaxinarios…) axuda a entender moitos dos tópicos que sobre os galegos na Arxentina aínda circulan. E tamén permite, desde unha óptica tan especializada como a usada polo autor ourensán, desentrañar a verdadeira importancia da presenza galega no país austral.
É saber común que na Arxentina lles chaman “gallegos” a todos os españois. Segundo o profesor Núñez Seixas, o motivo non só ten que ver coa forte presenza galega no conxunto da comunidade migrante española no país, senón en preconceptos xa presentes na propia península Ibérica, na Idade Moderna, que se trasladaron despois á que era entón colonia americana. A imaxe pexorativa do galego estableceuse, principalmente, a través do teatro, e a partir dese tópico crearon os primeiros arxentinos unha idea xeneralizada e falsa dos galegos. Mais o libro explica tamén que, alén diso, os galegos, xa desde os albores republicanos, foron cualitativamente unha colonia moi destacada no país nun sector crucial para a economía: as pulperías, eses almacéns de comestibles que, en gran parte e durante finais do século XVIII e primeiros do XIX, estiveron ao cargo de galegos. Os galegos non só intermediaban na chegada dos bens básicos, senón que tamén exerceron funcións tan básicas para o sistema como a venda ao fiado ou o empréstimo. Posteriormente, cando o Goberno Rosas, a mediados do XIX, primou a emigración de galegos e xenoveses, identificáronse os galegos coas doenzas, especialmente o tifo, que inzou naqueles barcos de emigrantes que saían do porto de Carril buscando unha vida mellor. Nas décadas seguintes, especialmente co cambio de século, a emigración galega a Bos Aires foi masiva. Ocupaban, maioritariamente, postos non cualificados, pero esenciais. O galego típico era o changador (mozo de corda), considerado un bruto ignorante por, como explica Núñez Seixas, non saber o castelán.
Na obra tamén se dá conta da xenofobia real e violenta que sufriu a comunidade migrante galega á súa chegada á Arxentina. Nos xornais non tiñan medo a usar frases como “Gallegos de mierda” cando a situación sociopolítica se quentaba, e documéntanse tamén actos de dano físico contra galegos polo simple feito de selo, tanto en Bos Aires coma na Pampa, onde chegou a ser enredo habitual de moitos gauchos ir facer pouco ou incluso mancar os galegos recén chegados.
Núñez Seixas analiza con minuciosidade a presenza do “galego” na literatura arxentina. Explica cal era a imaxe predominante: os oficios que desempeñaban, o carácter dos personaxes, a función que tiñan nas tramas, especialmente naquelas máis sensacionalistas. No caso do teatro é relevante que moitos dos actores que “facían de galego” eran, xustamente, galegos, que gañaban a vida coa autoburla.
Fronte a estes ataques, a comunidade galega non quedou de mans cruzadas. Xa desde antes da independencia se crearon espazos colectivos propios e, conforme unha elite de entre os inmigrantes conseguía ocupar o seu posto no panel de control da sociedade porteña, propuñan o seu propio imaxinario que contrarrestase esa imaxe pexorativa. Como ben indica o autor, resignificaron os tópicos, nalgúns casos déronlles directamente a volta aos tópicos e noutros casos, simplemente reenfocaron a atención. Que os galegos eran parvos e porcos? Pois os galegos tamén eran honrados e sinceros; que as galegas só valían para criadas ou amas de cría? Pois tamén tiñan na súa man a honestidade e a educación da infancia bonaerense.
Outra estratexia de fortalecemento da propia identidade foi a busca de referentes. Na Arxentina triunfou, polo tanto, a hipótese de que Cristovo Colón fose galego, e recibiuse como un heroe o aviador Ramón Franco cando chegou no seu Plus Ultra.
Ten espazo Núñez Seixas para explicar un elemento moi interesante no estudo da emigración galega: A relación da comunidade migrante, nun ámbito castelanfalante, coa lingua galega. Segundo o historiador, en Sudamérica replicouse o mesmo modelo diglósico que rexía (e rexe) en Galicia. O galego usábase en contextos enxebres (por exemplo, en festas ou para nomear os ingredientes dun menú) e só conseguiu reparar un tanto o seu status inferior grazas á influencia galeguista, que tras a formación das Irmandades da Fala, no 1916, irradiou a súa postura a respecto do idioma propio tamén alén do océano.






