BiosBardia

O país dos libros en galego

Os límites do experimento do Apalpador

Cartóns de leite coa historia do Apalpador.

César Lorenzo Gil.

En chegando ao Nadal, en Galicia, desde hai uns anos, ao espírito de noite de paz sáelle un adversario que se nos atravesa no noso ADN colectivo: o preito, as ganas de discutir.

Á parte do debate sobre se en Vigo hai demasiados leds e en Allariz que bonito está todo, aos galegos con pouco para facer gústanos debater sobre o Apalpador. Non hai ano que a redonda figura do carboeiro non tome titulares, fíos de Twitter (de aquí para adiante X) e supoño que algunha tertulia de sobremesa no restaurante Dezaseis.

A conta da figura e destas datas reflexionemos:

É o Apalpador unha tradición galega?

Seica en determinadas comarcas a tradición fala dunha figura mítica, nalgúns sitios Apalpador, noutras Pandigueiro (ha de haber algún nome máis) que para o final de ano se achegaba aos meniños e lles tentaba a barriga para saber se comeran ben ou mal, e deixáballes regalos. A imaxe de xigante carboeiro con barba rubia e cachimba recorda a mitos semellantes, o máis próximo o Olentzero vasco; pero quizais a referencia máis evidente é o Papá Noel, Pai Natal, Santa Claus, San Nicolás… Con el comparte o aspecto de vello burlón, cachazudo e desprendido. Ben mantido porque ninguén enxoito ten autoridade, no mundo tradicional, para ser xeneroso, para compartir fartura.

É evidente que a tal tradición chegou ao século XX moi diminuído a nivel territorial. Non hai fontes escritas que falen deste personaxe e é posible que o seu “culto” teña a ver incluso con poboación fluctuante, ben profesionais nómades de orixe galega que trouxeron esta tradición cara a Galicia, ou ben polo contrario, persoas de orixe vasca, por exemplo, que exercían oficios moi especializados, como o de ferreiros.

O caso é que iso é irrelevante. Hoxe somos todos adultos para saber que as tradicións non perviven, invéntanse. Ás veces dun xeito radical, coma co esconxuro da queimada, e outras veces con sutilezas: as saias escocesas, o santo dos croques ou o Estado de Israel son inventos desde un punto de vista historiográfico. A historia simplemente funciona como reforzo de autoridade, mais a súa valía reside no éxito que esas tradicións alcanzan no tempo no que se propoñen ou se renovan.

A Hispanidade, por exemplo, é unha tradición exitosa. Des que Cánovas del Castillo a importou dos EUA no 1892, co gallo da celebración do cuarto centenario da primeira viaxe de Colón, a efeméride medrou pola viga do Estado español até o punto de ser hoxe o 12 de outubro a Fiesta Nacional e núcleo irradiador do principal ideoloxema hispánico: a lenda rosa que brilla hoxe nos andeis das librarías.

Triunfou o Apalpador?

Até certo límite. Tendo en conta que os promotores do Apalpador foron grupos de base sen acceso aos medios de comunicación de masas nin capaces de xerar masa crítica por si mesmos, a figura ocupa hoxe un lugar moi privilexiado en moitas esferas da sociedade civil. Hai marcas que non teñen medo en relacionarse co personaxe, libros, disfraces, festas locais onde se enxalza… Por suposto que hai críticas, pero a resistencia é inherente a calquera innovación.

Esta tradición compite con outras tradicións tan galegas coma esta. Velaí un dos problemas de certo galeguismo esencialista, incapaz de decatarse de que a cultura galega non é extraterrestre, senón que estivo, desde o seu nacemento, en contacto constante coas grandes tendencias culturais de cada época. Na maior parte do tempo, Galicia estivo na vangarda cultural europea. Polo tanto, entre os galegos houbo veneración tan potente coma en calquera outro país do seu ámbito polas figuras dos Reis Magos, unha tradición nacida dos Evanxeos, mais cun arraigo e evolución durante séculos que os converteron nuns personaxes mitolóxicos con forza de seu.

É certo que os Reis hoxe están medio esquecidos en moitos países e que é España un dos territorios onde máis forza manteñen. Un tópico falso explica que foi o franquismo o causante de tal dominio, pero en realidade esa resistencia ten máis de casualidade. O Papa Noel coas cores corporativas da Coca-Cola xa ten practicamente dominado o mundo enteiro, España (e Galicia) incluídas. Os Reis son unha anomalía; tamén o era que non se celebrase entre nós o Halloween até hai quince anos. E miremos hoxe.

Unha celebración onde un preto está no alto e recibe aplausos e vítores paréceme que, dentro do que hai, non está mal conservala.

A cuestión é que o Apalpador recibiu alento de certa xente fundamentalmente por ser un símbolo político, un factor diferenciador a respecto da cultura española. O Apalpador buscaba reemprazar os seus competidores. E nese obxectivo fracasou. Primeiro porque a tradición de facer regalos no tempo do Nadal, for o 25 de decembro for o 6 de xaneiro, leva séculos establecida, incluso entre as capas sociais menos favorecidas, e logo porque en Galicia xa conviven desde hai décadas os agasallos do Papa Noel e os dos Reis Magos. Meter un terceiro é conflitivo: Tiramos un dos outros para meter este? Cal? Teoricamente, os regalos do Apalpador danse o 1 de xaneiro. Quen ten cara de dicirlle a un cativo que a el o fulano barrigolas que reparte agasallos lle vai á casa unha semana despois ca ao resto simplemente porque vén do Courel e non do Polo Norte?

En xeral, a xente concienciada co tema optou por incoporar o Apalpador á festa. Os xenios que regalan non son competitivos e dálles o mesmo ser catro que cinco, sempre que poidan cumprir a súa misión de carburar a máquina do consumismo. A reacción esencialista castellana de chamarlle ao Apalpador pederasta entra no libro de paridas insubstanciais coma o mito de que nas matemáticas en galego se fala de tres elevado ao caldeiro. Culpa de quen o di e culpa de quen lle fai caso.

 

2 thoughts on “Os límites do experimento do Apalpador

  1. Como persoa que aborrece as tradicions e celebracions marcadas polo calendario, a irrupción do apalpador foi (case) tan molesta como a ponzoña de halloween. É que nin sequera nos teñen que convencer, o noso cerebro está continuamente buscando rituais que converter en tradición. Basta cunha chispiña de nada, un nome, unha imaxe e duas liñas de trasfondo, para que abracemos cegos esa nova pegatina nas nosas axendas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *