‘Os misterios d’A Cruña’, un folletín case esquecido
Iniciamos unha nova sección, ‘Libros soñados’, recensións de obras que se publicaron noutro tempo, noutro lugar, non neste.
Xesús González Gómez.
Os misterios d’A Cruña, de Horacio Mombao. Galaxia.
En edición de Ramón Ramos Requeixo, a editorial Galaxia, da man deste investigador e licenciado en socioloxía, segundo reza a lapela, xa que até o de hoxe era un perfecto descoñecido para nós, dá ao prelo, na súa colección Clásicos do XIX (clásicos galegos, enténdase), unha novela (sic) que até o día de hoxe nada sabían case todos, por non afirmar que de todos, os investigadores e historiadores da nosa literatura. Trátase dunha novela titulada, na esteira de Eugène Sue, de quen é debedor, como se verá, Os misterios d’a Cruña, da autoría de Horacio Mombao, outro ilustre descoñecido para nós tamén até hoxe.
Segundo escribe o editor, é dicir, Ramos, a novela, o folletín, aparecera por entregas, do 15 de xaneiro de 1847 ao 15 de decembro de 1849, no hebdomario de publicación quincenal, Terras de Maceda, revista da que ninguén sabia nada (a súa colección non está nos fondos das grandes bibliotecas de Galicia: Cidade da Cultura, Fundación Penzol, Academia Galega, arquivos das Deputacións e de diversos Concellos onde fozou Ramos, nin en ningunha das diversas universidades do país). Ramos, informa, deu cunha colección íntegra desta revista na bufarda dunha casa de seus pais a uns catro quilómetros de Maceda, sentido Ourense. A revista comezou a se publicar en 1847 e desapareceu en 1851, sendo o seu director o propio Horacio Mombao, que unha vez desaparecida a revista emigrou, segundo o noso estudoso, a México, despois de vender todas as súas propiedades, país onde morreu en 1868. Mombao, segundo Ramos, non só escribiu esta novela/folletín, senón que, seica, era o único redactor do quincenario. Un quincenario que apoiaba a política dos liberais moderados, iso si, con críticas puntuais non moi duras. Mombao, que nacera en Maceda en 1821, estudou dereito en Compostela –foi amigo/compañeiro de Antolín Faraldo– e morou uns meses na Coruña antes do seu regreso a Maceda, onde viviu das terras que lle deixou seu pai e dun pequeno despacho de avogado sito na rúa da Paz, en Ourense.
O primeiro que cómpre afirmarmos é que Mombao estaba dotado dunha imaxinación moi fecunda e que, ademais, como bo discípulo de Eugène Sue, coñecía moi ben a arte de excitar o interese, de manter a atención, de arrastrar ao lector ao dédalo das intrigas máis complicadas. Só por estas facultades podemos, así, de inicio, afirmar que Mombao puido ser o gran novelista/folletinista da literatura galega do XIX, mais segundo Ramos este foi o único exercicio literario (narrativo, xa que o editor rescata dez poemas da autoría de Mombao publicados na súa revista) do autor macedés. Tamén puido ser, de se publicar nun xornal que chegase a máis xente, o primeiro autor popular da nosa literatura. Nada disto foi posíbel.
Podiamos, seguindo tanto a Marx & Engels (A sagrada familia) como a Umberto Eco (Socialismo e consolación), facer unha critica ideolóxica» da novela/folletín de Mombao: penso que, ademais de non vir a conto, sería unha crítica fóra de lugar, por iso, acho, mellor é salientar os «acertos», se é que existen, desta novela, do seu autor.
Mombao debeu ler non só a Sue, senón tamén a Balzac, e na súa obra o drama –no fondo é un drama, folletinesco– desenvólvese sen esforzo e non abusa das digresións que son abondo fatigantes, para o lector, en Balzac ou en Sue. Mais, curiosamente, ou infelizmente, o autor, como lle acontecía ao de A comedia humana, abusa das súas facultades dunha maneira ben singular, e así, nisto talvez superior aos seus mestres franceses, semella que para el a novela é unha arte sen obxectivos. O principio do belo é completamente sacrificado ao desexo de picar a curiosidade do lector mediante pinturas ousadas e orixinais. Dá a impresión de que Mombao practicaba o principio, que no seu día criticou o poeta español Antonio Machado, segundo o cal mediante a novidade mátase a orixinalidade. Ben, o poeta de Campos de Castilla afirmaba exactamente que «os novidosos aniquilan os orixinais», máis ou menos. E o escritor galego quería ser, ante todo, novo, ou novidoso, e semella que este era o pensamento que o levou a escoller preferentemente suxeitos nada literarios e, tamén, a estimular, como bo folletinista, o gusto estragado da xente, e para producir algún efecto en padais endurecidos polo uso do augardente ou do licor café, inventa novas mesturas como botarlle pementa moi picante ao viño ou canela á augardente.
Dende as primeiras liñas deste sorprendente relato, vemos aparecer ladróns e asasinos a usar un argot, unha xerga, que farían ben en estudar os nosos filólogos (Ramos Requeixo non entra no seu estudo). Este uso do argot enriquece o estilo do autor que adoita ser, mais ben, trivial. Introdúcenos en tugurios infectos (do Orzán e outros barrios da cidade herculina) poboados de desertores, mariñeiros doutros países en procura de fortuna, ladróns, asasinos, estafadores, etc.: neses tugurios cítanse para argallaren os seus delitos ao tempo que se abandonan as súas malsás paixóns: roubos, asasinatos, violacións, secuestros, etc. Nestes tugurios, nos que as forzas da orde pública non se atreven entrar, hai violentas pelexas por un quítame a palla, por unha muller, por, simplemente, tropezar un con outro, etc.
A novela, folletín, usa de todos os recursos deste tipo de narracións: sociedades secretas, habitacións secretas, caixas con duplo fondo, corredores que ninguén coñece, casas malditas, un corredor subterráneo que une a Torre de Hércules cunha mansión sita na praza do Concello, ademais das consabidas conxuras, traizóns, crimes, violacións, etc., e… heroes que aman ao pobo pobre mais honrado. Desta vez, o noso heroe, fillo dun indiano que fixo a súa fortuna en Cuba, chámase, como quen non quere a cousa, Aquiles. Aquiles, lector de Ramón de la Sagra, namorase da filla dun honrado carniceiro. É secuestrada e alá vai o heroe a intentar liberala. Para iso ten que se adentrar no Orzán e outros barrios de mala vida cheos de clases baixas e perigosas, mais como pode supor o lector, finalmente, despois de case 800 páxinas de letra apertada, todo acaba ás mil marabillas e, ademais, resulta que a súa namorada, de nome Pimpinela, en realidade é filla do Conde de Sarria: fora secuestrada cando nena e vendida ao carniceiro. O pobo baixo ve en Aquiles a figura do seu redentor, e este presentarase ás eleccións para dende o Parlamento loitar polas clases baixas e menesterosas, tan mal tratadas por aqueles que posúen o poder político e económico.
Os misterios d’a Cruña merecía o seu rescate. Non pola súa calidade intrínseca. Moito menos pola súa posíbel influencia no desenvolvemento da nosa narrativa: non foi coñecida no seu tempo e só a 170 anos da súa aparición é coñecida en realidade polo público lector galego. En verdade a novela merecía a súa reedición porque é unha proba irrefutábel de que a metempsicose é real: a alma desta novela (é dicir, a consolación do/ao lector) reencarnouse na alma do 90% das novelas publicadas en Galicia no século XX e no que vai do presente. E, por suposto, no 99,99% das novelas dese xénero narrativo denominado infanto-xuvenil. [Tamén algún que outro lector/a ou estudoso/a pode corrixirme, e afirmar que, en realidade, non existe tal metempsicose, senón unha verdadeira e real influencia da denominada primeira novela galega (Majina ou a filla espúrea, de Marcial Valladares) na narrativa galega posterior. Influencia que continúa a exercer aínda hoxe.]
Sobre a edición e o estudo de Ramos Requeixo, só dúas palabras: mantivo o galego en que escribiu o autor corrixindo só as grallas evidentes e anotando aquelas palabras dialectais e/ou argóticas que caeron en desuso ou desapareceron da lingua falada; e, segunda, o seu estudo sobre a novela baséase nos estudos sobre a novela gótica realizados pola grande Annie Le Brun: Le châteaux de la subversion e Soudain un bloc d’abîme, Sade. Non discutiremos as opcións de Ramos Requeixo, mais intentar vincular, como el fai, a Mombao co marqués de Sade é, simplemente, unha idiotez, no sentido etimolóxico da palabra.
(Velaí algunhas palabras argóticas usadas nesta novela e das que puidemos tirar o significado:
Merluzón: bébedo incorrixíbel.
Ter os seus asuntos: cando a muller está no período menstrual.
Alarmista: can gardián
Estar nos seus asuntos: cagar.
Alianzas: o que hoxe coñecemos por esposas ou alxemas.
Vello: conscrito.
Rendeiro: comprador de obxectos roubados.
A Galiña: Praza de Maria Pita
Rosa: excremento
Cheminea: pescozo
Quinto: ladrón non coñecido polos do seu «oficio»; ladrón «novel».
Pegureiro: garda de prisión.
Pasaboi: confidente da policía.
Papasol: home sen traballo coñecido.
Subiote: home, ou muller, alto.
Piorno: cárcere.
Galdrapo: policía.)
Barcelona, 2025