BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Os nenos da varíola’, as vítimas da ciencia

María Solar.

Lois Z.

A contracapa de Os nenos da varíola di así:

“Desta volta [María Solar] achégase a unha das aventuras máis importantes da historia da humanidade, protagonizada por uns nenos que non tiñan idea de facerse heroes. Aínda que o foron. Nos seus pequenos corpos, brazo a brazo, levaron a vacina da varíola a América. Sacados dos hospicios da Coruña, Santiago e Madrid, cruzarán o Atlántico formando parte da Expedición do doutor Balmis e na que unha muller fascinante, Isabel Zendal, xogará un papel determinante. A historia comeza en 1803. Na miseria dos orfanatos. Nun barco que pode ser tamén unha tumba. Nun mar hostil e desapiadado. No medio dese universo cruel, a esperanza e un posible futuro. O heroísmo anónimo de 22 nenos que, grazas a este libro, xa non o serán máis nunca”.

Ó ler este texto ―redactado daquela maneira― un imaxina que a novela se vai centrar na historia deses 22 meniños, que “nun barco que pode ser unha tumba” cruzarán “un mar hostil e desapiadado” para levar a vacina da varíola a América ―a portada reforza esta idea―. Eu, sendo conservador, situei o final no desembarco dos cativos no Novo Mundo.

Fallei. Os nenos da varíola trata do que sucede unicamente no hospicio para expósitos da Coruña. O María Pita non abandona o peirao cos nenos ata o último parágrafo. Daquela temos dúas opcións. Ou ben a persoa que perpetrou o texto da contracapa non se informou ―xa non lle imos pedir que lera o libro, faltaría máis― sobre o aquilo do que escribía ou ben considerou necesario, por algún motivo, facer publicidade enganosa. Calquera das dúas escollas resulta unha desconsideración coa autora e cos seus lectores, porque a historia que María Solar elixiu contar é perfectamente válida e lexítima e merecía unha sinopse honesta, como a que ela mesma colgou na súa páxina web persoal.

A atención recibida na editora pode ter algo que ver coa colección na que se encadra. ‘Costa Oeste’ é, en teoría, unha sección de literatura xuvenil onde, na práctica, semella que vai caer todo o que Galaxia non se toma en serio. Se unha novela é frouxa, pegarlle a etiqueta de literatura xuvenil e soterrala en ‘Costa Oeste’ non vai amañar o problema. Vai seguir sendo frouxa, e agora, ademais, estará mal clasificada. Talvez Galaxia debería cambiar o rumbo da sección e dedicala a outra cousa.

Hai quen di que a literatura galega precisa máis lectores, outros din que está por chegar a gran novela galega. Eu creo que a maior necesidade que temos é de editores con ganas de traballar.

Os nenos da varíola está redactada nunha prosa estándar, funcional. O corazón da novela son os feitos dramáticos e de relevancia histórica que se contan e a caracterización das personaxes, tratadas sen máis profundidade que a de representar o papel canónico que xogaron nos preliminares da Expedición Balmis. A grande excepción é a de Ezequiel, o neno protagonista, personaxe ficticio que lle vale á autora para picar con liberdade en todos os puntos de interese da trama.

A novela non peca de wikipedismo, mais cae nalgunhas redundancias ocasionais cando as personaxes repiten, coas mesmas palabras, o que o narrador explicou unhas páxinas atrás. E é que o manexo do narrador é o maior punto feble de Os nenos da varíola. Un narrador omnisciente non debería achegarlle ó lector estatísticas nin describir unha estancia antes da entrada do protagonista, que é o suxeito a través do cal coñecemos a historia. Tampouco debería utilizar un ton cómplice co lector: o narrador de Os nenos da varíola é consciente de que está contando unha historia de valor humano e aprovéitase diso para captar a nosa atención. Se os narradores omniscientes emitisen linguaxe corporal, o invocado por María Solar delataría coa súa voz e xestos ―no texto detéctase no uso dos adverbios― a súa implicación case persoal na historia. Basta comprobar como no epílogo, no que a autora nos fala en primeira persoa sobre o que sucedeu coa expedición tras abandonar A Coruña, descubrimos o mesmo estilo de narración que no corpo da novela, máis xornalístico que literario.

Cabe sinalar tamén no debe de María Solar un flashback incrustado a ferro frío no capítulo oitavo, que me levou, sen saber como, dous anos atrás do tempo, e unha inconsistencia na resolución do destino de Ezequiel, cando Posse e Zendal lamentan que o neno non poida facer a viaxe a pesar de que uns días antes eles mesmos ―e o propio Ezequiel― lle pediran a Balmis que non o incluíse na lista.

Por outra banda, a súa maior virtude está, para min, na elección e tratamento do tema. Os nenos da varíola non é unha novela de aventuras no Atlántico, como creu o editor, é unha reivindicación da importancia das vacinas mesturada cunha lección de historia. É aquí onde a autora deixa a súa pegada persoal cunha crítica moi ben fundamentada ó movemento antivacinas.

A propósito do tema, non me parece, como di a contracapa, que o obxectivo do libro sexa dar a coñecer o heroísmo “anónimo” ―os nomes coñécense ben― dos 22 nenos. É cínico e condescendente chamarlle “heroe” a un individuo forzado a cometer esa heroicidade e, no caso dos nenos de tres anos, dubido que entendesen o que estaba pasando. Os 22 non foron heroes, foron vítimas. Xa o eran cando estaban no hospicio ―cualificalos de “anónimos” é un eufemismo de “involuntarios”―. Balmis valeuse dos cativos, contra toda ética, como man de obra barata baixo a escusa de que nos hospicios ían estar peor. Resulta curioso imaxinar un Balmis moderno procesado como cerebro dunha operación de tráfico de menores a escala mundial. Non sei se algunha das obras ―e un telefilme― publicadas recentemente sobre o tema aborda este escuro matiz da Expedición Filantrópica Balmis.

♦ Os nenos da varíola, de María Solar, Galaxia, 2017. 208 páxinas. ♠12,50€

One thought on “‘Os nenos da varíola’, as vítimas da ciencia

  1. O do selo de Costa Oeste ten o seu aquel, si. Semella, entre as cousas que dis, coma se a edición fose ao peso. Destinada a rematar engurrada no fondo dalgún bolso escolar ou esquencida nalgún pupitre a final de curso. Triste final para unha obra literaria que, malia todo, tivo éxito entre os rapaces do meu centro (entre os que len, digo, non entre os que o tiveron que mercar como lectura avaliable).
    O das contracapas, efectivamente, de aurora boreal.
    E sobre a túa pregunta final, Lois, malia non tocar o tema da novela en si, eu miraría “The tall man” de Pascal Laugier. Non é para botar foguetes, mais reflexiona en plan nazi sobre o destino económico e social dos rapaces.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *