BiosBardia

O país dos libros en galego

Os novos enciclopedistas europeos

_sp-ivo-andric
Ivo Andric.

Manuel Veiga Taboada.

A pesar do seu innegábel empuxe, existe aínda un espazo no que a literatura norteamericana é incapaz de competir coa europea. En realidade, é un ámbito no que, por moitos anos, será imposíbel a comparación. Trátase da novela ancorada na historia mediante múltiplas e persoais raíces narrativas. Por suposto, non falamos de novela-histórica comercial, senón doutra cousa, máis complexa e máis verosímil.

Este artigo está dedicado, en concreto, a sete autores: Sebald, Magris, Calasso, Ivo Andric. Amos Oz, Pamuk e Synge. O punto de observación de cada un deles vai desde Irlanda até Turquía, pasando por Italia, a conca do río máis importante de Europa e chega a Israel, aínda que Israel só é o final do traxecto que percorre a familia de Amos Oz, un percorrido completamente europeo.

Sebald, o observador

Sebald, alemán, afincando en Inglaterra, país no que morreu prematuramente, debido a un accidente de automóbil, é un mestre da lingua convencional –todos os autores que citamos poderían ser cualificados de clasicistas. A particularidade de Sebald encóntrase no punto de vista: a experiencia persoal, por exemplo, ao pé dunha casa na que entra e simplemente observa. Despois, a súa ollada esténdese aos arredores, sobre os que en principio parece que non hai moito que dicir. Sebald, coa súa modesta aparencia –camiña a pé– logra o obxectivo dos grandes autores: humanizar, sen sentimentalismo, a fría materia que nos rodea.

Claudio Magris.
Claudio Magris.

Sebald personaliza o azar que son as traxectorias humanas. Encontra brasas aínda quentes onde a física nos di que non hai máis que espazo e tempo.

O libro máis destacábel de Sebald titúlase Os aneis de Saturno. Son relatos, fragmentos, sen principio nin fin, como a historia do mundo. A percepción moderna ten en Sebald un dos seus máis fieis portavoces. Sebald non escribe descoñecendo a historia humana e científica europea, sobre todo a do século XX. Ademais, e isto resulta moi importante, nunca se deixa manipular polos titulares dos periódicos. Atesoura en si mesmo bibliotecas enteiras, pero só se fía das pequenas verdades que descobre ao camiñar.

Magris, a épica

Magris, o triestino, é un autor consagrado. A súa principal obra, O Danubio, é unha epopea intelectual. Custa un pouco iniciala, adaptarse, como sucede con case todos estes autores, tan documentados e ao tempo tan persoais, pero, unha vez dentro da narración, a sorpresa e a gratificación son constantes. “O Danubio” é unha enciclopedia europea que marca un camiño.

Oz, a familia

O enciclopedismo é tamén patente en Amos Oz, sobre todo nas súas memorias familiares, “Unha historia de amor e escuridade”, percorrido por media Europa, a través dos seus antepasados. Amos Oz é cálido, detallista e obxectivo como un bo manual empírico de historia.

Andric, o espazo

Un camiño parecido recorre Ivo Andric sen moverse do seu punto de observación: A ponte sobre o Drina (existe tradución ao galego en Rinoceronte).

Pamuk, o tapiz da vida

Pamuk, pola súa parte, retrata as distintas capas xeolóxicas da cidade que dá título á que quizais sexa a súa mellor obra Istambul (editada por Galaxia).

Calasso-Synge

De ton un pouco diferente son Calasso e Synge. A obra máis madura de Calasso é A folie Baudelaire e está dedicada a un tema moi tocado pola literatura, o París moderno, entre o simbolismo e o cubismo, pasando polos bebedores de asente, as prostitutas e a pintura expulsada das exposicións da Academia, pero moi pronto vencedora, o impresionismo.

John Synge.
John Synge.

Calasso retoma ideas apuntadas por Benjamin nalgúns pequenos ensaios –por exemplo as pasaxes de París– para entregarnos un auténtico texto literario, poético e profundo. Entre paréntese, digamos que estas pasaxes parisienses equivalerían, cando menos en parte, aos modernos centros comerciais. Son lugares nos que se encontra de todo, un mundo artificial e moderno, onde vales na medida do que tes.

O irlandés Synge, que escribiu As illas Aran un século antes, toma nota case topográfica da Irlanda perdida, a que aínda fala gaélico. É o outro punto de vista, o das lendas e costumes, aínda non convertidos en Historia, a das persoas aínda non tocadas pola Ilustración. Pero todo iso é Europa: París, os Balcáns, o mundo xermánico, o oriente otomán e a fisterra céltica. Estradas principais e camiños marxinalizados. Un mundo que estes sete escritores –pero tamén outros, por suposto– souberon traer á literatura de hoxe, máis obxectiva, pero non menos persoal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *