BiosBardia

O país dos libros en galego

Os retos de Francisco Castro á fronte de Galaxia

10339337_460708617397388_5822952334284777651_o
Francisco Castro Veloso.

César Lorenzo Gil.

Francisco Castro releva a Vítor Fernández Freixanes á fronte da dirección xeral da editorial Galaxia. O editor vigués terá como principal misión deseñar o modelo de negocio do selo e redefinir a súa liña editorial. Freixanes, con 65 anos, xubílase malia manter un posto no consello de administración da empresa editora.

Tras varios meses de ruxe-ruxe e especulación, aclárase o futuro dunha das principais casas editoriais galegas. O relevo de Freixanes era un segredo a voces no mundo da edición mais faltaba saber cal sería a decisión do consello de administración en canto á súa substitución. Os rumores apuntaban a unha gran fichaxe, á recomposición de equilibrios entre a parte editorial e a empresarial mais tamén a un relevo baseado na promoción interna.

Así foi finalmente. O escollido para a dirección xeral é Francisco Castro (Vigo, 1966), até agora responsable de Novos Proxectos en Galaxia, mais tamén divulgador cultural, ex presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix), formador literario e escritor, con máis de 27 anos de traxectoria.

Durante os últimos anos, Castro foi deixando a súa propia pegada no catálogo editorial de Galaxia. Da súa man chegou o cambio de rumbo tras os anos nos que era Carlos Lema quen definiu o modelo de publicacións. Se Lema apostara forte pola tradución (encargouse de converter a Paul Auster, Orhan Pamuk,  ou Anna Gavalda en autores da casa), Castro foi o encargado pola dirección xeral de afianzar proxectos que gozaron do favor do público, como as dúas novelas policiais de Domingos Villar ou a serie de libros de receitas de Benigno Campos e outras figuras do programa da TVG ‘Larpeiros’.

Nova repartición de tarefas

carlos-lema
Carlos Lema

O novo equipo directivo de Galaxia está composto por Francisco Castro na dirección xeral mais algunhas das atribucións que tiña o seu antecesor, Vítor Freixanes, recaerán agora no presidente do consello de Administración da editora, Antón Vidal Andión, especialmente as relacións institucionais, unha faceta moi importante desde sempre para o organigrama de Galaxia. Carlos Lema permanece na parcela da edición literaria e Malores Villanueva toma definitivamente as rédeas da comunicación. Freixanes permanece na codirección da revista Grial xunto a Henrique Monteagudo. Xosé Manuel Soutullo, secretario do consello de redacción da publicación, seguirá tendo un destacado papel na editora.

Galaxia, unha institución

Coa escolla de Castro remata, polo momento, o período de especulación sobre o futuro da que se considera editorial estratéxica da cultura galega. No fondo de Galaxia están as obras dos principais autores da nosa literatura contemporánea (Castelao, Blanco Amor, Fole, Otero Pedrayo, Risco, Rafael Dieste…), cun alto valor simbólico mais tamén económico, xa que seguen a ser os long sellers das letras galegas.

Mais Galaxia é, ante todo, unha institución; unha institución clave no sistema autónomo cuxo director sempre exerceu un papel social máis amplo ca o doutros editores. Figuras como Ramón Piñeiro, Carlos Casares ou o propio Freixanes foron fundamentais na análise da Galicia das últimas décadas.

antnvidalandin220415
Antonio Vidal Andión.

Castro súmase a esta ilustre listaxe con varios cometidos. O principal, seguramente, adaptar de vez a empresa á situación económica. Galaxia sufriu a dureza da crise e tivo que prescindir de varios empregados nos últimos anos. Resta por saber cal será a estratexia da nova dirección para manter a viabilidade da empresa e encaixar a filial Mar Maior, que edita en castelán, co seu público obxectivo principalmente entre os galegos de América, na estratexia xeral de expansión.

O editor vigués mostrou até agora moito interese en actualizar o catálogo de Galaxia aos gustos dos novos públicos e buscar diversificar o panel de autores e tipos de libros. Figuras como Inma López Silva ou Miguel Anxo Fernández, na ficción para adultos; ou Sabela González e Iria Collazo, para o público xuvenil; proxectos como Maria Fumaça (que combina letras con música) para os cativos deberían ser piares da Galaxia de Francisco Castro. A produción audiovisual, a dixitalización en previsión da xeneralización do libro electrónico e a innovación en libro enriquecido son retos para os que Castro xa fixo esforzos no seu anterior cometido.

Francisco Castro é un escritor con moita obra publicada e en plena forma. No 2016 presentou Amor é unha palabra coma outra calquera (Galaxia) e mantivo unha intensa promoción da tradución ao castelán de Tes até as dez (publicada en versión orixinal en Galaxia e en Suma de Letras na versión española). Manterá o alto ritmo de produción no seu novo posto? Pode seguir o ronsel de Carlos Casares, que seguiu publicando asiduamente en Galaxia aínda sendo el o director da editora.

Freixanes, o escritor que deixou a pluma para editar

08102005-img_2869Vítor Freixanes xubílase como editor logo de alcanzar algúns obxectivos vitais nese oficio que de momento só posúe el. Foi o único que dirixiu as dúas grandes editoras galegas, primeiro Xerais e logo Galaxia, por exemplo.

Cunha ampla carreira no sector, que incluíu tamén un período como editor en Alianza e Anaya, Freixanes sempre afirmaba que el era un escritor que escollera pousar a pluma para poder editar. De feito, a súa carreira literaria cinxiuse a ese compromiso de non compatibilizar ambos campos. Des que empezou a dedicarse profesionalmente á edición, só publicou dúas novelas, A cidade dos Césares (publicada por Xerais, premio Torrente Ballester, 1992) e Cabalo de ouros (Galaxia, 2010).

Mais antes de unir a súa figura pública á edición, ao ensino universitario e á Academia, Freixanes foi unha das meirandes promesas da literatura galega dos albores da Autonomía. O triángulo inscrito na circunferencia (Galaxia, Premio Blanco Amor, 1981) está considerada unha das obras máis ambiciosas das últimas décadas, pola potencia do seu universo literario e polo pulso estilístico que o autor, que daquela contaba con 30 anos, mantivo coa tradición narrativa que máis lle agradaba, desde Otero a Torrente.

Freixanes tamén se considera un xornalista e proba do seu bo facer son os seus libros Unha ducia de galegos (1976) e O Fresco. Memorias dun fuxido (1980). Asemade, o pontevedrés foi dos primeiros que usou a lingua galega acotío na radio (Radio Popular, concretamente) na década do 1970. Xa coa TVG nacida, dirixiu o espazo televisivo ‘A Trabe de Ouro’.

Freixanes foi director de Galaxia 14 anos. Viviu a época de expansión (curta) do bipartito, optou por actualizar o modelo de negocio de Galaxia con sorte desigual, arriscouse a ser o responsable das primeiras edicións do selo nunha lingua distinta ao galego e tivo tamén que lidar cunha crise que afundiu outros proxectos editoriais de envergadura. “A Freixanes permitíuselle deseñar a súa sucesión en Galaxia”, opina un editor e escritor que o coñece ben mais que prefire ficar no anonimato. “Queda por ver se decide velar polo seu legado ou voltar á literatura”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *