BiosBardia

O país dos libros en galego

Os ritos de San Xoán na Lanzada

Nati Rei.

“Levei a miña muller

á Lanzada, ás nove ondas;

leveina a desinfeitar1

e botar os demos fóra”

Popular

 

A Nosa Señora da Lanzada (localizada no concello de Sanxenxo, Salnés) é un dos santuarios máis antigos de Galicia. No mesmo espazo están os restos dunha antiga fortaleza medieval de defensa. A súa situación, nun promontorio rodeado de areais e fronte ao océano Atlántico, convértea nun lugar liminar, unha fronteira entre a terra firme e segura e o mar misterioso e impredicible. A riqueza dos seus cultos e ritos ancestrais vencellados á auga e cristianizados baixo a devoción á Virxe fai que sexa un lugar máxico.

A auga da Lanzada, entre a creación da vida e o paso ao Alén

Na praia da Lanzada ademais de facerse o famoso rito das nove ondas o día da Nosa Señora da Lanzada, tamén se realiza por San Xoán para curar a infertilidade feminina. As mulleres que non teñen descendencia agardan a recibiren as nove ondas, coa arela de concibir a súa prole. O mar costeiro, neste caso, actúa como un elemento fecundador e o número nove das ondas relaciónase cos nove meses que dura o embarazo, Nove é, ademais tres veces a Santísima Trindade. Un ritual semellante a este está documentado na praia de Louro (Muros) onde os nove golpes do mar para fecundar serven tamén para conseguir noivo.

A Lanzada. NATI REI.

Unha forma social de infecundidade é a soltería. Na véspera de San Xoán fanse ritos adiviñatorios coa auga para saber se se vai encontrar parella e quen será. Un dos métodos máis coñecidos que fai a moza solteira é poñer un ovo nun vaso con auga antes de que se meta o sol e déixao exposto na ventá, ao orballo da noite, para á mañá seguinte observar as formas trazadas da clara, que se interpretarán como o oficio do futuro mozo. Mais segundo nos di o Libro de San Cibrán, nas figuras proxectadas tamén podemos observar a sorte que habemos ter durante os próximos tempos2. Eliseo Alonso recolleu unha cantiga que dicían as mozas de Val Miñor cando ían polo camiño namentres baixaban á Concheira para recibiren o poder curativo das nove ondas; esta cantiga de consello é a mesma que recolleu Manuel Murguía das que se enunciaban ao ir á Lanzada e obter o que se desexa, e di así:

 

Ide tomar nove ondas,

antes de que saia o día,

e levaredes convosco

as nove follas de oliva.

 

Jorge Víctor Sueiro di: «que os enfermos que se bañan ás doce en punto a noite de San Xoán na praia da Lanzada e que reciben os nove golpes de onda aliavarán. E curarán se acenderon unha candea de cera virxe que se bendixera durante a enfermidade. A eficacia é maior se serviu para o Monumento de Venres Santo ou para a Candeloria e, tamén, se foi fiada por tres doncelas virxes de nome María»4.

Xosé Ramón Mariño Ferro explica que o movemento da auga e a area quieta son símbolos apropiados para unha parella no momento do coito. Cos seus movementos o mar produce escuma, que representa o seme. Como exemplo desta simboloxía temos o mito do nacemento da deusa do amor e da beleza, Afrodita ou Venus, nas culturas grega e romana, que naceu dos xenitais do deus Urano/Caelus, cortados polo seu fillo Cronos/Saturno e logo lanzados ao mar.

No Dicionario dos Símbolos de Jean Chevalier, sobre o mito de Venus dise que para os sumerios era o equivalente da deusa que mostra o camiño das estrelas, deusa do amor e da voluptousidade, pero tamén é deusa da guerra; filla da Lúa e irmá do Sol. Mostra o amencer e o crepúsculo. Partindo desta concepción, dende moi antigo era costume en determinadas zonas levar sobre as roupas unha cuncha de vieira, coa finalidade protectora e de servizo. O autor do cadro La Nascita di Venerem, Sandro Botticelli, representou a Venus no seu cadro sobre unha cuncha de vieira que simboliza a fecundidade no mundo pagán.

Venus constitúe o nacemento tanto biolóxico como iniciático, a morte dunha vida e o renacemento doutra distinta e mellor. En relación con isto, Rafael Quintía no seu traballo «A Nosa Señora da Lanzada. A Idea do Máis Alá na Xénese dun Santuario Costeiro» menciona que podemos observar, nas ofrendas funerarias dos enterramentos precristiáns da necrópole da Lanzada, a crenza de que o defunto emprende unha viaxe ao Alén. Xa que nos túmulos destaca a presenza de cunchas de vieira, así como a presenza de moedas romanas, que portaban os cadáveres posiblemente sobre os ollos. Estas moedas forman o obolus para o pagamento a Caronte, o barqueiro mitolóxico encargado de levar os mortos a través do río Estixia ou Aqueronte, segundo as fontes.

Como podemos ver, a auga que rodea este santuario tamén se relaciona co paso ao Alén e as illas, como a de Ons, son unha última morada das almas antes de cruzaren ao Outro Mundo.

A purificación na Praia da Lanzada

A ermida da Nosa Señora da Lanzada. NATI REI.

O baño da Lanzada tamén pode ser purificador e ademais das mulleres estériles, tamén o poden tomar vellos, homes e nenos. As ondas do mar considéranse un medio excelente para expulsar os espíritos malignos, e serve calquera praia para facer o rito; pero escóllese a praia da Lanzada, xa que ademais ten o seu santuario que é un lugar sacro e repele o Mal que posúe o corpo dos que están meigados. Para completar este rito de purificación pode realizarse o ritual de barrer, que se fai para «lanzar o espirito maligno do poseso». Os romeiros pasan polo espazo que hai entre o retablo e o ábside varrendo cunha vasoira. O rito que hai que facer está indicado nun cartel:

 

Unha volta darás

nela has de varrer

tres moedas deixarás

se para o ano queres volver.

 

O poder do orballo

Na mañanciña de San Xoán o orballo adquire propiedades máxicas e curativas, por exemplo contra a sarna.

No século XX acudíase á ermida da Lanzada para cubrirse co orballo. Os afectados rolaban espidos polos campos para recoller no seu corpo as gotas do resío que quedan sobre a herba, coa finalidade de curar enfermidades da pel, ou simplemente para ter boa sorte durante todo o ano.

Unha testemuña que viviu algo similar en Dorna-Cervantes (Os Ancares) conta que: “Na mañanciña de San Xoán envórcanse a xente nas searas de centeo para enchouparse e bañarse no orballo. E nas portas e ventás das casas poñen ramallos de flores para tornar o meigallo”.

Podemos apreciar como a cultura tradicional galega estableceu na noite de San Xoán unha data para a loita contra o mal nas súas diferentes vertentes, valéndose da auga coma un elemento máxico-poderoso, xunto co lume e coas herbas, que tamén teñen unha importancia relevante nesta data.

1É posible que ese desinfeitar sexa desenfeitizar.

2El Libro Magno de San Cipriano. Tesoro del Hechicero, Humanitas, Barcelona, 1985.

4Antonio Fraguas. Romarías e Santuarios, Galaxia, Vigo, 2019.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *