BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Os seres queridos’, poesía sen versos

Berta Dávila.

César Lorenzo Gil.

Berta Dávila gañou o Premio Xerais 2021 c’Os seres queridos, unha novela que hai que colocala no ronsel de obras anteriores da autora (Carrusel, Illa Decepción). A autora desenvolveu un estilo que hoxe é inconfundible. Non só porque deseña os seus universos narrativos na súa propia vida mediante a autoficción, senón porque en Galicia ninguén escribe, ninguén pode escribir coma ela. A narrativa actual de Dávila forma un macrotexto que podería lerse seguido sen notar o cambio, coma quen viaxa a través dunha rede de autovías por onde, talvez en mil quilómetros, non precisa cambiar a velocidade.

Dixen nalgunha crítica anterior da obra de Dávila que unha das características principais desta autora é que escribe para o tempo no que vive, mantén firme o seu compromiso por actualizar o discurso literario galego ao tempo que constrúe a súa particular visión sobre o que debe ser a literatura.

A historia conta o que lle sucede á narradora, nai dun neno de cinco anos, cando queda preñada de novo e decide abortar. Davila propón algo así como un xogo de espellos entre maternidade desexada e indesexada.

Os seres queridos toma ese momento vital (a “situación”, como se define no texto) como punctum desde o que irradia o resto do texto. Non hai trama, senón mosaico. Non hai personaxes máis alá da propia narradora-autora e o Neno (o fillo dela). O esquelete da obra pon ao servizo da narrativa moitos dos elementos comúns na mellor poesía contemporánea, especialmente a capacidade da escritora de relacionar o cotián co transcendente, o presente co pasado, a vida coa escritura.

Dávila domina tan ben este modelo que até se bota en falta que non arrisque máis, é tan fiel a si mesma e tan meticulosa na construción dos parágrafos que unha vez lidas as súas frases e escenas parécenos imposible que se puidesen construír doutra maneira. Non hai bordóns expresivos nin exceso de adxectivos, non hai tópicos nin escrita automática. E a pesar de que todo parece novo, de estrea, a narración flúe sen ningunha interrupción.

Os seres queridos é coma unha desas casas escandinavas modernas onde todo está colocado no seu sitio, con gusto, tendo en conta o contexto, a función e incluso o xogo de luces e sombras da estancia, sen unha peza que sobre ou que desentoe. Mais ese virtuosismo estilístico non é puramente estético, senón que embrida a incerteza e a dor que provoca a vida para amosárllela aos lectores a través dun pacto baseado no respecto á súa intelixencia e ao diálogo coa alta literatura intimista actual.Aínda que a lectura d’Os seres queridos conecta con moitas obras e autoras, coido que serve de preámbulo ou escusa para achegarse a O ano do pensamento máxico, de Joan Didion.

♦ Os seres queridos, de Berta Dávila. Xerais, 2022. 136 páxinas. ♠16,95€

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *