BiosBardia

O país dos libros en galego

Os sete Premios Xerais que gañaron por unanimidade

Iolanda Zúñiga recolle o Xerais. MANUEL G. VICENTE/XERAIS
Iolanda Zúñiga recolle o Xerais. MANUEL G. VICENTE/XERAIS

César Lorenzo Gil.

O 7 de xuño entréganse os premios Xerais, Merlín e Jules Verne na illa de San Simón. Nesta ocasión, lembramos que novelas gañaron o certame sen ningunha oposición entre os membros do xurado.

O Premio Xerais de Novela é o máis prestixioso dos que se outorgan en Galicia. Unha das chaves que o explica é que se considera que o único dos grandes premios que escollen os lectores. A fórmula é a habitual: un xurado de cinco persoas len as novelas que se presentan, primeiro escollen unhas poucas como finalistas (a cifra sempre anda entre as dúas e as sete) e finalmente, nunha deliberación final, sae unha obra gañadora. O que fai diferente o Xerais é que as persoas que len, debaten e finalmente elixen non son profesionais da crítica literaria senón apaixonados pola lectura, loxicamente próximos ao mundo do libro pero máis interesados en encontrar o vínculo entre o autor e os receptores da novela que profundar unicamente nos seus valores literarios. Este ano as encargadas do labor son as xornalistas Susana Pedreira e Montse Dopico, as profesoras Marta Fernández Alberte e Avelina Rodríguez e o libreiro Benxamín Rioboo.

Durante as 30 edicións que até agora tivo o Xerais, o máis habitual foi que a novela gañadora se outorgase polo voto da maioría; é dicir, unha novela gustoulle á metade máis un do xurado e outra (ou outras) ficaron con menos votos. Só unha vez, no 1993, houbo unanimidade para considerar que ningunha das obras presentadas merecía o galardón. “Houbo unha serie de novelas medias pero ningunha sobrancea o suficiente para gañar”, dixera daquela Xosé Luís Méndez Ferrín, secretario con voz e sen voto no xurado que se reuniu en Pontevedra. Quizais algunhas daquelas “novelas medias” acabaron publicadas. Ese é un dos segredos que comparten os membros do xurado e os editores.

En sete ocasións houbo unanimidade para, desta volta si, premiar unha novela. Cinco votos de cinco por considerar que de entre todas as posibles gañadoras, unha obra non tiña rival no intre decisivo. Tal e como veremos ao repasar a lista, as obras que se escolleron sen oposición son das máis relevantes, ben por nivel de venda ben por relevancia literaria.

De catro delas xa falamos na reportaxe sobre os dez Premios Xerais máis vendidos da historia: Herba moura, de Teresa Moure, Agosto do 36, de Xosé Fernández Ferreiro, As baleas de Eduardo Reinoso, de Afonso Álvarez Cáccamo, e Galván en Saor, de Darío Xohán Cabana, até o momento a novela premiada con máis volumes vendidos.

As outras tres son obras que no seu momento deron que falar, nacidas da fascinación contaxiosa dun xurado que non cansou de gabalas; tres obras diferentes que explican moi ben a riqueza de rexistros das letras galegas contemporáneas.

O infortunio da soidade, de Xosé Carlos Caneiro. Premio Xerais 1992, supuxo unha sonora puñada na mesa das letras propias no momento da súa publicación. A prosa exuberante, a superación dos límites do relato, a aposta por contradicir os dogmas entre literatura, mensaxe e lector seduciron todos os membros do xurado, primeiros “catadores” dunha obra que non deixa indiferente e que fixo verter moitos ríos laudatorios entre os críticos literarios. Caneiro gañaba o premio dos lectores cunha novela esixente, que non obtivo grandes cifras de vendas (Xerais non a reimprimiu desde aquelas) pero que converteu o seu autor nun dos referentes da nova narrativa, voz única que logo se foi consolidando cos outros títulos da pentaloxía: Un xogo de apócrifos (Xerais), Os séculos da Lúa, Talvez melancolía (ambos en Espiral Maior) Ébora (Xerais). Hoxe en día, o peso específico de Caneiro como renovador da prosa galega está en cuestión. Catorce anos logo de rematar o seu ciclo máis ambicioso, o escritor de Verín baixou moitos chanzos no canon.

Periferia, de Iolanda Zúñiga. Foi Comba Campoy, xornalista e actriz, a portavoz do xurado que xustificou a escolla desta novela como gañadora do Xerais 2010. O seu discurso foi tan emocionado, sentido e colorista que moitos dos presentes no acto de San Simón quedaron coas ganas de pórse alí mesmo a ler aquela novela da que todo o mundo falaba marabillas. O libro non decepcionou as expectativas: denso, diferente, valente na busca dunha modernidade que a autora viguesa decidiu colocar do outro lado do Atlántico, nun Brasil que xa entón se consideraba un xigante que se espreguizaba dun profundo sono de subdesenvolvemento. Mentres o mundo se preparaba para o novo Brasil, poderoso subcontinente capaz de organizar un mundial e uns Xogos Olímpicos en dous anos, Zúñiga viaxaba ás favelas, aos barrios baixos da megalópole latinoamericana de São Paulo para descubrir un universo infindo. Mais a escritora non utilizaba a narrativa convencional senón que sobrepuña á ficción diferentes textos: recortes de xornais, letras de cancións, fragmentos doutras obras… O xurado premiou a ambición de querer resumir un mundo en medio milleiro de páxinas. A crítica gabou a innovación pero a fascinación do xurado non se contaxiou no público. Periferia tampouco se reimprimiu. Este verán, o Brasil como concepto vai ser tendencia grazas á Copa do Mundo de fútbol. Ler esta novela é un bo xeito de “ir á moda”.

Tonas de laranxa, de María Lorenzo Miguéns e Miguel Lorenzo Baleirón. Esta é a única novela premiada escrita a catro mans. Ademais é unha desas poucas ocasións nas que os escritores que a compoñen son pai e filla. Premio Xerais 2012, foi unha sorpresa para lectores e críticos polo orixinal do proceso de creación e pola inexperiencia dos autores. A novela gañou o afecto incondicional dos cinco membros do xurado grazas ao seu universo literario, mexido nas augas do realismo máxico de García Márquez e na Galicia aumentada de Álvaro Cunqueiro, e tamén ao dominio lingüístico que vai ferrando cada páxina do libro. Tonas de laranxa é unha novela coral, de personaxes sobre os que domina a atmosfera donda de Moreira, unha vila inventada que viviu a plenitude grazas á industria da seda mais que no tempo da narración vive nunha atractiva decadencia de cuartos en penumbra e tiquetaques de reloxos de caixa de madeira. A novela, a diferenza da maioría das que foron escollidas por unanimidade, non deixou pegada a longo prazo, ben crítica ben en número de exemplares vendidos.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *