‘Os Suicidantes’, guión frouxo, gráfica anticuada

Edu Maroño.
Tomás Guerrero (Valencia, 1972) debutou como autor de banda deseñada con A deserción de Stalin (Demo, 2015), falso documental de ton conspiranoico que parodiaba os lugares comúns dos relatos de espionaxe e as ficcións ambientadas na Guerra Fría. Malia estar tamén ambientado nos anos seguintes ao final da II Guerra Mundial, o posterior Tanta paz leves… (Demo, 2019) deixaba de lado as pretensións humorísticas e adoptaba un estilo máis oblicuo para dar testemuño das retesías persoais xeradas polo conflito. O apartado gráfico reflectía este cambio de orientación, substituíndo as formas caricaturescas do primeiro traballo por un rexistro máis realista no que se intuían referencias fotográficas. Guerrero optaba pola páxina como unidade narrativa, distribuíndo en cada prancha as imaxes que forman a secuencia narrativa sen sometelas á xeometría das viñetas, un pouco ao xeito de Sergio Toppi aínda que, loxicamente, sen o inaccesible virtuosismo do mestre italiano.
Este mesmo xeito de narrar é o que atopamos en Os Suicidantes (Xerais, 2023), o máis recente traballo de Guerrero en colaboración con Diego Ameixeiras (Lausanne, 1976). O novelista ourensán explica nos paratextos deste volume que a primeira idea do proxecto xurdiu da forza suxestiva dun neoloxismo, “suicidante”, que o escritor uruguaio Horacio Quiroga emprega nun dos relatos do seu célebre volume Cuentos de amor de locura y de muerte. Ameixeiras enche de contido o concepto trasladándoo a unha Compostela futurista, dominada por un poder institucionalizado chamado Normion que esmaga as arelas vitais dos cidadáns exercendo un abafante control social. Nin sequera o suicidio é unha vía de escape para os oprimidos, xa que Normion desposúe os herdeiros dos que se quitan a vida. Xorde entón unha organización subversiva, os Suicidantes, que executa as persoas que non queren seguir vivindo, permitindo que os seus descendentes eludan a sanción de Normion. O asasinato convértese nunha acción altruísta e o suicidio colectivo pasa a ser unha forma de resistencia fronte a opresión.
A proposta de Ameixeiras e Guerrero constrúese arredor dunha confrontación entre un poder totalitario, que pretende controlar as masas para poñelas ao seu servizo, e os que tentan recuperar a liberdade máis esencial, a de decidiren sobre a súa propia vida. O seu referente máis claro semellan as distopías clásicas, aparecidas na primeira metade do século XX como resposta aos movementos totalitarios daquel tempo e que, coma neste caso, escenificaban a loita do individuo contra o asoballamento do poder político. Pouco ou nada atopamos da máis recente mutación do xénero, acontecida co cambio de século a raíz do éxito de sagas literarias coma The Hunger Games, de Suzanne Collins ou Divergent, de Veronica Roth e cadansúas adaptacións cinematográficas, que toma o público xuvenil como destinatario preferente e expresa preocupacións contemporáneas coma a emerxencia climática ou os conflitos relacionados coa identidade. Os Suicidantes desenvólvese como unha combinación de relato melancólico, sentimental por momentos, e reflexión política, coa que os autores exploran o dilema entre unha ortodoxia revolucionaria condenada ao fracaso e un posibilismo que renuncia ao seu propio potencial subversivo pactando co poder.
Guerrero recorre a un expresionismo escuro, de formas vidrosas e abundante mancha negra, un rexistro tortuoso e ríspeto, máis duro ca en traballos precedentes, que supoñemos vinculado ao ton agre e pesimista do relato. Entre os seus acertos, as imaxes facilmente recoñecibles dunha Compostela decadente e salvaxe, na que o avance da natureza funciona como síntoma do declive civilizatorio. Alén dese aspecto, se algo caracteriza o desenvolvemento gráfico do cómic son as numerosas decisións desconcertantes que entorpecen dun xeito notable a lectura. Abundan as desproporcións anatómicas, as figuras ríxidas, as perspectivas discutibles. Recórrese insistentemente á repetición de imaxes idénticas da faciana dos personaxes cun fin expresivo cuxo significado nos resulta indescifrable. Elementos visuais coma as onomatopeas ou os globos exclamativos preséntanse baixo formas crúas máis propias dun cómic pop dos 70 ca dun título actual. Igualmente anticuado resulta o uso de frechas para indicar o sentido da lectura, recurso que hoxe só pode imputarse a un debuxante que desconfía da súa propia habelencia narrativa ou da capacidade interpretativa dos lectores. Os lances de acción resólvense cunha rixidez tan estridente que custa crer que non sexa deliberada. A sensación de desconcerto acompaña a lectura do volume de principio a fin: hai algún propósito detrás dun desenvolvemento gráfico tan abrupto?
A irrupción no eido da banda deseñada de Diego Ameixeiras, novelista cun peso crecente no sistema literario galego, xerou unhas expectativas ás que Os Suicidantes non consegue dar resposta. A falta dunha proposta argumental ambiciosa unida a un desenvolvemento visual desapracible e confuso lastran un título que, por outra banda, ocupa unha posición singular, case única, no catálogo de Xerais, editora na que a presenza de novela gráfica de orientación adulta resulta anecdótica.






