‘Os últimos’ vs ‘A empatía do espectador único…’
Xornada 7 (derradeira) da Liga Maruxairas da Primavera 2021. Duelo entre María Pais e Érica Couto.
Os últimos
Érica Couto.
Vimos a Xasón tropezar nos cravos que amarraban as táboas do palco. Rimos coa maquixalle de Medea, ríxida e ennegrecida coma un fumeiro. Apartamos a mirada do escenario cando o coro recitou a destempo, pisando as frases sen xeito: foi vergoñoso.
Cando Helio chegou nun carro de cartón e levou consigo a Medea, respiramos aliviados. A xente que asistira á traxedia ergueuse das cadeiras de plástico e dispersouse pola praza antes de que Lorenzo tivese tempo de dicirme:
—Que ganas de fumar un pito!
—Eu tamén —respondín mentres tomaba impulso para porme de pé. Pero as pernas quedaron como petrificadas, coa pel suada das coxas pegada ó plástico branco e un peso de morte que tiraba de min cara abaixo.
—Imos…? —deixou Lorenzo a medio dicir, coas mans apoiadas nos repousabrazos e o corpo inclinado cara adiante—. Bah, podemos fumar aquí, ou? Total, non hai ninguén.
Colleu o paquete de picadura e púxose a lear cadanseu cigarro.
Tiramos bocadas de fume en silencio, co sol de xullo que baixaba amodiño por detrás dos teitos. A furgoneta da compañía teatral seguía aparcada nun lado, e o escenario, espido de presenza humana e co atrezo aínda disperso que os actores non se molestaran en retirar.
Botei man do bolso e colgueino do ombreiro. Dez cadeiras de plástico á esquerda había un magnolio. Cabo do arbusto, un banco. E xunta o banco, unha papeleira. Non podía ser tan complicado levantar o cu, camiñar entre as filas apretadas de asentos e botar a cabicha no lixo en vez de estar dándolle voltas entre os dedos.
Tiñamos que ser capaces, non?
—Poderiamos ir dar unha volta. Aínda é cedo.
Pero eu non me me movín e Lorenzo quedou calado, mirando sempre o palco como se agardase que outro deus ex machina viñese tirarnos daquela parálise. Helio marchara había tempo e agora percorría os últimos lenzos de luz do horizonte.
—Queres unha mazá? Toma —porfiou.
Trincamos a pel tesa da froita, sós no silencio da praza. Comemos sen ganas, atrasando ese momento no que un dos dous lanzaría unha invitación a deixar a masa branca de cadeiras apiñadas. No fondo, sabiamos que as nosas carnes enfeitizadas non ían responder. No fondo, tiñamos medo.
—E se lle tomamos unhas cañas no bar dos soportais antes de tirar para a casa? —propuxo Lorenzo en agonía.
Vireime. O bar estaba pechado. Nas tendas non había ninguén. A panadería e as oficinas da inmobiliaria tiñan a persiana botada.
—Si, tomamos. Pero antes, botámoslle outro pito.
A empatía do espectador único (Acto final)
María Pais.
03/12/20, 19:09 -Lau: Teño q falar contigo. Cando poidas
05/12/20, 15:35 -Lau: Teño q comentar algo contigo. Novidades importantes. Se podes chámame
15:35 -Lau: Chámame á noite. Grazas
09/12/20, 21:12 -Lau: Ola
22:06 -Lau: Como queiras. Respectarei o teu silencio. Boas noites
15/12/20, 21:19 -Lau: Téñote chamado algunha vez para preguntar como estabas
21:19 -Lau: Pero nunca foi fácil comunicarse contigo
21:19 -Lau: Todo ben?
21:20 -Iván: Si. Todo ben.
21:20 -Iván: Espero que ti tamén
21:21 -Lau: Por fin. Gustaríame falar. Pero como complicado
21:24 -Iván: Que é? Agora non podo
21:24 -Lau: Cando podería chamarte?
21:26 -Iván: Pero q é?
21:26 -Lau: É algo referente a min. Cambios que vou facer
21:45 -Iván: E q cambios?
21:45 -Lau: Mira Iván teño certa elegancia para facer as cousas tanto para abrir como para pechar portas. E teño tamén certos límites
22:01 -Iván: Bueno. Xa falaremos entón se non queres adiantarme nada
22:02 -Lau: Non quero comentalo por wassap
22:04 -Lau: Merezo un mínimo da túa atención despois de tantos anos de amizade. Non cres?
22:06 -Lau: Deberías poñerte tamén no meu lugar. Non só facer o que che parece a ti. Ter empatía xa sabes
22:06 -Lau: E eu non son igual ca ti pero merezo o teu respecto
22:09 -Lau: Hai xa bastante tempo q intento dicirche algo pero ti non devolves chamadas nin tes consideración sobre o q quero e non podo comentarche.
22:09 -Lau: É como se non che importase nada de min
22:10 -Lau: En fin eu non me rompo máis a cabeza contigo á miña idade xa sei quen son o que ofrezo e merezo. Por iso non me gusta xogar nin coas persoas nin cos sentimentos.
22:11 -Lau: Pensei q despois de tantos anos de amizade poderías ser máis coidadoso e respectuoso comigo. Boa sorte pero está claro q non queremos nin ofrecemos o mesmo
22:15 -Iván: Síntoo Laura. A miña intención non é molestarte. Xa falaremos. Deixa pasar algún tempo
22:16 -Lau: Non funciono coma ti. Eu xa tomei as miñas decisións
22:16 -Lau: Despois dos últimos acontecementos
22:16 -Lau: Está claro o que vin. E teño que coidarme e valorarme
22:16 -Lau: E non podo permitir que me fagan dano nin que xoguen comigo
22:17 -Lau: Eu non preciso de tempo xa decidín
22:17 -Lau: Non espero a túa resposta eu tamén conto nesta historia non son invisible
22:17 -Lau: E non podería estar con alguén q non me valorase nin respectase
22:18 -Lau: Pero evidentemente ti non es esa persoa.
22:18 -Lau: Quíxente moito por iso loitei con todas as miñas forzas por ti.
22:18 -Lau: Pero entendín hai tempo q o afecto non se debe mendigar e xa pedín perdón por iso
22:19 -Lau: Non é que estea arrepentida pero sei q non se ten q mendigar seguro
23:15 -Lau:
23:23 -Lau:
23:55 -Iván: Perdoa. Quedou sen batería.
23:56 -Lau: Non quero volver a verte nin comunicarme contigo.
23:56 -Lau: Fasme dano
16/12/20, 00:47 -Iván: Vale
‘Os últimos’ Resultoume moi simpatico, os dialogos sentironse moi naturais e a historia fluiu de xeito moi agradable.
‘A empatía do espectador único…’ Un formato interesante como é o do WhatsApp, é un bo relato pero se cadra creo que este formato non é propicio para drama por que queda moi diluida. Aínda que só é miña opinión e iso si consegue ser totalmente crible,
Meu voto vai para o último
‘Os últimos’
Outro moi bo duelo e outra parella de relatos na que non acabo de identificar o quid, a chave de bóveda, o factor clave. Culpa do animal debe ser, porque xa me pasou así con outros textos desta semana.
Os últimos
Encántame a situación, a circunstancia. Escápaseme o motivo polo que os dous protagonistas con se levantan da cadeira. Que será? Un encantamento de Medea? De non ser así, creo que os dous primeiros parágrafos sobran. E se se quitan os dous primeiros parágrafos, o relato toma unha dimensión bestial. As posibilidades vólvense infinitas. Probade.
A empatía do espectador único (Acto final)
Encántame o formato. Creo que é o que vai substituír o estilo epistolar na literatura. Gústame que se innove, sempre, que se arrisque, pero a verdade é que, tras tres lecturas non lle dei collido o punto a historia.
O meu voto vai para Os últimos.
“Os últimos”: Gustoume a estrutura e a historia, ou máis ben, a idea. Porque aínda que formalmente é estupendo este relato, non lle vin o aquel ao final. Non acabo de saber se están enmeigados e pegados ao asento (neste caso, agradécese un porqué) ou se non queren marchar para non separárense (e neste caso algo me falta). Seméllame que o relato despega maxistralmente e logo vacila no ceo e non sabe aterrar.
“A empatía do espectador…”: Paréceme xenial, como xa se ten comentado, o uso da imaxe dunha forma menos literal, pero non sei se entendo a relación do texto co concepto de espectador. Gustoume o atrevemento de usar un formato distinto e creo que o recurso está ben empregado… pero a historia non a entendo. Cal é o obxectivo? Que procuran as personaxes? Que aporta que sexa unha conversa de guasap se os textos son longuísimos (agás polos “q”) e ninguén di nada? Síntoo moito porque lle vexo de fondo a dor da protagonista, pero non poido empatizar con quen di que ten algo importante que contar e logo non di nada.
O meu voto vai para “Os últimos”.
E último comentario. Paréceme algo idóneo, posto que ao ser sempre dos últimos en comentar, quédome un pouco como os da foto, sentado ata que apaguen as luces. Foi unha liga de moitísimo nivel, e penso que puiden aprender un pouco de todos vos, así que grazas¡ Agardo vervos noutra¡
Os últimos recórdame a un relato que lin fai anos sobre un home que non é capaz de erguerse do seu coche. Non dou recordado o título, pero penso que era igual de bo ca este. O introdución teatral é xenial e mantén a ton ata o final, como din os compañeiros. O dialogo é rápido, en contraste co sentimento estancado da escena. O final encáixame ben, porque non agardaba que fose a ningún lado. Quédome igual que os protagonistas, esperando non sei moi ben que.
A empatía do espectador único, bastante bo titulo, consegue que atope nunha conversa de whatsapp tan ben imitada que parece copiada, o ton desalentador dunha situación parecida. Creo que o formato non da para moito máis neste caso, pero dende logo, sabe sacarlle partido. Un relato correcto cun formato arriscado.
O meu voto vai para Os últimos.
Aquí as duelistas optaron por historias radicalmente distintas, en ton e forma.
‘Os últimos’: Encántame o surrealista da situación. Tampouco teño claro que lles impide levantarse, pensaba que quedaran pegados ás cadeiras pola suor, pareceume unha explicación acorde ao ton absurdo e hilarante da historia, e tampouco me molesta non estar segura de que sexa ese o motivo.
‘A empatía do espectador único (Acto final)’: Paréceme orixinal plantexar o relato coma unha conversa de WhatsApp, é atrevido. Por outra banda, aprecio unha crítica ás dificultades de comunicarse a través deste tipo de aplicacións. Pero quitando isto, o texto non me convenceu, penso que non se logra o efecto desexado, e deixoume bastante máis indiferente do que debería.
O meu voto é para ‘Os últimos’.
Uf, un duelo moi moi interesante, onde de intentaron cousas atrevidas, mesmo ao final do torneo, só por iso xa paga a pena parabenizar ás duelistas.
“Os últimos”. Encántame este relato. Consegue unha das cousas que me parecen máis difíciles, máis aínda nun formato tan curto, que é construír un ton propio, unha atmosfera onde os acontecementos teñen sentido por si sós, polo feito (e xeito) de narralos. Ten ese puto entre o surreal e o alegórico dun Esperando a Godot, ou algúns contos de Kafka, onde hai eventos extraordinarios que parecen responder a algunha idea superior, pero que para os personaxes só antenden pola vía material. Se non me parece perfecto é porque estou dacordo en que gasta un pouco de enerxía de máis nos dous primeiro parágrafos, que parecen desequilibrar a balanza que despois se afina tanto. O final por exemplo paréceme perfecto en cambio. Un gran conto, para min dos mellores do torneo.
“A empatía do espectador único (Acto final)”. Un bo conto tamén. Arrisca polo formato, e perfe moitas palabras niso, unha escolla atrevida. Penso que a idea da forma si ten sentido aquí, xa que a idea era a da conversa unidireccional e cobra un sentido distinto nunha conversa de whatsapp. Penso que está ben xestionado o punto de drama ao longo do relato, sen caer no melodramático pero rozándoo. Estou dacordo en que o punto frouxo é que como precisa comezar moi arriba xa, polo límite de palabras, sufre dun clímax precipitado, todo chega demasiado cedo. Aprecio o risco e o conto a min chegou a tocarme, pero ten eivas e un rival moi forte.
Voto por “Os últimos”.
Fin? Mágoa. Despídome cunha derrota estrepitosa ai! Parabéns a Érica polo seu gran relato e polo campionato que fixo, que se non me equivoco a fai xusta gañadora. Grazas a todos os que facedes comentarios para mellorar. Quero feliciatar especialmente a Guillermo que ten un talento moi grande para comentar as eivas e as fortalezas, e as cousas que se deixan un pouco en segundo plano para o que queira facer segundas lecturas.. Diches no cravo en moitas ideas que se me pasaron pola cabeza ccando escribín os contos e algúnhas nin sequera me deu tempo a interiorizalas se non as vexo escritas por ti. E sempre de xeito respectuoso, quero comentar así de ben.. Gustáronme moitos dos contos, todos sodes moi bos, de cada un podería escoller dous ou tres, pero así en xeral, creo que o que demostrou moito talento e orixanilidade,,un estilo moi fresco e nada aburrido foi Anxo Vacca. Creo que lle votei todos os duelos.. Anxo, se andas por aí dime onde podo seguir lendo o que escribes! Non me gustaría perder o contacto con ningún e non sei cando vai haber outra liga,, así que se tedes algún sitio onde compartir lecturas e relatos decídime como facer,..aperta