BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Oso, mamá, si’?: recendo a roupa estendida

Detalle da capa de 'oso, mamá, si?', de María Lado.
Detalle da capa de ‘oso, mamá, si?’, de María Lado.

María Lado é unha poeta cuxa obra non só está nos libros. Nacida no Batallón Literario da Costa da Morte e criada na Compostela poética que achou que a finais da década do 1990 o que viña substituír a peseta era o verso, e non o euro, a escritora madureceu nas táboas canda Lucía Aldao espallando os seus espectáculos lírico-cómicos por xalundes.

O seu libro oso, mamá, si?, publicado por Xerais, incumpre un deses tópicos literarios sen pai coñecido que case sempre recordo nas críticas: as persoas felices non escriben, viven. María Lado escribe sobre a felicidade. A obra xira ao redor do nacemento da propia crianza da autora, que se converte en obxecto de inspiración desde o que flúe, con gran fortaleza, un universo literario de gran beleza.

Lado é unha das mellores poetas vivas en Galicia. E con este libro demostra que vai avantando segura sobre os chanzos dunha obra sólida, luminosa e con tres calidades moi difíciles de replicar.

A frescura

Quizais o adxectivo fresco é o primeiro que lle vén á mente ao lector cando bebe dos versos da autora de Cee. Os seus versos recenden a roupa estendida, mestúrase o vento co aroma do xabrón nunha atmosfera atlántica que sabe xogar con gran mestría con elementos da propia infancia (de aí esa inocencia, esa capacidade de asombro permanente) e mais imaxes en aparencia anódinas, materia prima que noutras mans carecería de ningunha dimensión artística.

A maxia do cotián

E é que Lado ten unha capacidade extraordinaria para cumprir esa frase de Johan Cruyff que tanto se espallou desde a súa morte: “Facer fútbol é fácil, facer un fútbol fácil si que é complicado”. Onde pon fútbol poñan poesía e aí aparece María Lado co 14 ás costas. Esa naturalidade no tratamento do feito cotián, da rutina conséguese en base a moito traballo, a moito descarte, a puír e puír as imaxes até que quedan nese punto concreto no que os bordos dos obxectos do día a día, así de repente, perden a lóxica das súas formas e viaxan cara á maxia en ramalletes de luz.

O Atlántico

A costa, o Atlántico, son elementos constantes na obra de Lado. A construción literaria da autora non se conforma con elevar a propia lingua viva do seu territorio (que se degusta mellor, claro está, cando recita). En moitos dos seus versos inmortaliza a xeografía natal. En toda a poética da escritora, esa toma de terra ten varias dimensións: sentimental, física, espacial… Por momentos, recorda a Manuel María e á súa épica das cousas pequeniñas. Neste libro a escritora faille trampas á nostalxia, esquiva o pasado transformándoo nunha especie de presente permanente. Os recordos e as vivencias de arestora entremestúranse con habilidade e conseguen conservar os latexos. Para logralo, Lado manexa con man experta dúas calidades: o coidado ritmo dos versos, por un lado, e o rexistro familiar, cariñoso, íntimo da lingua usada.

♦ oso, mamá, si?, de María Lado, Xerais, 2015. 50 páxinas. ♠12,50€

César Lorenzo Gil.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *