‘Outono aquí’, unha reedición acertada

César Lorenzo Gil.
A editorial Menino Morreu reedita Outono aquí, a obra coa que Mario Regueira gañou o Premio Lueiro Rey de Novela Curta no ano 2011. Estamos diante dunha novela de dous personaxes, protagonizada por dous irmáns: Xoán, músico de éxito que sofre un cancro grave, e mais Guillerme, que vai visitalo a Gante co temor de que esa viaxe sexa o preámbulo á morte do último familiar que lle queda, logo de quedaren orfos por mor dun accidente.
A novela ten un narrador en terceira persoa e aparicións especiais, case coma a de francotiradores, das voces dos dous irmáns protagonistas e algunha outra personaxe, a xeito de monólogo que enunciados para outro, entendemos que en silencio. Ademais, hai outro fluxo narrativo, máis lírico, que Regueira utiliza para cinxir o seu texto a determinados temas musicais. Esta polifonía, aínda que ao primeiro confunde un tanto a lectura, ao final é un dos grandes achados da novela, unha sutil innovación que a fai máis ambiciosa do punto de vista literario sen que perda o pé en ningún momento.
O uso de subordinadas dálle á novela un ton académico, clásico, asentado, que lle engade solidez á obra, mais tamén a fai máis lenta. Mais os moitos diálogos equilibran os pesos da narración.
O malo é que sobran a metade dos diálogos, ben por intranscendentes, ben por artificiosos. E é unha mágoa, porque a outra metade leva gran parte do peso desta novela, compón a personalidade dos personaxes e serve de contrapunto máis dinámico e lixeiro ao ton xeral da narración.
Regueira aproveita o contexto da narración para deitar unha mirada máis sociolóxica sobre diversos aspectos que rodean a Xoán e a Guillerme: desde a psicoxeografía (como a autoestrada condicionou a vida na aldea natal dos personaxes, como o turismo deseña a vida en Gante…) á identidade sexual, pasando polo desarraigo. Outono aquí, malia certos lastres xa comentados, é unha novela cunha trama sinxela, pero moi ben armada, cun toque xuvenil que lle senta ben. É pena, no entanto, que a reedición da obra non servise para limpar de erros e grallas o texto.
♦Outono aquí, de Mario Regueira. Menino morreu, 2022. 186 páxinas. ♠10€