Paasilinna, autor galego
César Lorenzo Gil.
O escritor finlandés Arto Paasilinna morreu hai un mes aos 76 anos. Non visitou Galicia mais a súa relación coas nosas letras é especial. A súa obra foi a primeira de lingua finesa que se publicou en galego. Isto permitiu crear unha comunidade de lectores e admiradores do escritor escandinavo como membro da biblioteca galega.
O bosque dos raposos aforcados é o primeiro e un dos últimos libros publicado por Rinoceronte Editora, selo especializado en traducións. “Coñecín a Paasilinna pola versión castelá d’O ano da lebre, publicada por Ediciones de la Torre en 1998″, recorda o director da editorial, Moisés Barcia. “A partir de aí, merquei varios dos seus títulos publicados en italiano pola editorial Iperborea, especializada en literatura nórdica, e foi cando coñecín, entre outras obras, O bosque dos raposos aforcados e O muiñeiro ouveador, ambas obras publicámolas en 2005 e 2007, respectivamente. Estas foron as que máis me gustaron do autor, e o feito de contarmos cun tradutor capaz de vertelas directamente ao galego deunos o impulso definitivo. O feito de que O bosque dos raposos aforcados fose o primeiro título publicado por Rinoceronte dá unha idea da aposta que supoñía Paasilinna para nós”.
Tanto é así que o “estilo Paasilinna” se converteu nun símbolo do que quería conseguir o catálogo de Rinoceronte. “En efecto, queriamos que Rinoceronte ofrecese unha aposta novidosa e de calidade”, subliña Barcia, “e grazas á nosa edición d’O bosque dos raposos aforcados moita xente en Galicia (e algunha en Portugal) leu por primeira vez literatura finlandesa e descubriu que lle gustaba. Ao final era posible publicar e vender cun modesto éxito obras internacionais máis alá de todo o que nos chega do ámbito anglosaxón, aínda que tamén cómpre sinalar que non todos os autores publicados por Rinoceronte tiveron o éxito de Paasilinna, nin os outros libros do autor tiveron o éxito d’O bosque dos raposos aforcados. Paasilinna era un exemplo do que nos gustaría ofrecer, e non sempre conseguimos”.
A pesar de que o éxito de Paasilinna no mercado galego é irregular, o finés é o nome de maior éxito do catálogo de Rinoceronte. “O bosque dos raposos aforcados é a obra máis exitosa de Paasilinna, xa que se veu reimprimindo ininterrrompidamente dende a súa publicación en 2005 e recentemente acaba de ser obxecto dunha reedición. Aínda así, as vendas totais que acadou este “best-seller” foron duns 3.000 exemplares en 13 anos, o que dá unha idea da modestia e cativeza das nosas cifras. É un libro ó que lle temos moito cariño na editorial, porque nel conflúen o aprecio do editor, da crítica e dos lectores. O segundo libro de Paasilinna que publicamos, O muiñeiro ouveador, funcionou de maneira moito máis discreta”.
Ese tradutor que foi cómplice de Barcia na aterraxe de Paasilinna á literatura galega é Tomás González Ahola. “Finlandia é un país que coida moitísimo os seus escritores e artistas”, comenta. “Para eles, teren literatos internacionais como Paasilinna é motivo de orgullo nacional. Porén, tamén é certo que el sempre foi un escritor un bocado incómodo que non acabou de estar ben visto por certa parte da poboación. As súas caricaturas da sociedade finlandesa, a súa crítica á perfección de reloxo suízo coa que supostamente está artellada, valéronlle tamén algúns detractores. Isto amplificouse un pouco algo antes do ictus que sufriu en 2009, cando comezou a acusar un comportamento se cabe máis antisocial do que era habitual nel. Detivérono por conducir en dirección contraria, aparecía bastante bébedo en eventos públicos, etc. Porén, fóra destas anécdotas e da envexa inherente ao éxito, era todo un orgullo nacional”.
Ahola descoñece con certeza se o escritor era consciente de que existían obras súas traducidas ao galego aínda que pensa que si, xa que os exemplares de Rinoceronte están expostos na biblioteca Akateeminen de Helsinki, a máis importante da cidade.
Para Barcia, pódese atopar un elo común entre Finlandia e Galicia polo que o lectorado galego se pode identificar con Paasilinna, a natureza. Mais non por analoxía senón por desemellanza. “O amor pola natureza que se sente en Finlandia (e que se reproduce á perfección nos libros de Paasilinna, protagonizados a miúdo por unha persoa que foxe da cidade para refuxiarse nos bosques e nos lagos) non se pode comparar nin remotamente co maltrato de que é vítima aquí a paisaxe, e que converteu o noso país nun eucaliptal. Hai que lembrar que o propio Paasilinna foi, entre outros moitos oficios, gardabosque”.
Ambas culturas están ben afastadas, tanto xeográfica como lingüisticamente. ” A lingua finlandesa é extremadamente complexa, e moi diferente da galega”, explica Ahola. “Hai que facer moito choio na sintaxe, pois a da lingua de orixe é moi plana e simple, case sen subordinación, e unha tradución literal resulta estraña. Pero quizais o máis complexo de todo é o nivel léxico. O finlandés é unha lingua moi rica en determinados termos, especialmente os relacionados co son. Debe de ser cousa da soidade e o silencio dos bosques e os lagos, pero cada renxido, cada estralo, cada murmurio, sexa de animais, regatos ou árbores, ten un termo concreto cuxa fonética recorda precisamente a ese son. Hai veces que pasas media hora perante unha soa palabra até que te ves forzado a transformar toda a frase para tentar non perder os matices”.
Rinoceronte publicou hai unhas semanas O ano da lebre. “Estamos pensando en publicar unha novela gráfica baseada n’O bosque dos raposos aforcados“, adianta Moisés Barcia.