BiosBardia

O país dos libros en galego

Pablo Pesado: “Pensei ‘A Converxencia’ como unha versión escura, aséptica e incómoda de ‘Cien años de soledad'”

Pablo Pesado.

Coñece os participantes do Torneo Aira de Novelas: Pablo Pesado

Pablo Pesado debuta en Biosbardia neste torneo e o seu proxecto é mostra dos enfoques tan heteroxéneos que teñen as propostas de cada un dos oito participantes no Torneo Aira de Novelas.

Nacido en Ferrol no 1992, Pablo Pesado é doutor en Estudos da Literatura e da Cultura pola Universidade de Santiago de Compostela; as súas áreas de investigación son a socioloxía da literatura e a literatura comparada. Exerce como profesor de Lingua e Literatura Galega no ensino secundario. Tamén é membro do Consello de Redacción da revista Clara Corbelhe.

Así nos fala da novela que iremos lendo, avaliando e votando a partir do 17 de novembro:

“A novela que presento chámase A Converxencia. O punto de partida é convencional: o mundo humano acaba. Un furado negro e sen fondo aparece nalgunha rexión do orbe terráqueo; o mundo arredor pasa a ser plano e a dividirse en seccións perpendiculares ao burato, unha de cada dúas desaparece da existencia. O que fica é un universo achaiado e converxido. A Terra xa non pode virar arredor do Sol porque non existen órbitas; porén, a luz continúa a aparecer e a desaparecer segundo ritmos imprevisíbeis”.

Mais malia o adxectivo “convencional”, Pesado opta por un enfoque moi persoal:

“A idea que vertebra o proxecto, pois, é puramente espacial antes do que narrativa; imaxinar un lugar en que a realidade está enfraquecida, como se a deidade que a sustenta estivese a cabecear. Nese lugar acontecerán cousas, con certeza; mais non se dirixirán para ningunha revelación inesperada nin tampouco para unha conclusión moralista sobre a nosa responsabilidade na apocalipse. Os únicos superviventes son as persoas que moraban próximas ao centro da catástrofe; van eludindo a fame e a endogamia como poden —quere dicir, con pouca fortuna. A partir de aí, mil, dous mil, tres mil anos de historia, unha sociedade agraria que vai evoluíndo en direccións —espero— pouco previsíbeis. Tamén hai alieníxenas, distorsións ontolóxicas e se callar algún deus; mais o meu obxectivo é que todos eses elementos desfilen polo foco narrativo coa monotonía propia dos tempos da vida camponesa. Nalgún momento da concepción do proxecto penseino como unha versión escura, aséptica e incómoda de Cien años de soledad; convénceme como posíbel propaganda, embora xa poida adiantar que o resultado empírico non vai gardar moitas semellanzas reais co referente orixinario”.

A pesar de que a novela xa está moi asentada na mente do autor, Pesado espera polos comentarios de lectores e compañeiros: “Tal e como proxecto a novela —mais todo pode aínda mudar en función da retroalimentación que me derdes—, o único final lóxico é que todo acabe subitamente e porque si. Espero, porén, que o que decorra entretanto pague a pena”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *