Paga a pena ler nos institutos?
César Lorenzo Gil.
A lectura na adolescencia é un dos grandes campos de batalla das políticas de fomento deste hábito, considerado positivo socialmente. A lectura de ficción está considerada un factor moi importante na consolidación dos futuros lectores adultos, polo que existen non só programas e estratexias colectivas para conseguir os mellores resultados senón que tamén se xeran debates internos sobre que tipo de lecturas son as máis adecuadas para que a mocidade aprecie ler sobre outras opcións.
Dunha banda, especialistas recomendan que o ensino secundario sirva para que o alumnado coñeza as principais liñas do canon literario universal. O ensino, que noutras materias en efecto diferencia o gran da palla e xerarquiza os coñecementos, propón unha batería de obras e autores como “fundamentais”. Esta liña pedagóxica propón ler algúns clásicos, tamén contemporáneos, e vincula o estudo dos xéneros literarios a crear un gusto, a aprender a ser máis esixente na lectura. Este era o xeito que tiña de aprendernos literatura no instituto Jacinto Barreiro, o mellor profesor que tiven nunca. Seguro que terei compañeiros de estudos que pensen o contrario.
Pola outra hai profesores que consideran que esa liña “canónica” distancia o alumnado da lectura. Consideran os clásicos, tamén os contemporáneos, obras de difícil acceso, de interese discutible e cuxo beneficio pedagóxico é cuestionable. Considera esta liña o máis importante que a adolescencia lea. Que lea. Hai un fetichismo polo obxecto libro até o punto de que os clásicos se len en formato adaptado (resumos nos que a pegada da forma e a época desa obra quedan esluídos ante “o argumento”). Esas lecturas complétanse con títulos de literatura propiamente xuvenil. Nun paradoxo do mercado editorial, aquelas obras e autores “deseñados” para gustarlle aos lectores máis novos resulta que forman parte do programa de lecturas obrigadas en cada curso. A mensaxe parece ser contraditoria: estes libros supostamente pensados para un determinado público só logran que ese público os consuman se é a través da prescrición e conseguinte coacción docente.
Realmente vale para algo a lectura de ficción no ensino secundario? Nas estatísticas de Biosbardia sempre me chamou a atención que unha das cadeas de busca máis usada é resume/resumen de…. (complétese co título dalgunha obra, case sempre de narrativa da que publicamos reseña ou crítica). Eu traballo nunha libraría e moita da rapazada que vén buscar algún dos libros que lles mandan ler confesa abertamente que na clase teñen algo así como pactos de solidariedade para ler colectivamente unha obra ou repartirse entre varios as obras dun curso. Que beneficio ten para unha moza de 15 anos ler unha versión reducida do Lazarillo que non naceu da pluma anónima do século XVI senón dun editor de Vicens-Vives? Non levaría menos traballo esa alumna se lle puxesen algunha adaptación audiovisual?
Se desde o ensino non se traballa no feito de que a literatura hoxe debe estudarse como unha materia xenuína e diferente á narrativa baseada na trama, coido que se estenderán dous hábitos: Por un lado romperase o criterio de valor artístico aplicado a unha obra. No panorama cultural español hai meses que se debate, ás veces con alto nivel de voltaxe, sobre a ruptura do canon que está a supoñer a consolidación como autores “de prestixio” de escritores cuxo principal cadal é o seu número de seguidores. A pseudopoesía admirada nas redes sociais de repente ocupa os andeis das librarías e cando alguén se define a si mesma como gran lectora é porque consome en gran cantidade best-sellers deses de 800 páxinas cuxo único fin é o entretemento.
E se o fin é o entretemento, a linguaxe audiovisual é superior. Tanto polos recursos do formato como pola facilidade de absorción. Nun mundo no que o lecer se consome coma calorías é moito máis rendible poñer o Netflix á hora de captar con maior voracidade historias e máis historias. Por suposto que a literatura popular pode crear lectores máis esixentes. Fenómenos como o das obras de Tolkien ou de George R. R. Martin asentáronse nas lecturas adolescentes moito antes de se converteren en espectáculos globais. Mais polo xeral é a lectura un hábito que se celebra na intimidade e de xeito voluntario, fóra dos programas de lecturas obrigadas no instituto. Os docentes, con razón, sempre presumen de que unha parte dos seus alumnos adquiriron hábito lector grazas ás súas iniciativas. E afortunadamente amais do calendario de libros obrigados moitos centros contan con bibliotecas e con clubs de lectura (afortunadamente voluntarios).
Mais tampouco hai que esquivar dúas sombras: moitos bos lectores infantís abandonan a lectura na adolescencia por mor desa tensa relación co libro. E moitos profesores non len absolutamente nada. Como dicía Xabier P. Docampo, non pode ser que os que máis saiban de literatura nun centro de ensino sexan os comerciais das editoras.
O despropósito é maiúsculo, por motivos varios. Pero o drama… Ollo con el.
Velaí unha descrición dunha situación da que ninguén fala. Currículum da materia de lingua galega e LITERATURA para 2º de bacharelato:
CONTIDOS:
B5.1. Literatura galega de 1916 a 1936:
– Poesía: autores/as de Vangarda e outros/as
autores/as.
– Prosa: autores/as das Irmandades, o Grupo Nós
(narrativa e ensaio) e outros/as autores/as.
– Teatro: autores/as das Irmandades, Vangardas e
Grupo Nós.
CRITERIOS DE AVALIACIÓN:
B5.1. Identificar, analizar e describir a literatura galega de
1916 a 1936:
– Poesía: autores/as de Vangarda e outros/as autores/as.
– Prosa: autores/as das Irmandades, o Grupo Nós
(narrativa e ensaio) e outros/as autores/as.
– Teatro: autores/as das Irmandades, Vangardas e Grupo
Nós.
ESTÁNDARES DE APRENDIZAXE:
▪ LGB5.1.1. Identifica, analiza e describe a poesía galega
de 1916 a 1936: autores/as de Vangarda e outros/as
autores/as
▪ LGB5.1.2. Identifica, analiza e describe a prosa galega
de 1916 a 1936: autores/as das Irmandades, o Grupo
Nós (narrativa e ensaio) e outros/as autores/as.
LGB5.1.3. Identifica, analiza e describe o teatro galego
de 1916 a 1936: autores/as das Irmandades, Vangardas
e Grupo Nós.
Outro tanto para a narrativa de postguerra, e máis do mesmo para a posterior a 1975. Pódese consultar enteiro aquí: http://www.edu.xunta.gal/portal/sites/web/files//lcao_lgl_2bac.pdf
Ben, xa non digo na ESO, onde se supón que hai que incentivar o hábito da lectura (malia percorrer o currículum de 4º rueiros semellantes), pero é que as lecturas de 2º de bacharelato, DE SEGUNDO DE BACHARELATO no instituto Virxe do Mar de Noia deste ano foron “Os nenos da varíola” e “Senlleiras” (para que ninguén se me alporice nin me acuse de andrómena ningunha: hai dous anos, a petición dos alumnos, foi “Transición”).
O presunto canon que aparece recollido na lei non se cheira diante en todo o periodo de escolaridade malia (e aquí o despropósito, o drama ou como se lle queira chamar) teren os rapaces que identificar, analizar e describir a creación literaria dese mesmo canon que non ven.
Daquela, por que non estender a pregunta: paga a pena estudar LITERATURA na escola? E se a resposta é si: QUEN DECIDE QUE LITERATURA?
Chegados aquí, polo menos que decidan as vítimas, que é a solución pola que optou a miña compañeira. De castelán, iso si.