BiosBardia

O país dos libros en galego

Unha panorámica histórica sobre a tradución literaria en catalán (e II)

Diana Roig Sanz.

Xesús González Gómez.

Traducció, món editorial i literatura catalana (1975-2000).VI Simposi sobre traducció i recepció en la literatura catalana contemporánia, ademais da presentación dos curadores (Ivan Garcia e Diana Roig Sanz), consta de dez traballos, todos interesantes, pero uns máis que outros. Simona Škrabec, escritora e estudosa, e tradutora, eslovena que escribe en catalán, trata das traducións a este idioma de escritores, ou libros, de Europa Central e dos Balcáns. No seu importante traballo, inclúe diversas táboas: Os cincuenta autores máis traducidos ao catalán de Europa Central e dos Balcáns. O primeiro traducido, no ano 1918, foi o húngaro Lorand Orbok (que se instalara en Barcelona nos anos vinte, cidade en que morreu en 1924). Antes de 1936, só tres autores deses lugares xeográficos foron traducidos ao catalán: o polaco, e premio Nobel, E. Sienkiewicz (traducido en 1936), o checo K. Čapek, a quen, como se sabe, lle debemos a palabra robot, traducírono no 1924 e, por último, o húngaro Lajos Zilahy en 1935. Até 1957 non se volve a traducir un autor desas zonas xeográficas-políticas: o grego N. Kazantzakis. Segundo Škrabec, Lukács foi traducido e publicado por vez primeira en 1985 (Diari 1910-1911, Barcelona, Edicions 62, escrito en húngaro). A escritora eslovena non ten en conta os libros ou traballos do teórico marxista escritos en alemán ou aqueles que non son de ficción –se consideramos os diarios como obras de ficción–, xa que antes de 1975 se publicaran en catalán os seguintes títulos de do teórico marxista: Goethe i el seu temps (Edicións 62, 1965), Teoria de la novel·la (Ed. 62, 1965), La Gran Revolució d’octubre de 1917 i la literatura contemporània (Tres i Quatre, 1973), como apéndice, o poema de Alexander Blok, Els dotze, e L’ànima i les formes (Ed. 62, 1984). Nunha segunda táboa, Škrabec relaciona as traducións (directas ou indirectas) de premios Nobel de literatura destas zonas europeas. A lista e a seguinte: Sienkiewicz, 1922[1] (unha tradución) 1997 (tres); Wladyslaw Reymont (ningunha); Ivo Andric, 1994 (1), I. Seferis, 1994 (2); O. Elitis (ningunha), C. Milosz, 2006 (3), J. Seifert, 1984 (1); W. Szymborska, 1997 (1), I. Kertész, 2004 (4) e O. Pamuk, 2012 (11). Á parte dos datos, que son o de menos, o traballo de Škrabec é intelixente e excelente, coas ideas moi claras e pondo os puntos sobre os is: «A Márai descubriuno Jordi Llovet o ano 2000. Márai é o cómodo substituto da literatura centroeuropea porque fala de todos os tópicos que esperamos achar, mesmo do nazismo, mais coa atenuación necesaria para que non chegue a abalar nunca ningunha das nosas seguridades» (p. 32-33). Outros traballos que conforman o libro son: Teresa Iribarren, «La traducció narrativa a Catalunya (1975-2000). L’arquitectura de les col·leccions»; Ramon Farrés, «La traducció de poesía entre 1975 i 2000. Dos casos paradigmàtics: Miquel Desclot i Joaquim Sala Sanahuja» (digamos que estes dous tradutores puxeron en catalán poetas como V. Cardarelli, Whitman, Wordsworth, Roal Dhal, W. Blake, Robert Frost e Goethe, entre outros, o primeiro, e o segundo traduciu a Pessoa –Álvaro Campos e Alberto Caeiro–, Francis, Ponge, Baudelaire, René Char e Gastão Cruz. Sempre, lembrémolo, entre os anos 1975 e 2000, ambos incluídos); Guillem-Jordi Graells, «El teatre: traduccions, adaptacions i plagis (modes, polèmiques i intrusisme)»; Pilar Godayol entrega un dos traballos máis importantes do libro (sendo todos importantes e interesantes): «Feminisme i traducció catalana (1975-2000)»; Jordi Cornellà-Detrell, «Gènere eròtic, traducció i mercat editorial del tardofranquisme al període democràtic», traballo que achega curiosidades, como o que lle segue: Alex Martín Escribà, «Sèrie negra: un panorama sobre traductors i traduccions (1975-2000); Josep Marco escribe sobre «La literatura juvenil traduïda al català: perfil editorial i estilístic», e cerra o volume o escrito de Pilar Estelrich «Anys d’aplegar una collita endarrerida», que trata, entre outras cousas, «da recepción en lingua catalá de la literatura i cultura de lingua alemá a partir da morte de Franco», e outras moitas cousas. Neste traballo relaciónanse as «Traducións ao catalán durante o período 1975-2000». Velaí a táboa que dá Estelrich.

PeríodoDo alemánDo inglésDo francés
1975-1980245029
1980-19857318099
1985-1990131571225
1990-1995128714233
1995-2000191976289

Deixei para último lugar o traballo de Manuel Llanas «Edició i traducció en el darrer quart del segle XX», porque é del que tiramos os datos que imos dar a continuación.

Segundo Llanas, os datos que entrega un denominado Observatorio del Libro y de la Lectura, dependente do Ministerio de Cultura, e os datos do ISBN, non son quen de «dar fe de maneira pasabelmente satisfactoria» o número de libros publicados en catalán, e moito menos das tradución: «De inicio, sorprenden as elevadísimas cifras de traducións do castelán, a súa escasa verosimilitude acaba esvaecéndose cando nos decatamos de que, no cadro facilitado, figuran non tan só traducións do valenciano (!), senón tamén, en pleno surrealismo delirante, do catalán (!!!)» (p. 51). Segundo Llanas, «a fonte máis fiábel, porque consta que contabiliza a edición en catalán de toda a área lingüística» é a AELC (Associació d’Escriptors en Llengua Catalana). Segundo esta asociación, «en 1975 publicáronse en catalán 590 títulos; en 1980, 1722; en 1985, 3471; en 1990, 4327; en 1995, 5638; e no 2000, 8759. A progresión é espectacular, mais hai que ter en conta que se partía de cifras moi baixas: convén reiterarmos, neste sentido, que até 1977 non se superou, con 1015 títulos, os 865 publicados en 1936» (p. 50). Outra das constatacións que entrega Llanas é a seguinte: «En 1999, a produción literaria en catalán estaba dominada […] pola literatura infantil e xuvenil (26,5%) e polo libro de texto (36,5%), que en conxunto representaban un 63%, preto dos dous terzos da produción global» (p. 50), e a respecto deste tipo de literatura (infantil e xuvenil) entrega estas cifras comparativas: «Aquel mesmo ano [1999] editáronse […] 1649 títulos por cada millón de habitantes menor de 19 anos, mentres que en España esta ratio era de 1266, en Francia de 588 e en Suecia de 472» (p. 50), e engade o seguinte comentario: «Esta propensión a este xénero por parte de moitos selos explica que unha novela clásica como Dr. Jekyll e Mr. Hyde[2] a publicasen, entre 1974 e 2000, nada menos que sete editoriais: Club del llibre, Bromera, Quaderns Crema, Edebé, La Magrana, Laertes e Barcanova» (p. 50).

E a partir da páxina 52 á 104 dá as cifras de traducións por editoriais e no apartado de cada editorial, as traducións por colección: de poesía, de narrativa, de teatro, de ensaio, etc.

Velaí o número, aproximado, de traducións ao catalán publicadas entre 1975 e 2000 (datos propios a partir dos números de Manuel Llanas:

XéneroTítulos publicadosTítulos traducidos
LIX2.1851.200
Narrativa2.6521.627
Ensaio / Pensamento1.403487
Poesía803129
Teatro397161
Banda deseñada243243
Policial / Terror / Ciencia ficción347303
Col. Traducións de todos os xéneros295240
Biografías e memorias9057
Prosa de viaxe3920
Clásicos gregos e latinos169169
Libros de música43
Libros singulares356

Como poden imaxinar lectores e lectoras, a partir do ano 2000 o número de traducións incrementouse, e tamén o número de títulos en catalán, e apareceron novas editoriais como L’Altra, Coma Negra, Males Herbes, Adesiara, Edicions de la ela geminada, Editorial Flâneur, Edicions del Periscopi, l’altra editorial, Editorial Viena, Univers, Lleonard Muntaner (que ten publicado a Manoel-Antonio e Gonzalo Hermo), El Gall (que publicou A esmorga –La Gresca–) Tigre de paper, ou a división catalá de Anagrama (que acaba de dar ao prelo a novela póstuma de Louis-Ferdinand Céline, Guerra, da que a mesma editorial publica a versión castelá) e mais a Colección Bernat Metge, que até agora se dedicaba soamente a clásicos latinos e gregos, como dixemos no artigo anterior, e que non hai moito abriu unha nova colección: «Bernat Metge universal», na que leva publicados títulos de V. Woolf, Goethe, Dostoievski e outros, por citarmos unhas poucas editoriais en que o número de traducións é tan importante (ás veces máis, ou ás veces só publican traducións) como o de orixinais en catalán. Polo que respecta a narrativa mundial, pódese afirmar, sen medo a nos trabucar, que toda escritora ou  escritor que triunfa alén das fronteiras do denominado Estado Español, é traducido inmediatamente ao catalán, deixando fóra, claro os que escriben en castelán (que tamén se traducen escritores españois en castelán, sobre todo best-sellers), e tamén, que dúbida cabe, que a maioría dos grandes pensadores universais están ao alcance do lectorado catalán, dende os presocráticos a Michel Onfray, a pasar por Marx (O capital e outros títulos), Benjamin, Adorno, Kant, Hegel, Foucault, H. Arendt, etc. Como dato curioso diremos que existen en catalán tres traducións do Ulises de Joyce, dúas publicadas, outra inédita. De Divina comedia, de Dante, catro: unha de 1429, de Andreu Febrer; outra, de Narcís Verdaguer i Callis, publicada postumamente en 1921 –o tradutor morrera en 1918– e tradución inacabada: só chegou a traducir o Inferno e o Purgatorio, a de 1935-36 (publicada no xornal La Veu de Catalunya, posteriormente en libro), de Josep Maria de Sagarra, e a máis actual, a do valenciano Joan-Francesc Mira (2000). De case todo Shakespeare existen dúas traducións, a de Josep Mª de Sagarra, que non traduciu todo o dramaturgo inglés, e a e Salvador Oliva, que traduciu toda a súa obra dramática e poética. E sobran exemplos.

Anuncio de Edició de Materials.

Os datos que demos son, evidentemente, parciais. Os entregados por diversas institucións, estatais ou autonómicas, non son moi fiábeis. Sobre as editoriais, Manuel Llanas afirma, que el saiba, que só se teñen datos globais de dúas: Edicións 62 e La Magrana. A «relación da actividade tradutora» que entrega non é, segundo as súas propias palabras, «exhaustiva, pero ten o propósito de achegarse; tiven en conta coleccións con traducións dos selos máis significativos e de máis produción, e consultei catálogos das editoriais (os históricos axudan moito) e os catálogos electrónicos de bibliotecas, especialmente das nacionais de Cataluña e España» (p. 53). A partir dos seus datos, tiramos nós os que reproducimos. Como apéndice, Llanas entrega os datos  sobre tradución ao catalán do devandito Observatorio del Libro y la Lectura dos anos 1991 ao 2015 ambos incluídos. Como curiosidade, digamos que, segundo estes datos, os anos 1991-1992-1993 non se se traduce ao catalán ningún libro escrito en galego: en 1994 só un título. A partir de aquí e até o 2015 o número de títulos galegos traducidos ao catalán é o seguinte: 1995: seis títulos traducidos; 1996: once; 1997: trece; 1998: dezaseis; 1999: trece; 2000: dezasete; 2001: trinta e tres; 2002: trece; 2003: vinte; 2004: vinte e un; 2005: vinte e cinco; 2006: trinta e cinco (a cifra máis alta do século pasado, segundo o Observatorio…); 2007: vinte e cinco; 2008: nove; 2009: quince; 2010: nove; 2011: vinte e tres; 2012: sete; 2013: catorce; 2014: nove; 2015: nove.

Non sei cal é a tendencia no presente século, mais podemos afirmar, sen medo a nos equivocar, que a maioría dos títulos galegos que se verteron ao catalán pertence á literatura infanto-xuvenil. Mais, como dicía o clásico: menos dá unha pedra. (Con todo, teño a impresión, polas visitas a librarías, que dende hai uns poucos anos a tradución de títulos galegos non pertencentes á literatura infanto-xuvenil vai en aumento: hai pouco, a valenciana Editorial Bromera publicou Les males dones, de Marilar Aleixandre[3]).


[1] Aquí, supoño hai un lapso, xa que na anterior táboa daba ao escritor polaco traducido por vez primeira en 1936.

[2] Manteño o título da versión galega publicada por Xerais, trad. de Sara Ruíz Salgado e Xosé Ramón Díaz Fontao.

[3] Esquecéndonos da literatura infanto-xuvenil, digamos que os escritores galegos con máis títulos traducidos son Suso de Toro (aínda que transcribo títulos del desta clase de literatura traducidos ao catalán): L’ombra caçadora, Mai més: diari urgent d’una catástrofe, Espanyols tots, Tretze campanades, Una altra idea d’Espanya, Home sense nom, La lliçó catalana, Per Catalunya, La literatura des de dins, Un señor elegant, Conta saldat e Esdevenir humil: rituals per a després de Déu; e Manuel Rivas Què vols de mi, amor?, El llàpis del fuster, Ela,maleïda alma, Els libres fans de mal cremar e Bala perduda. Por outra parte, a Editorial Bromera ten publicado máis de quince libros de Agustín Fernñandez Paz, libros dos que vendeu, segundo afirma a editora na súa web, máis de 150.000 (cento cincuenta mil) exemplares.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *