BiosBardia

O país dos libros en galego

Para que raios serve ler?

Mikita Brottman.

Xesús González Gómez.

Por curiosidade malsá leo Contra la lectura. Un ensayo dedicado a los lectores que no creen que los libros sean intocables, de Mikitta Brottman (Blackie Books, 2018). A autora, profesora de literatura, deféndese xa no prólogo: non está contra a lectura senón contra aqueles que afirman que «[…] os libros posúen o poder de salvarnos, converternos en mellores persoas e máis interesantes, librarnos da pobreza, conducirnos ao éxito e ofrecernos un futuro próspero». É dicir, está contra aqueles que din e redín e volven a dicir, por exemplo, que non poderían vivir sen a literatura, ou que a literatura os converteu no que son: máis guapos, éticos, morais e respectuosos, etc., que os brutos que non len. Tamén afirma que hai novelas que non deberían introducirse en ningún plano de estudos, entre elas O Quixote, que segundo ela é, na súa primeira parte, infumábel e aburrida, etc. No remate, un libro provocativo para aqueles que «aman» a lectura ou non poden vivir sen a literatura (como se a maioría da humanidade non vivise sen lle botar unha ollada a un libro literario!).

Non sei que repercusión tivo no denominado Estado Español a publicación deste libro. E sería curioso sabelo, porque en castelán existen dous libros de autor «vernáculo» máis divertidos e interesantes que este, e que ademais se dirixe directamente a lectores «españois» e os exemplos que mostra son coñecidos por todos aqueles non só que lean un pouco, senón tamén por todos os que miren a prensa moi por riba ou algún programa de televisión. Estoume a referir a La manía de leer (Caballo de Troya, 2009) e Preferiría no leer: los valores “desagradables” de la lectura (Pamiela, 2005), de Víctor Moreno, dous libros sumamente recomendábeis e de fácil e grata (e divertida lectura), nos que se demostra que ler non fai mellor persoa a ninguén, nin axuda a triunfar na vida, etc. (estamos a falar de lectura literaria, evidentemente). Como afirma Brottman, Hitler era un gran lector (e tamén Goebbels, que ademais escribía novelas), como gran lector era Stalin, etc. Haberá aínda que lembrar que as Mocidades hitlerianas recitaban a coro os poemas de Hölderlin? Haberá que lembrar que a cultura tamén é un instrumento de dominación, etc.? Haberá que lembrar que os intelectuais fascistas len tanto como os intelectuais progresistas? A lectura, ler, como afirma Víctor Moreno, serve para que aprendamos a escribir mellor e para cometer menos faltas de ortografía: velaí os efectos reais da lectura literaria, digan o que digan, non existen outros. Ou si existen eses outros, mais xa entran dentro do apartado da economía, e nese sarillo non imos entrar

Por outra parte, lendo estes libros de Víctor Moreno o lector sentirase vingado, en certo modo, ao ler as idioteces que sobre os efectos (positivos) da lectura proclaman unha serie de escritores españois que son moi publicitados pola prensa diaria e por outros medios de comunicación. Efectos cuxos primeiros beneficiarios foron, está máis que claro, eses mesmos escritores.

En fin, só nos cabe recomendar estes libros, sobre todo os de Víctor Moreno, autor tamén doutro libro «imprescindíbel»: De brumas y de veras: la crítica literaria en los periódicos (Pamiela, 1994), libro que no seu día non foi comentado en ningún dos «grandes» xornais españois, xa que puña en solfa os críticos «punteiros» destes xornais, entre eles os ínclitos Rafael Conte e Manuel García Posada, ademais de Constantino Bértolo, Ángel Basanta. Ignacio Echevarría e García de la Concha entre outros, e unha chea deles de menor «renome». Mais a pesar de que non se vai obter un beneficio inmediato, nin a curto nin a longo prazo, somos dos que recomendamos ler para pasar o tempo, ou para acurtalo, como dicía André Breton, tomándoo de Knutt Hamsun, da escrita. A literatura, boa ou mala, non fai nin boas nin malas persoas, nin as converte en progresistas ou reaccionarias. A literatura, a arte, non están, como ben afirmaba Gramsci, para servir: serven porque é literatura, porque é arte…

One thought on “Para que raios serve ler?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *