Participa no I Concurso de Portadas Ficticias de Biosbardia
Xa sabedes que en Biosbardia falamos de libros. Case sempre iso significa que lle prestamos atención ao contido, ao texto, ás palabras. Pero que son as palabras senón partículas que conforman primeiro formas imaxinadas e máis tarde obxectos, libros.
É pensando no libro como obxecto que argallamos este novo concurso. Procuramos estimular a imaxinación de deseñadores e ilustradores propoñendo un xogo literario: agora podes inventar a capa do teu libro favorito.
Buscamos capas ficticias para libros que xa teñen capa. Coma se vivísemos en mundos paralelos, queremos xogar a ver que ocorrería se tal ou cal obra cambia a súa pel. Queremos xogar a encontrar novas mensaxes en libros aos que nos afixemos a velos dun determinado xeito.
Manteremos o concurso aberto até o final da tempada deste ano (finais de xuño do 2018), cando daremos dous premios, un do público e outro do xurado.
O profesional que gañe a modalidade do xurado recibirá como premio a encarga da creación dunha das próximas obras de Aira editorial. A obra premiada na categoría do público será galardoada cun lote de libros en galego.
As obras cuxa capa os concursantes deberán inventar poden ser galegas ou non, de obras actuais ou clásicas. O único requisito é que o portadista concursante reproduza o título da obra en lingua galega na súa proposta.
Todas as obras que se presenten ao concurso serán publicadas anonimamente en Biosbardia, acompañadas por un texto sobre a obra dalgún autor. Buscamos que o trazo do deseño da capa desa hipotética edición do libro sirva de inspiración para outro universo.
Bases
1: Poderán participar, sen límite de propostas, todas as persoas que así o desexen mediante o envío dos seus orixinais a biosbardia@gmail.com baixo o título ‘Portadas ficticias’. O obxecto da proposta será a recreación dunha capa inventada para calquera título xa existente. As propostas enviaranse en formato jpg cun peso mínimo de 1 Mb. O texto da capa grafarase en galego baixo a normativa oficial.
2: Poderanse enviar propostas até o 15 de xuño do 2018.
3: Haberá dúas categorías de premios: premio do público e premio do xurado. Na categoría de premio do público, o premio será un lote de libros en galego. Na categoría do xurado, o ou a autora galardoada recibirá a encarga (cos honorarios correspondentes) de deseñar a capa dun dos libros que publique Aira editorial no período 2018-2019. No caso de que gañase ambos premios unha soa proposta, acumúlanse os dous galardóns.
4: O xurado estará formado por profesionais de contrastado prestixio no ámbito da edición, da literatura, da ilustración e do deseño gráfico.
5: Os e as autoras que participan neste concurso ceden os dereitos de reprodución para Biosbardia como ilustración en calquera contido publicado pola revista. Durante o período do concurso, a ilustración non se acreditará por razóns obvias; despois irá sempre acreditada convenientemente.
6: A participación neste concurso implica o coñecemento e aceptación íntegra destas bases.
Si, señor, así se comeza un bo proxecto editorial: pedíndolle traballo gratis á xente. Precioso.
BBR: Non sei a que se refire. E pódolle garantir que todos os profesionais que traballaron e traballarán para Aira editorial cobrarán polo seu labor. Está ben opinar mais está mellor facelo con rigor. Apertas
E logo non se está pedindo que a xente presente un deseño (é dicir, un traballo) para, se hai sorte, recibir o premio dunha encarga? Iso, en rigor, é pedir un deseño gratis, cabaleiro.
O premio é ser escollido para unha encarga dunha capa pola que se lle pagará. Desculpe que dado o seu anonimato non poida responderlle co tratamento de cabaleiro
Pois iso. Que unha editorial, para seleccionar un deseñador profesional, esíxelle primeiro que faga un traballo de xeito gratuíto. Tampouco é que inventaran vostedes esa sorte de práctica; de concursos en busca de deseños gratis está cheo o mercado, pero tamén é unha peniña que a xente nova siga con esas vellas prácticas. Estaría ben velo noutros sectores: convocar un concurso, por exemplo, de dentistas, ao que mellor lle empaste a moa a un voluntario que se preste, premiámolo con encargarlle que nos empaste as nosas moas. Pagándolle, eh!! Que somos xente honrada.
Non hai no concurso ningún ánimo de aproveitarse do traballo de ninguén; é unha proposta lúdica ao redor da fascinación polos libros. Se vostede quere entender que obrigamos os profesionais a “traballaren gratis”, cadaquén é libre de ter o cairo tan retorcido como queira.
Don Cequelinhos, non pense que lle vai vostede ensinar a seu pai a facer fillos. O invento “lúdico” ese do que fala, xa lle digo, é ben vello. E é unha das prácticas que precariza o sector desde tempo inmemorial. En calquera caso, sempre é bo que a xente deixe ver de que vai nada máis empezar, así xa sabemos con que bois habemos arar. Hala, saudiña e sorte, que seguro que o concurso ha de ir ben. Hai moita xente creativa con fame abonda para comprar a lotaría esa que vostede vende.
Non é o lugar nin vostede interlocutor para explicarlle a política da editorial que dirixo. Apertas
Xa a explicou.
BBR, creo que non estás xulgando ben esta convocatoria.
Efectivamente internet está cheo de concursos-estafa, e os ilustradores son quen máis o sofren. Pero este non é un concurso de logos no que o empresario vai elexir o que mais lle guste e pagarlle a un o traballo de todos, nin é tampouco un concurso de capas para unha novela que se vai publicar. Tampouco é o típico concurso de relatos no que un autor leva un premio e logo se fai unha antoloxia con todos os participantes, tras cesión dos seus dereitos e sen ver un can.
Nin Biosbardia nin Aira Ed. van sacar rédito nin lucro dos traballos presentados. Isto é xogar para divertirse, é un concurso de portadas ficticias. E logo, o gañador terá un encargo remunerado, como premio, ó cal supoño que poderá renunciar se non lle presta facelo.
Hai unhas semanas rematou un concurso de relatos nos que durante meses estivemos escribindo un texto por semana só polo pracer de competir, sen premios nin encargas futuras.
Non podo imaxinar que este concurso sexa mellor eliminando o premio, que é o que semella que che molesta. Os debuxos presentados, quitando o estético, non terán valor ningún. En que se beneficia Aira Ed de que ti presentes unha idea de capa para “Lolita” ou “O mago de Oz”? Nin sequera podería usalos, xa que a cesión de dereitos é de reproducción para Biosbardia, non para Aira.
Le de novo as bases, atoparalas ben diferentes das dos concursos-estafa dos que falas.