Participa no Torneo Aira de Novelas
Logo de varios torneos, copas e ligas de relatos, Biosbardia cambia de xénero literario. A partir de novembro publicaremos, por entregas, as novelas participantes nun torneo de textos narrativos longos cuxa convocatoria pública comeza hoxe.
Hai oito prazas para ocupar. A idea, coma en todas as competicións literarias da revista, é aprendermos entre todos en base á escrita e aos comentarios entre participantes e público.
O modelo de competición será eliminatorio. Logo de tres xornadas onde todos os autores participantes terán ocasión de crear tres capítulos e poñer en marcha o seu proxecto, serán os propios autores os que decidan que novelas merecen gañar unha xornada máis para continuar e cal ten que dar por rematada a súa viaxe.
Logo das dez xornadas regulares, no caso de que o proxecto novelístico gañador non estea completado, a autora ou autor sobrevivente terá opción a rematar o seu traballo narrativo nas páxinas de Biosbardia ou a continualo ao seu xeito. En calquera caso, o premio consistirá na publicación da obra en Aira editorial.
Se che gusta escribir e necesitabas un aliciente para poñerte ao teclado, esta é a túa. Le as bases e anótate en biosbardia@gmail.com. As prazas van voar.
Bases do Torneo Aira de Novelas
1. Convocatoria
O I Torneo Aira de Novelas é unha competición entre escritores e escritoras, composta por entregas periódicas dun macrotexto literario de xénero narrativo escrito en lingua galega, estruturado en base a certas características. A cerna do torneo son os comentarios ao texto narrativo, non os textos en si, por iso é importante participar activamente nas dúas dimensións do torneo, a de autor/a e a de comentarista dos traballos dos demais. O obxectivo torneo é compartirmos o gusto pola literatura, desfrutar da convivencia e aprendermos todos xuntos.
2. Inscrición
As inscricións deben facerse no correo biosbardia@gmail.com. Os participantes deben ser maiores de 16 anos. A preferencia será por orde de solicitude pero incluirase un factor de corrección para favorecer a paridade entre autores e autoras. Como máximo, poderá haber oito participantes.
2.1 Lectores/as beta
Recoméndase que cada autor/a participante no torneo conte cun ou con varios lectores beta. Os lectores beta axudan a puír os textos antes de publicarse e preparan os autores e autoras diante das futuras críticas ao redor dos seus textos.
3. Mecánica do torneo
3.1. Participantes
O torneo constará dun mínimo de cinco e un máximo de oito participantes. Se non se consegue a cifra mínima non se disputará a liga.
3. 2. Competición
Cada participante escribirá un capítulo por xornada que debe ter entre 8.000 e 16.000 caracteres con espazos. As xornadas celébranse cada dúas semanas. Unha vez publicados os capítulos da xornada, os participantes deberán comentar os textos e outorgar os seus votos. Haberá tantos votos como participantes menos un, xa que non se pode votar pola propia novela. Por exemplo, se hai cinco participantes haberá votos de: 6 puntos, 4 puntos, 2 puntos e 1 punto. Se houbese seis, serían: 8, 6, 4, 2, 1. Se fosen sete: 10, 8, 6, 4, 2, 1. Se fosen oito: 12, 10, 8, 6, 4, 2, 1.
Durante as tres primeiras xornadas comentaranse os capítulos, pero non haberá votación. A partir da cuarta xornada, a novela que consiga menos votos será eliminada do torneo. En caso de empate, nesa xornada non haberá eliminación e poderán publicar un novo capítulo na xornada seguinte. Esta circunstancia pode ocorrer en calquera xornada.
As puntuacións non son acumulativas. A clasificación reinicíase en cada xornada. Os participantes eliminados seguen obrigados a comentar e votar.
Gaña o torneo aquel ou aquela participante cuxo proxecto sobreviva.
4. Acabar a novela
Entra dentro do posible que o torneo remate antes ca a novela gañadora. Nese caso, o participante ten a opción de seguir publicando os restantes capítulos en Biosbardia, e contará cos comentarios públicos como durante o torneo.
Tamén as novelas eliminadas teñen a posibilidade de seguir a saír publicadas en Biosbardia se os autores ou autoras así o desexan.
4. Organización
Os e as participantes recibirán o calendario definitivo da competición o 28 de outubro. A data prevista para o inicio do torneo é o 17 de novembro do 2022.
O primeiro capítulo do proxecto de novela debe enviarse a biosbardia@gmail.com antes do 11 de novembro, o segundo antes do 25 de novembro e así sucesivamente cada dúas semanas. Logo da terceira xornada, que se publicará o 15 de decembro, o torneo suspéndese até o 19 de xaneiro do 2023. A organización recordará as datas de entrega convenientemente.
Os capítulos deberán enviarse en formato .doc, .odt ou similares.
5. Comentarios
Non serán anónimos nin os textos narrativos nin os comentarios.
Todos os participantes do torneo están obrigados a comentar e votar de maneira pública en todas as xornadas agás nos seus propios textos. Os comentarios e votación realizaranse na páxina web de Biosbardia, no fío correspondente a cada capítulo de cada xornada.
O esquema de comentario é o seguinte:
1º parágrafo: impresión xeral do capítulo.
2º parágrafo: comentario sobre o capítulo en relación ao proxecto total de novela
3º parágrafo: comentario crítico sobre capítulo + conxunto (melloras, eivas, suxestións…)
4º parágrafo: votos, coa seguinte fórmula: “Os meus x puntos van para y; os meus x2 puntos van para y2, etc”.
As persoas participantes (agás as excepcións xa referidas) poden debater libremente durante o período de votación calquera aspecto sobre os relatos ou sobre a valoración doutros votantes, sen menosprezar a opinión doutros comentaristas nin o traballo dos autores/as. Cada votante pode empregar o seu propio criterio persoal de valoración, sempre que se axuste a razóns literarias, sexan de forma ou de contido.
O público en xeral tamén pode comentar e opinar, sempre co seu nome completo, a través dos comentarios da revista ou nos espazos do Twitter e do Facebook de Biosbardia. Estes comentarios non se terán en conta como votos á hora de resolver os duelos.
6. Premios
Premio para o campión/campioa de liga: a edición e publicación da obra en Aira editorial.
Premio para todos os demais que acaben a novela: Asesoramento gratuíto de editores profesionais para darlle a feitura final ao proxecto.