Pasar o outono demográfico no rural galego

César Lorenzo Gil.
Galicia é unha das rexións de Europa con menor taxa de natalidade e de reposición demográfica. É o que se coñece na estatística como o outono demográfico, unha complicada situación social cuxo remedio quizais xa nin sequera estea nas mans dos propios galegos. Esa crise de poboación nótase especialmente no medio rural. O noso país, caracterizado historicamente por unha relación total co territorio, polo espallamento de aldeas, vilares e casares, nos últimos tempos está a mudar a súa xeografía humana. Xa desapareceron centos de aldeas que levaban séculos en pé. No próximo medio século, se non hai remedio, desaparecerán outras moitas. E canda elas, somerxeranse no esquecemento maneiras de habitar, de vivir, de expresarse, de facer as cousas.
Sobre esta traxedia que parece extraída dunha epopea ou dunha distopía escriben Xosé Antonio Pardiñas García, Benxamín López Rodríguez e Susana Pardiñas García, autores de Galicia soa, un proxecto editorial en liña que se pode ler de balde no enlace http://www.galiciasoa.com.
O libro está composto por unha manchea de entrevistas con persoas que viven no rural. O perfil das persoas que aparecen no proxecto é variado. Hai veciños de sempre da aldea que ven con tristura como aquilo todo acaba mais tamén mozos que mudan a vida da cidade polas vantaxes dun reinicio no medio da natureza. No libro reflexiónase, desde o punto de vista dos moradores, sobre os motivos do despoboamento e sobre as condicións socioeconómicas nas que o medio rural quedou en Galicia, sumido nunha especie de maldición, incapacitado para se modernizar por unha decisión completamente allea ao propio contorno e á evolución do medio rural noutros países, nos que vivir na aldea non supón renunciar ás novas tecnoloxías da comunicación, ao transporte público ou ás dotacións sociais, culturais e familiares básicas.
Completan o libro catro entrevistas en profundidade con catro especialistas. Xosé Luís Barreiro Rivas explica o fenómeno do despoboamento desde un prisma político. Xaquín Fernández Leiceaga dá pistas sobre que se pode facer para reverter a situación con medidas de revitalización económica. Andrés Precedo Ledo, catedrático de Xeografía Humana, analiza por que as elites de Galicia apostaron firmemente por facer desaparecer o sector primario e separar a mantenta o desenvolvemento urbano do estatismo e atraso do rural. Por último, o sociólogo Xosé Gabriel Vázquez estuda a relación entre o auto-odio, a vergoña por ser galego e o desprestixio, abandono e desaparición da cultura rural.
Ningún proceso histórico está determinado de antemán, nin sequera o ocaso do medio rural de Galicia, auténtica orixe da nosa cultura, orgullo e fonte de coñecemento e de calidade de vida. Este libro fai un diagnóstico da situación. Serán as xeracións do futuro as que decidan onde construíren o seu recanto no mundo. Na aldea van ter espazo.
Parece interesante…o mesmo poderían facer co mar…os cosmopaletos-urbanitas-desertores do arado son os grandes CULPABLES da desaparición da cultura local…acomplexados con sentimento de inferioridade e atraso, con respecto aos de “fuera”, non aturan nin o seu propio acento, que por certo todo o mundo ten salvo os mudos. Saúdos e saúde!