BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Patria, la buena’, aqueles marabillosos anos 80 en Euskadi

Ricardo Gómez.

César Lorenzo Gil.

Ricardo Gómez non oculta, xa desde o propio título, que a súa quinta novela é unha réplica a Patria, a obra de Fernando Aramburu que obtivo o Premio Nacional de Narrativa no 2017. Non é habitual que un escritor lle responda a unha novela con outra, pero tampouco é habitual que unha obra de ficción se converta nun “relato oficial dunha época”. Na historia recente de España poucas novelas conseguiron tal etiqueta. Amais de Patria quizais poidamos engadir Soldados de Salamina (para fixar a memoria sobre a Guerra do 36) e Anatomía de un instante (para facer o mesmo co golpe de Estado do 23 de febreiro do 1981), ambas de Javier Cercas. Patria, la buena, toma así a decisión de ofrecer un contrarrelato, de contar aquilo que a historia oficial preferiría non ler nin recordar.

Aínda que a sinopse da novela insista no seu carácter humorístico e incluso a ilustración da cuberta tenda á caricatura, a intención de Gómez non é a sátira, si, seguro, un tipo de narración onde os acontecementos máis graves se presentan con lixeireza e aparecen reflectidos personaxes cuxas actitudes, corenta anos despois, nos poden parecer ridículas.

O que si é intención do autor é conducirnos aos “marabillosos anos 80 en Euskadi”, nos que os GAL libraban unha brutal guerra sucia contra a ETA, que á súa vez dispuñan dun forte aparato armado que causaba o terror sempre que podía. A historia que conta a novela é brillante: O irmán dun pequeno narco asasinado polos GAL nun atentado acaba concursando no mítico Un, dos, tres, da TVE, xunta unha etarra, porque a Garda Civil lle ofrece contarlle o sucedido nese atentado no sur de Francia a cambio de darlle información sobre un dos líderes do grupo armado. Na trama aparecen trasuntos dos policías Amedo e Domínguez, do xeneral Galindo e de destacados etarras da época. Mayra Gómez Kemp e Narciso Ibáñez Serrador aparecen tamén como personaxes.

O gran logro de Patria, la buena é a capacidade de contención e distanciamento a pesar de que a trama é ben esperpéntica e ten que usar todas as ferramentas do vodevil e da novela de espías para cumprir cos seus obxectivos literarios. Gómez domina os diálogos e a descrición. Pero onde realmente destaca e abraia é na habilísima decisión de retroceder a eses anos coma quen documentase o século XV: O rigor sobre o funcionamento daquel mundo, aparentemente tan próximo, mais na verdade xa tan distante, é un dos grandes acertos narrativos dunha novela que lle dá a volta á nostalxia coma se fose un calcetín. Esa década mitificada polos que nela viviron a infancia ou a xuventude (movida, EXB, bocadillos de nocilla e bollycaos, cromos e bólas no recreo) aparece aquí como unha época turbulenta, un fin de festa da Transición onde vemos como o sistema viviu moitas veces a conta da ilusión e a hipocrisía, un sistema ancorado con todas as forzas nos mecanismos franquistas de control social. As referencias pop hoxe míticas empatan entre si, coma o apartamento en Torrevieja que era o regalo estrela do concurso televisivo e o concepto de piso franco usado pola ETA.

Nesta novela hai bos e malos, por suposto, pero entre os extremos, personaxes do común intentan facerse co control das súas propias historias, algo que apenas van conseguir, excluídos ou incluso aniquilados por esas forzas poderosas que se impoñen sobre a vontade popular. No fondo, Patria, la buena, coas súas hipérboles e triples saltos mortais, consegue provocar un sorriso triste de quen se decata de que a Historia, tamén a que nos ten como contemporáneos, está composta por epopeas máis ficticias ca a propia ficción.

♦Patria, la buena, de Ricardo Gómez, Autsider Cómics, 2025. 400 páxinas. ♠22

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *