BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Penumbra’, un capítulo de ‘anime’ de papel

Lois Z.

Unha das sentinelas que patrullan o muro que separa a Terra do Sol do reino de Penumbra desaparece e a súa irmá pequena, Ashlyn, vai dar aviso á capital. Alí improvísase unha expedición de rescate que deberá tamén investigar que está pasando do outro lado do muro.

Daniel Landesa.

O ben contra o mal, a luz contra a escuridade, un muro que mantén a raia os monstros, a busca dun ser querido e un ser ameazante que persegue os protagonistas… esas cousas sempre funcionan como esqueleto ou gancho dunha historia. O problema chega cando se poñen sobre o papel de calquera xeito, asumindo que unha ambientación de fantasía pode por si soa soster unha novela.

Penumbra é a transcrición en prosa do primeiro capítulo dun anime. Léndoa case se poden escoitar as voces dos dobradores da galega. Hai momentos nos que ata colle voz o narrador omnisciente: “Dela baixaron dous homes. O maior era Julian, o guerreiro de ollar castaño que a noite anterior aparecera na proxección do orbe, o outro era descoñecido en Desértica” (pax. 34). Deirdre, a persoa que falou con Julian a través do orbe aquela noite, coñecíao desde cativo, así que esa aclaración está aí só para guiar o lector, “este é un daqueles tipos que saíron hai tres paxinas”.

Isto sucede porque a narración de Penumbra é de tipo audiovisual, o texto conta o que vai acontecendo nas escenas do anime coma se o feito de precisar de narrador fose un mal necesario a falta de cámaras. Unha consecuencia disto é que o narrador non se expresa desde unha perspectiva fixa. A frase anterior analizaríase así:

“O maior era Julian” -> punto de vista de Deirdre, que recoñece a Julian en canto o ve.

“o guerreiro de ollar castaño que…” -> punto de vista do lector.

“o outro era descoñecido en Desértica” -> volvemos a Deirdre.

Isto denota falta de traballo no deseño a novela. Tamén se percibe en como se articulan certos puntos clave. Por exemplo, era obrigado que os protagonistas fosen cativos (normas do xénero). E, como era obrigatorio, o autor non se esforzou en xustificalo ou darlle un sentido na historia. Van porque pasaban por alí, puidéronnos mandar ó pan e irían da mesma boa gana. Nin sequera queda claro se van porque queren ir ou porque llelo esixen. Inda o autor se permite xogar un pouco co lector aí: introduce catro nenos nesa parte da trama e só manda tres deles á expedición. Acordeime da escopeta de Chekhov, pois no capítulo seguinte, co título de “un acompañante inesperado”, súmase o cuarto neno e confírmase que en Penumbra non vai haber nada inesperado. Conste que a crítica aquí non é por que vaia ou porque non vaia (ironicamente o rapaz chámase “Bow”), o erro está, na miña opinión, en tentar crear no lector a sensación de que non vai só para que despois sexa unha sorpresa que si vaia.

Outro desafío da novela é que toda ela transcorre en cinco ou seis días. A metade invístense na viaxe ó muro e como cada neno vai no seu propio medio de transporte a interacción entre eles limítase a unhas poucas escenas de acampamento. Penumbra non é unha novela sobre a amizade nin sobre o paso de neno a adulto, en tres días e 140 páxinas non dá tempo a iso. Tampouco trata sobre aceptar responsabilidades porque a única motivación clara é a de Ashlyn (a busca da irmá). A novela en realidade ofrece pouca mensaxe porque o seu concepto é –e é así moi deliberadamente– o de ser a presentación dalgún outro libro que se publicará no futuro. Un cebo con miñoca, un investimento de baixo risco. Isto queda diáfano no desafortunado epílogo da páxina 147, que para comezar non é un epílogo, é un avance do que vai suceder no seguinte episodio. Por certo, de novo a contaminación do audiovisual corrompe os recursos propios da literatura para denominar epílogo o que é en realidade unha escena post-créditos. É como chamarlle “prólogo” ó trailer dunha película.

Talvez a estas alturas alguén estea pensando que non se lle debe facer crítica deste xeito a unha novela xuvenil. Que total a van ler uns nenos, que dá igual, que eles non se van decatar de se o narrador está desenfocado ou coa gravata mal posta. Pero si que se dan conta, e asumen que os libros son así, “o libro non ten nada de malo, o que pasa é que a min non me gusta ler”. Como che vai gustar ler, criatura, se te alimentan con isto.

Cunha busca en Google calquera pode atopar un esquema coas características básicas da literatura xuvenil. Por nomear unha das máis obvias, que os protagonistas son mozos ou mozas para que os lectores se identifiquen facilmente con eles. Hai unha característica, non obstante, que comparten os rapaces e que non está recollida en ningunha enciclopedia. E é tan decisiva que foi substituíndo a todas as demais ata ser a única que se valora. Esta característica, que aprenderon a explotar as editoras, é que a maioría de mozos e mozas non teñen formado o seu criterio á hora de xulgar a calidade do que len (moitos deles seguirán carecendo del cando se convertan en adultos, pero esa é outra historia). Aproveitando isto, un editor avispado non che dirá que non entende o valor da túa novela, en lugar diso incluiraa na sección xuvenil, esa que vai dirixida ós que só entran nas librarías para preguntar se fan fotocopias, ós que teñen como referentes literarios o merchandising do que botan en Clan TV ou o canal Disney. E admito, aquí si, que comparado con Peppa Pig, Penumbra pode ser unha lectura estimulante. A cuestión é se nos conformamos con iso.

♦ Penumbra, de Daniel Landesa, Xerais, 2019. 149 páxinas. ♠12,30€

2 thoughts on “‘Penumbra’, un capítulo de ‘anime’ de papel

    1. Ser será bo, pero coa de Pigg que levo tragado coas primas, afillada e agora descendente…xuro que facía con esa familia unha boa morea de chourizos…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *