Pequeno ensaio sobre literatura reaccionaria (1)

Xesús González Gómez.
Tense escrito bastante –talvez demasiadas veces nada ben– sobre os conceptos de literatura fascista, literatura reaccionaria, literatura de dereitas, etc. Maiormente, adoita confundirse a ideoloxía do escritor ou escritora coa obra literaria desta escritora ou escritor, e isto conduce a erros e confusións. Se ben é certo, como afirma Lennard J. Davis, que «as novelas teñen sentido grazas á ideoloxía; encarnan ideoloxías e promulgan ideoloxía. Existen en virtude da ideoloxía e, como veño dicindo, deben á súa orixe aos albores do concepto moderno de ideoloxía» (Davis, Factual Fictions, paxs. 212 e seguintes)[1], non é menos certo é que un denominado (ou autodenominado) escritor progresista pode deitar ideoloxía nada progresista e ser, sen querelo, un escritor reaccionario. Julio Rodríguez Puértolas, en Literatura fascista española (Akal, 1986), no primeiro volume e na primeira edición (existe unha nova corrixida e aumentada aparecida no 2008; edición que non reproduce o segundo volume da primeira: unha antoloxía dos escritores de que fala Rodríguez Puértolas), deixa as cousas moi claras cando escribe: «Se impone una advertencia previa y única para los posibles lectores –de aquí o de allá– con proclividades academicistas. En este trabajo se llama fascista a todo aquel que de un modo u otro puso su pluma y su pensamiento al servicio, con todos los matices que se quiera, del régimen político surgido de la sublevación militar contra la República Española el 18 de julio de 1936» (p. 9). É dicir, o estudoso español deixábase de lerias e chimpábase polo camiño directo. Non obstante, ás veces, nesta primeira edición, o autor equivocábase de cheo. Por exemplo, clasificaba como literatura «fascista» a novela En la noche no hay caminos, de Juan José Mira, pseudónimo de José Mira Sánchez (1907-1980), gañadora do primeiro Premio Planeta concedido no xa afastado 1952. Se o final da novela pode ser moralista, penso que as páxinas que se dedican na novela á guerra civil demostran claramente que o autor non estaba coa «situación»; e non podía estalo, pois era membro do clandestino Partido Comunista de España e, durante un tempo, en Barcelona, responsábel do, digamos, mundo intelectual do ámbito do partido. Na segunda edición do libro de Rodríguez Puértolas, Mira xa non aparece. Hai outros, pero non se trata agora de falar do libro de Rodríguez Puértolas (sempre recomendábel, malia os erros), senón de considerar que a súa aclaración é moi pertinente, xa que até o día de hoxe, que eu saiba, ninguén deu unha definición, ou uns trazos axeitados, do que é ou pode ser ou se pode considerar literatura fascista.
Por outra parte, autores de «proclividades academicistas» (Edward R. Tannembaum, Michel Lacroix, entre outros) teñen as cousas moi claras. Tannembaum en La experiencia fascista. Sociedad y cultura en Italia (1922-1945)[2] afirma que fóra da arquitectura[3], e malia o intento de facer do futurismo o «estilo fascista», non houbo en Italia unha arte e unha literatura fascistas. Acho que Tannembaum afirma isto con toda a razón do mundo, a pesar de que dende un inicio se alistaron no fascismo nomes como Marinetti, G. Gentile, Boccioni, Ungaretti, De Chirico, Alberto Savinio, Gadda, Palazzeschi, Carrà, Pirandello (este alistouse no Partido Nacional Fascista ao día seguinte do asasinato do deputado socialdemócrata Giacomo Matteotti polos fascistas), G. Papini, C. Malaparte, parece ser que tamén Galvano della Volpe, mais este era entón un escuro profesor de Filosofía en provincias, etc. Todos estes escritores e pintores, e algún filósofo, o máximo que puideron facer foi loar e defender o fascismo nos seus escritos ou na súa pintura, mais non crearon unha «literatura fascista», e menos unha pintura fascista; e, por suposto, nada de filosofía fascista, en todo caso –Gentile– xustificación filosófica do fascismo. Como, por outra parte, tampouco tales cousas nunca se crearon en España, malia Rosales, Tovar, Vivancos, Panero, Laín Entralgo, Ridruejo, García Serrano, Castroviejo, Giménez Caballero, Torrente, Sánchez Mazas, Montes, mesmo Cunqueiro e a clase de tropa formada por Félix e Samuel Ros, Tomás Borrás, Dámaso Santos, Giménez Arnau, Jose María Alfaro, Mourlane Michelena e demais[4].
Michel Lacroix é, dende o meu punto de vista, aínda máis contundente, e claro, que Tannembaum. Para o profesor quebequés:
«Nunha palabra, non existe tal cousa como un “fascismo literario”, nin en Francia nin en ningures. Existe máis ben unha xustificación estética do fascismo, que se atopa tanto nos artigos dos xornais ou na rúa coma nas novelas ou poemas[5]».
Lacroix, no seu importante libro estuda escritores como Robert Brasillach, Louis-Ferdinand Céline, Drieu la Rochelle e outros considerados, en realidade sono, «menores», deixando fóra a Lucien Rebatet ou Maurice Bardèche. Mais isto non lle quita ningún mérito ao seu traballo. Se ben Lacroix nega que exista unha «literatura fascista», afirma que si existe unha estética fascista. Segundo o canadense (traducimos): «O fascismo, en Francia coma noutras partes, quere ser encarnación da beleza. Nútrese de estética e crea unha estética. Desexa converterse nunha obra de arte total, baixo a autoridade dun xefe á vez escultor, poeta, corifeo e heroe» (p. 323). [«Escultor, poeta, corifeo e heroe» era para os falanxistas, ademais de ser «o ausente», José Antonio Primo de Rivera, e para os franco-falanxistas, o denominado «Caudillo». Léase, se non, a Corona de sonetos en honor de José Antonio Primo de Rivera e a restra de poemas dedicados ao ferrolán nos xornais españois cada vez que se conmemoraba o 18 de xullo, o 1 de abril ou o 1 de outubro.] Nas pouco máis de trinta páxinas que conforman a conclusión do seu libro, «A estética fascista: “sangue, voluptuosidade e morte”», Lacroix descríbea, e catro nocións guían a súa descrición: pathos, exhibición, sublime e violencia. «Examinando en que a estética fascista está ligada a cada unha delas, demostraremos o que, para os fascistas era o Belo. Entón encontrarémonos coa Morte» (p. 325). Por outra banda, Lacroix lanza unha hipótese que, talvez, non sexa discutíbel: o fascismo nace da estética e desemboca na estética. Non esquezamos, lembra, o que afirmaba Benito Mussolini: «Quen di fascismo di ante todo Beleza.»
Berhold Hinz, en Arte e Ideología del nazismo, acaba concluíndo, despois de agudas reflexións, unha interesante investigación e un axeitado aparato documental, que «a estética nazi culmina na síntese estética de arquitectura, armamento e guerra, que, por un lado, se transforman en “monumentos” de terror permanente para o pobo e, por outro lado, aglutinando o pobo mesmo, que debe alistarse, marchar e morrer, realizar en todo e por todo aquel terror»[6]. [Aquí cabería preguntarse se os monumentos franquistas que aínda sobreviven, ás veces, coma en Vigo, grazas a alcaldes que se denominan socialistas e que proviñan da fileiras do comunismo, non tiñan, e, por suposto, aínda teñen, como fin ese obxectivo. O denominado Valle de los Caídos, está claro que si, de aí a súa monumentalidade, semellante, mais non igual, á monumentalidade stalinista ou realista-socialista.]
En 1973, Norberto Bobbio, afirmaba: «Unha cultura fascista no dobre sentido de cultura feita por fascistas declarados ou de contido fascista, nunca existiu realmente, ou cando menos non conseguiu nunca, a despeito de todos os esforzos realizados, plasmarse nunha iniciativa ou en empresas duradeiras ou historicamente importantes»[7].
O investigador e ensaísta italiano Furio Jesi, morto prematuramente no 1980 aos trinta e nove anos de idade, dedicou moita parte do seu traballo a investigar o que el denominou «Literatura de dereitas», con tal título, Cultura de destra no 1979 publicou un libro que dez anos despois, traducido ao español por Rosa Premat, publicaría Muchnik editores. Libro que cos dous que anteriormente del se publicaran en España, Literatura y mito[8] e Mito[9], que quen estea interesada/o no tema, ou simplemente sinta un pouco de curiosidade, pode acabar, a base do que vai explicando Jusi, e os trazos que vai descubrindo, o que é, e como é, unha literatura de dereitas. Evidentemente, nesta literatura de dereitas debe incluírse o fascismo. Mágoa non se editasen outros libros seus, sobre todo os dedicados a autores alemáns. Non obstante, lembremos que no 2015, Adriana Hidalgo Editora, de Buenos Aires, mais agora con «sucursal» en España, publicou Spartakus. Simbologia della rivolta, en tradución de Maria Teresa d’Meza, libro amplamente recomendábel, como todos os de Jesi, por outra parte.
No xa afastado 1987, Edhasa publicou o libro de Susan Sontag, Bajo el signo de Saturno, que recolle sete escritos da autora de Contra a interpretación. Entre eses escritos, primus inter pares, salientaremos: «Acercamiento a Artaud»[10] e, sobre todo, «Fascinante fascismo», ou de como as editoriais branquexan o fascismo de autores que publican, e algo máis, escrito, por outra parte, dunha actualidade innegábel no denominado estado español, onde dende hai uns cantos «estudosos» dedícanse a limpar as fonduras fascistas ou parafascistas dos seus estudados. O famoso oxímoro «falanxistas liberais» xa o di todo, cando en verdade, os que denominan «falanxistas liberais»: Ridruejo, Torrente Ballester, Vivanco, Laín Entralgo, Antonio Tovar, Luis Rosales, eran a cuadrilla nazi da Falange.
Deste «branquexo» reborda por todas as partes o libro, Mito y revuelta. Fisonomías del escritor reaccionario, do cubano Ernesto Hernández Busto, editado por Península no 2004 e reeditado por Turner Publicaciones no 2022. Máis que de fisionomías, trátase aquí de retratos ao óleo por encargo do retratado, ben que os retratados non llos encargaran. En fin, todo un manual de instrucións de uso para branquexar ce que vous voulez[11].
Hai anos o arxentino Noe Jitrik, falecido no 2022, entregou na revista Pasado y Presente, nº 23, xullo-decembro 1963, un máis que interesante traballo que (que eu saiba) non foi continuado por el nin por ninguén máis: «Propuesta para una descripción del escritor reaccionario» (p. 148-147). Prometemos falar máis adiante deste escrito ou ensaio.
Ás veces, cando se trata de atacar o que se considera literatura reaccionaria ou de dereitas, e mesmo literatura fascista, o produto que aparece resulta ser, curiosamente, froito doutro irracionalismo. Autoras e autores destes produtos afirman, evidentemente, usar a razón, a razón instrumental (esa que produce, no seu sono, ou nos seus soños, monstros, segundo Goya) que resulta ser, igualmente, un irracionalismo doutro tipo: positivista. Un exemplo maior deste tipo de «literatura» é A destrución da razón, de György Luckács[12]. Non imos negar que o libro contén achados, e que non se pode botar, así coma así, ao lixo, mais o problema esencial é que o escrito de Lukács está atravesado por outro irracionalismo: o stalinismo. (Hai dous anos, no 2022, a valenciana editorial Afers publicou o ensaio de Enzo Traverso, en tradución de Gustau Muñoz, Dialèctica de l’irracionalisme, que é unha relectura do libro luckasiano. O escrito de Traverso é altamente recomendábel –como tamén, no fondo, con todas as e reservas e cautelas necesarias, o libro do húngaro– para intentarmos colocar sobre os seus pés o stalinista en situación que era Lukács cando artellou esta longa diatriba. De paso, Traverso avisa de que podemos considerar o estudo de Siegfried Kracauer (de quen Traverso é biógrafo), De Caligari a Hitler. Unha historia psicolóxica do cine alemán[13], como unha «destrución da razón» sobre o cine alemán dos anos 1920 e 1930.)
Hai dous anos, no 2022, as Éditions Amsterdam, de París, deron ao prelo un interesante, importante, penso eu, libro de Vincent Berthelier: Le Style réactionnaire. De Maurras à Houellebecq. Este era o libro de que queriamos falar, pero deixarémolo para a próxima semana.
[1] Lennard J. Davis, Resistirse a la novela. Novelas para resistir, Madrid, Editorial Debate, 2002, p. 40. Anotemos que, en primeira instancia, para Davis a ideoloxía «constitúe a suma daquilo que unha cultura necesita crer sobre si mesma e as súas aspiracións en contraposición co que realmente é» (p. 40).
[2] Edward R. Tannembaum, La experiencia fascista. Sociedad y cultura en Italia (1922-1945), Madrid, Alianza Editorial, 1975, p. 333-365
[3] Sobre arquitectura fascista, é altamente recomendábel o libro de Paolo Nicoloso, Mussolini architetto. Propaganda e paesaggio urbano nell’Italia fascista, Turin, Giulio Einaudi Editore, 2011.
[4] Polo demais, como moi ben afirma Joan Fuster: «Madariaga, en 1935, fixo editar un libro titulado Anarquía o Jerarquía, como “ideario para a constitución da terceira República”. Dese bouquin descenden a retórica e os planos do Sistema, e non dos discursos de José Antonio Primo de Rivera, Onésimo Redondo ou Ramiro Ledesma, nin de El Estado nuevo, de Víctor Pradera, nin do que postularon don José Calvo Sotelo ou don Ramiro de Maeztu. A “democracia orgánica” foi un invento de don Salvador e niso andamos: na súa “III República”», Joan Fuster: Nacionalismo, liberalismo e outros temas, Santiago de Compostela, Edicións Laiovento, 2022, Presentación, selección e tradución, XGG, p. 152-153. E no que respecta á «filosofía», habería que estudar a fondo se a verdadeira filosofía do falanxismo non era a que predicaba Xavier Zubiri, moito máis que a de Ortega.
[5] Michel Lacroix, De la beauté comme violence. L’esthètique du fascisme français 1919-1939, Montréal, Les Presses Universitaires de Montréal, 2004.
[6] Berthold Hinza, Arte e Ideología del Nazismo, Valencia, Fernando Torrres Editor, 1978.
[7] Citados por Maria Antonia Macciocchi: «L’art, les intellectuels et le fascisme», in Éléments pour une analyse du fascisme /2, París, Union Générale d’Éditions, 1976, p. 28.
[8] Furio Jesi, Literatura y mito, Barcelona, Barral Editores, 1972.
[9] Furio Jesi, Mito, Barcelona, Editorial Labor, 1976.
[10] Este ensaio fora publicado en 1976 pola editorial Lumen e traducido por Francesc Parcerisas co titulo Aproximación a Artaud.
[11] Por outra parte, habería que estudar se nestes últimos tempos non se están a branquexar toda unha serie de escritores militantes fascistas ou de extrema dereita co simple feito de apegarlles a etiqueta de «anti-moderno» ou «contra-modernos», no sentido que lle dá Antoine Compagnon en Les Antimodernes, de Joseph de Maistre à Roland Barthes, París, Gallimard, 2005 (existe edición española, en Acantilado). Etiqueta, por outra parte, que serve tanto para un roto coma para un descosido, para un produto de alta calidade, coma para un produto feito tarde, mal, ás presas e arrastro.
[12] Este libraco de G.Lukács foi traducido ao español co título de El asalto a la razón, Barcelona, Grijalbo, 1967, tradución de Wescenlao Roces (a primeira edición en español deste libro, e desta tradución, aparecerá en México, en Fondo de Cultura Económica, no 1959.
[13] Siegfried Kracauer, De Caligari à Hitler. Une histoire psychologique du cinéma allemand, Lausanne, Éditions l’Âge d’homme, 1973 Barcelona (existe tradución española: Barcelona, Editorial Paidós, 1985).






