BiosBardia

O país dos libros en galego

Pequeno ensaio sobre literatura reaccionaria (2)

Vincent Berthelier.

Xesús González Gómez.

O libro que queremos comentar: Vincent Berthelier: Le Style réactionnaire. De Maurras à Houellebecq é un denso, mais escrito cunha sinxeleza que engaiola, estudo sobre o estilo dos máis importantes escritores reaccionarios da Francia do século XX e da actualidade. Á parte da «Introdución», Berthelier divide o seu libro en tres grandes bloques, que el denomina, seguindo en certo a modo a Sartre, «Situacións».

Na situación 1 coloca o que denomina período de entreguerras, é dicir, o que iría de 1918 a 1940, e estuda, principalmente, tres escritores: Charles Maurras (as contradicións dun clasicismo nacional), Georges Bernanos (e a palabra inspirada) e Marcel Jouhandeau (e as intermitencias do estilo). No acápite 3 desta «situación», titulado «A idade de ouro do purismo», estuda as «polémicas» sobre a pureza da lingua francesa (a famosa claridade desta lingua, que Henri Meschonnic demostrou no seu día que era unha pura falacia: De la langue française. Essai sur une clarté obscure, París, Hachette, 1997). Todos os que defenden a «pureza» da lingua áchanse dentro da dereita ou nun liberalismo «frouxo» e, como afirma Berthelier (p. 76): «desde inicios dos anos 1920, os puristas chámanse voluntariamente “reaccionarios” (Hermant [Abel] non coñece “titulo máis afagador”, Thérive [André] asegura que “é o propio do home”) –mais no eido lingüístico». Ora, continúa Berthelier, «cando ven ameazados os seus privilexios e enlouquecida pola Fronte Popular, a burguesía cultural pasa axiña dunha reacción lingüística a unha reacción política». Hermant, de burgués liberal pasa a formar parte do grupo «Colaboración» cando a ocupación de Francia polos nazis, Thérive e Jouhandeau participan nas viaxes de propaganda do Reich, Abel Bonnard é ministro de Pétain, etc. Os puristas, ademais, empezan a lanzar as culpas da degradación do francés sobre os… xudeus, porque, como ben escribe Berthelier: «O antisemitismo estabelece un vínculo fantasmático entre ciencia e xudaísmo, que terían en común seren apátridas, fríos e abstractos (o Xudeu é neurópata) e provocarían polo tanto a degradación da lingua francesa e as súas sutilidades». No que respecta á literatura, os puristas teñen dela unha concepción esencialmente gramatical (o que, segundo Berthelier sería unha concepción máis ben moderna, non esquezamos os formalistas rusos e outros), pero é fundamentalmente conservadora, «son hostís a todas as experimentacións estilísticas do seu tempo, do simbolismo a Céline pasando polo movemento dada». Segundo Berthelier, «pódese afirmar que o purismo lingüístico non foi soamente o vehículo das ideas políticas reaccionarias da época. Tamén exerceu unha censura simbólica contra das audacias gramaticais e as innovacións formais que florecen neste inicio de século, censura que se articula perfectamente coas prescricións estilísticas clasicisantes da escola maurrasiana» (p. 78).

A segunda «situación»: «Ocupación, Liberación», inclúe a ocupación de Francia despois da derrota fronte a Alemaña nazi e os anos posteriores á Liberación. Esta situación comeza co acápite titulado «Un fascismo literario», os escritores que entran neste apartado son. Louis-Ferdinand Céline, Drieu La Rochelle, Robert Brasillach, Lucien Rebatet, Henry Montherlant. O segundo acápite trata de «As ironías de Marcel Aymé», a continuación se fala de «Chardonne e Morand: nacemento dunha parella» e vén logo: «Os Hussards [os húsares]: estratexias da dereita literaria de posguerra».

Nesta situación, no acápite dedicado a «Un fascismo literario», Berthelier afirma que «parece evidente que a cuestión do fascismo é nodal na caracterización das relacións entre estilo literario e política», polo tanto, malia as dificultades de considerar se o fascismo é un movemento específico, diferente das outras dereitas, o estudoso francés acóllese a Walter Benjamin e bota man dunha cita do pensador xudeu-alemán: «As masas teñen o dereito a un cambio das relacións de propiedade; o fascismo quere permitirlles expresarse conservando esas relacións. O fascismo tende xa que logo a unha estetización da vida política»[1]. Para Berthelier, Benjamin quería dicir que o fascismo «estetizaba a guerra», único medio de mobilizar as masas e os medios técnicos sen alterar o réxime de propiedade capitalista. […] esta definición […] descansa sobre dous elementos: 1/ o fascismo é un momento de masas; 2/ o fascismo é tanto un movemento tanto político coma estético. Isto significa que se basea máis nun irracionalismo estético do que nunha racionalidade política». En troco, continúa o estudoso francés, os outros «movementos de dereitas poden ter unha estética, sen constituíren necesariamente eles mesmos unha estética, é dicir sen esixiren que haxa unha relación estética co obxecto político». Mais, precisamente, esa estetización élle necesaria ao fascismo para mobilizar as masas, no sentido de que se os movementos de dereita «clásicos» «caracterízanse máis ben polo seu odio do número e o seu elitismo», o fascismo, en cambio, é unha dereita «da era das masas (proletarias, cando menos no texto de Benjamin). É un produto das sociedades democráticas e non só unha reacción a esas sociedades». E, como afirma Berthelier, defendendo as clases reaccionarias, «o xefe fascista tira a súa autoridade da soberanía popular». Estas proposición de Bejamin, continúa o francés, «fornece os seus eixos directores ao estudo estilístico». E pregúnta(se): «O estilo dos escritores fascistas é unha tradución literaria do discurso fascista dirixido ás masas? Reflicte unha estetización da política, e en que sentido? Rompe coa dereita reaccionaria tradicional e coas súas concepcións estilísticas?» (p. 149-150) Esa ruptura, demostra Berthelier, en realidade non existe, aínda que algúns dos escritores fascistas proveñan, como os futuristas italianos, Ezra Pound, etc., de movementos de vangarda ou «rupturistas» . De aí, talvez, a dificultade de aprehender o que sería unha literatura fascista, máis alá da defensa do fascismo en textos literarios

Na última situación: «Cara ao mundo contemporáneo» estuda os casos de «Cioran e o leito de Procusto da lingua francesa», «Renaud Camus ou a literalidade substituída», «Tradición e francidade[2]: ficcións do estilo en Richard Millet» e «Michel Houllebecq e o estilo positivo». E, finalmente, a «Conclusión», apenas quince páxinas 360-383, mais abondo mestas.

No inicio de cada «situación», Berthelier dedica unha poucas pero informativas e agudas páxinas a explicar o tempo histórico desas situacións, para que lectora ou lector saiba en que tempo histórico, e mesmo literario, se movían os escritores estudados por el.

Para Berthelier, resumimos moito, a) o estilo prodúcese necesariamente nunha lingua e apóiase na defensa dunha norma; b) o estilo é un «ornamento» do discurso ideolóxico, permite lexitimalo, dourar a píldora ofrecendo ás ideas e ás representacións reaccionarias o aura da literatura; c) en razón da súa autonomía, a literatura produce unha neutralización da ideoloxía (no sentido de toma de posición explícita) analizábel en termos de ideoloxía

(no sentido amplo de Marx e de Althusser).

Ademais, na «Introdución» Berthelier avisa, a navegantes e mesmo a náufragos, que o concepto de «antimoderno» posto en circulación por Antoine Compagnon, en realidade «dilúe a perspectiva política. Partindo de autores reaccionarios no sentido estrito (hostís á Revolución francesa e os seus valores –da hostilidade/oposición á Revolución francesa é de onde deriva o adxectivo reaccionario–, finalmente pon o acento en cuestións éticas e estéticas. Elude os reaccionarios pouco stylés [que se podería traducir que non teñen moito estilo, ou se mo permiten vostedes, o neoloxismo: estilosos, XGG] ou demasiado poeirentos (Louis de Bonald, Charles Maurras, Paul Morand) para preferir supostos “antimodernos” de esquerda como Julien Gracq ou Roland Barthes. Todo volve suceder, coma se o estilo non puidese reducirse a unha configuración de ideas, e como se xa transcendera os estreitos marcos das divisións políticas» (p. 15). Por outra banda, habería que ver se nesas «reivindicacións», a partir de hipóteses sedutoras e algúns trazos pertinentes, e, como se dicía antes, «produtores», mais como adoita acontecer moitas veces –un exemplo sería os traballos de Octavio Paz–, «existen nocións sedutoras ás que á anti-historicidade espreita con atención renovada»[3]. Esta reivindicación de «antimodernos» de dereitas (existen os de esquerdas?) e outras reivindicacións, ás veces realizadas por elementos que se autotitulan de esquerda e mesmo marxistas, habería que ver se non levan a cabo o que afirma Berthelier. E proclaman eses reivindicadores e os reivindicadores situados á dereita, mesmo reaccionaria –e, por suposto, Compagnon en literatura; na arte, o francés Jean Clair, no pensamento Daniel Bell e discípulos, os reivindicadores dende a esquerda (!!) de Carl Schmitt e Heidegger e outros pensadores reaccionarios–: O reaccionario revoluciona antimodernista moderniza, ser de dereitas significa non politizarse, a dereita ama a orde e non dubida en pór toda a carne no espeto. E V. Berthelier conclúe o seu ensaio coa sentenza: «O estilo reaccionario non quere tanto retroceder coma ascender.»

En «Conclusión», o autor resume os trazos que foi deitando ao longo de páxinas e páxinas. Páxinas e páxinas de lectura, acho, obrigatoria. E as conclusión ás que chega o estudoso francés, resumimos, son, máis ou menos, as seguintes:

Os tres momentos ou situación da dereita literaria en Francia no século vinte caracterízanse:

Le style réactionnaire, de Vincent Berthelier.

No primeiro momento o centro de gravidade é a Action Française, un nacionalismo tradicional, monárquico, nacido a inicios do século XIX como reacción contra a Revolución francesa. No segundo momento danse diversas tentativas de superación do nacionalismo tradicional, nacionalismo que queda desvalorizado coa aparición do fascismo europeo. O terceiro momento, que se inicia nos anos 70 do século pasado, caracterízase porque os escritores deste período non teñen ningún vínculo directo cos seus predecesores e chegaron á literatura por outros camiños. Cada un destes momentos caracterízase ás súa vez por elementos estilísticos que teñen a súa propia lóxica. O primeiro momento ou «situación» corresponde a unha concepción funcional do estilo, que debe expresarse con claridade e rigor, nunha lingua sa. O segundo é abondo diferente (é cando parece o «fascismo literario» en Francia: Rabatet, Brasillach, Céline, Montherlant, etc.)

Neste período, as normas estilísticas ou lingüísticas son desdeñadas en favor dunha pose aristocrática que se burla dos códigos tradicionais. «Os escritores deste período adoptan un ethos de lixeireza, unhas veces dandi (Drieu La Rochelle, Paul Morand), outras de colexial traste esteta (Brasillach e Rabatet), e outras as dúas á vez (os Hussards: Roger Nimier, Antoine Blondin, Jacques Laurent, Bernard Frank…). O terceiro período, apunta, «debe de pensarse máis en termos de esixencia que de indolencia.» Malia que Cioran «se prega ás coacción dun francés clásico reinventado, porque este é o lugar da grandeza de Francia»; aínda que Houllebecq rexeita en bloque o formalismo do Nouveau Roman, e se ben Renaud Camus e Richard Millet, «reconstrúen, cada un á súa maneira, o itinerario que os conduce ao clasicismo a través da vangarda», todos teñen en conta os achados das diferentes vangardas do século. Ora, aínda que os tres períodos sexan diferentes entre si, os escritores destas tres «situación» gozan dun factor común: «a procura dunha forma de distinción».

Outras conclusións ás que chega Berthelier son as seguintes: «en materia de estilo, os escritores reaccionarios non son tan reaccionarios como pretenden». O seu estilo, di, «está sempre determinado polo espazo dos posíbeis literarios, el mesmo delimitado por diversos factores, como o estado da lingua, prácticas, competencia dos lectores, a formación do escritor», mais acho que estas determinacións e os diversos factores que o delimitan usan a súa violencia tamén se ve coaccionado ou restrinxido por elas o que se podería considerar escritor de esquerdas, ou non?

E a, digamos, conclusión que atravesa a unidade ao libro de Berthelier: en «todos os autores estudados, o estilo (for clásico, celiniano burlesco, metatextual, pos-simoniano, etc.) está sempre articulado a unha concepción ou afectos políticos, aínda que sexa dunha maneira negativa (contra a literatura de esquerda)». Outro dos fíos que unen a todos estes escritores é a influencia de Maurras, directa ou indirecta, en todos eles, agás en Céline, que sería o fillo pródigo, o único que non ten vínculos co «Mestre». Aínda que cómpre matizarmos que algúns dos fillos de Maurras, de L’Action Française, non están fixados no pasado, como este movemento, e miran para o futuro, de aí a súa deriva nazi. E algúns destes fillos de Maurras, como Rabatet, defenden as vangardas fronte ao anquilosamento artístico/literario dos homes de L’Action Française (Rabatet –exemplo típico de escritor nazi, antisemita, etc., defende o Manifesto do surrealismo, a Schoenberg, mesmo a Picasso, besta negra de Maurras et cie[4].) Ora, cabería discutir se en todo escritor, se sitúe politicamente onde se sitúe, ou onde o situemos, o seu estilo non está articulado a unha concepción ou afectos políticos, aínda que sexa de forma negativa. Non debemos esquecer que, moitas veces, dende o que se considera esquerda, esa articulación serviu, e aínda sirve, para ningunear ou «desprestixiar» as críticas –e quizais os críticos– que consideraban moitas desas obras supostamente de esquerda, malas literariamente. Obras, doado sería demostralo, que estaban, e continúan a estar en realidade, situadas á dereita.

[1] Walter Benjamin, L’opera d’arte nell’epoca della sua riproducibilità técnica. Arte e società di masa, Turín, Giulio Einaudi Editore, 1966, p. 46.

[2] Isto de francidade é un idiotismo colonialista, quizais só superado pola parvada da «galecidade».

[3] Diciamos na recensión de  Antoine Compagnon, Les Antimodernes, de Joseph de Maistre à Roland Barthes, A Nosa Terra nº 1263, 12-18 abril de 2007, recollido en X. G. G., Incitacións, Santiago de Compostela, Edicións Laiovento,  2009, edición de Alberto Allegue, limiar de Manuel Veiga.

[4] Talvez algún día falemos destes escritores nazi-fascistas que se reclaman ou defenden o que sería a modernidade literaria/artística. O propio Rebatet, nas súas Lettres de Prison (1945-1952) adressés a Roland Cailleux (Paris, Le Dilettante, 1993), escríbelle ao seu correspondente, un curioso e interesante escritor francés, amigo de Rabatet e dos Hussards, aínda que non compartía con eles ningunha das súas posicións políticas, cousas como estas: «Como tipo de libro extraordinariamente XIX, citarei, entre os últimos Au château d’Argol de Gracq. Lémbrolle que para o meu gusto, o capítulo do campo, en Saint-Genès [novela de Cailleix], pareceume sempre demasiado 1875 de sintaxe e de ritmo. A admiración técnica que teño por Marcel Aymé, por Sartre débese en parte a que se liberaron case que enteiramente destes vestidos demasiado usados» (p. 110, xuño de 1946); «Relido Le grand Meaulnes por primeira vez dende hai quince anos. Un desastre. Libriño moi por debaixo da súa reputación, inzado de accesorios como nos malos pallasos. Encantamento transportábel por vías férreas provinciais. Un marabilloso que vostede, eu (e mil outros) formados por Rimbaud e Breton  temos o dereito a considerar como o peor dos falsos marabillosos» (p. 71, febreiro 1946); «a miña admiración por Breton continúa a medrar, ao mesmo tempo que florece en min a diversión perante o matrimonio místico do derouledisme e o pseudo-surrealismo, fenómeno que cerra o círculo de forma incuestionábel!» (p. 45, abril 1946). Derouledisme, nacionalismo francés que deriva da Liga dos Patriotas fundada polo escritor (antes militar) Paul Déroulède, antidreyfusard que en 1899 intentou un golpe de estado, polo que tivo que fuxir de Francia e refuxiarse… en España.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *