BiosBardia

O país dos libros en galego

Pequeno ensaio sobre literatura reaccionaria (3)

Fiodor Dostoievski.

Xesús González Gómez.

A riqueza do libro que comentamos na última entrega, Le style réactionnaire, é tan ampla que, talvez, a súa recensión debería facerse escritor a escritor, é dicir, falando de todos e cada un dos escritores que «analiza» Berthelier: análise sociolóxica, análise política e análise estilística. Iso si, como dixemos na anterior entrega, «escrito cunha sinxeleza que engaiola», fuxindo a cada intre, ou a cada frase, do pedantismo usual de certos departamentos universitarios ou de certas correntes críticas (?). Por exemplo, na páxina 313, a falar de Renaud Camus, a falar dos xogos de palabras e de referencias usados por este escritor, podemos ler: «Que personaxes se chamen Wallas (coma o heroe de Les Gommes), o comisario Lyotard ou Colette Topor, que unha cidade caroniana se chame Proust e unha provincia Roussélie, isto é o que algúns especialistas chaman “atanaclase metatextual”, mais que nós chamaremos simplemente “piscadelas”»[1]. Ora, hai un elemento que Berthelier no seu estudo só lle apón, en certo modo, a Charles Maurras e os que vivimos durante máis de vinte e cinco anos baixo o franquismo sabemos que é un trazo ou elemento constante, e esencial, do «estilo reaccionario»: o insulto. Segundo o estudoso francés, se ben o líder da Action Française nas súas «críticas asasinas» de antes de 1914 contra Verlaine, Huysmans ou outros «ten tendencia a refinar o insulto», os seus artigos máis serodios contra Claudel non son críticas «ad hominem», senón «ad personam», e así vemos aparecen entre outros os epítetos: porco, cabrón [salaud], poetastro, canalla, etc[2].

Vincent Berthelier entregou un serio e fondo estudo sobre o estilo reaccionario… en Francia no século XX e inicios do presente. Ora ben, un escritor que apoiou ou apoie réximes fascistas ou reaccionarios xa fica definido como escritor «fascista» ou «reaccionario»? É dicir, Pound, Hamsum, W. Lewis, Drieu La Rochelle, T. S. Eliot, Fernando Pessoa, Luigi Pirandello, mesmo Cunqueiro ou Borges, ou Mújica Lainez e Vicente Risco (e outros, menores), etc., etc., son escritores reaccionarios? Falta unha descrición (e tamén, acho, unha psicanálise do escritor reaccionario). As sumarias «descricións» ou intentos de «definición» que dan os autores que comentamos na primeira destas entregas, non aclaran moito. É máis, quizais algunha delas engada confusión.

No primeiro escrito desta «serie», afirmabamos que «hai anos o arxentino Noe Jitrik, falecido no 2022, entregou na revista Pasado y Presente, nº 23, xullo-decembro 1963, un máis que interesante traballo que (que eu saiba) non foi continuado por el nin por ninguén: «“Propuesta para una descripción del escritor reaccionario”» (p. 148-157)», e prometiamos falar del. O que faremos a continuación.

O escrito, a proposta, de Jitrik levanta moitos interrogantes que, até o de hoxe, penso, non foron respondidos. Evidentemente, eu non teño as respostas, simplemente, o máis resumida posíbel, describiremos a proposta do arxentino. Resumo algo difícil, xa que o escrito consta dunhas seis mil palabras e non ten desperdicios por parte ningunha.

Jitrik, a partir das memorias do escritor arxentino Manuel Gálvez, das que afirma que non «teñen só un valor pintoresco dunha época, senón que mostran, algo pudicamente, por certo, algúns recunchos das súas obras» intentará entregar algúns trazos útiles para a descrición do escritor reaccionario. É certo que as novelas (neste xénero basea maiormente a súas proposta o crítico, narrador e poeta, arxentino), sexan de Gálvez ou de calquera outro escritor, «falan por si soas e bastante para explicarnos quen as xerou», mais todo iso: «pódese comprender e racionalizar a partir delas». Sobre as memorias de Gálvez, afirma que se pode «concluír que poucas veces se presentou na historia da literatura o caso dunha marxe tan escasa entre as construcións literarias dun autor e os seus puntos de partida ideolóxicos; poucas veces se viu con máis nitidez […] como as ideas que guían a acción e o pensamento dun home poden reflectirse nas súas obras de ficción»; ou, mellor dito, que pouco son modificadas as súas ideas polo «movemento de creación sobre o que necesariamente se articula unha novela».

Esta coherencia (extraordinaria, cualifícaa Jitrik), se ben «facilita as análises, dista de ser un mérito artisticamente falando», serve, en troco, «como punto de para caracterizar ou tipificar unha actitude de escritor que Gálvez non posúe en exclusiva […] Refírome ao escritor reaccionario». Esa coherencia, porén, aparece noutros escritores reaccionarios, mais encuberta ou disfrazada. Malia todo, avisa que intentará «demarcar sinalando cales poden ser os encubrimentos e os disfraces», e tratará de «determinar en que consiste o reaccionarismo dun escritor, que elementos son os que pon en movemento para que o poidamos considerar así, cunha cualificación de innegábel substancia ideolóxica».

Antes de entrar en materia, o crítico arxentino avisa o lector de que a vinculación que pretende facer entre o ideolóxico e o literario é perigosa… e de delicada formación. Non esquece que cada vez «que se intenta asediar o feito literario dende o ángulo ideolóxico suscítase unha discusión que é case que crónica na historia da problemática literaria». Cando alguén asedia o feito literario dende o ideolóxico, a polémica (e as polémicas sempre serven para esconder a verdade) estoupa e sempre aparecen aqueles que din que a literatura é o reino da liberdade[3] e, xa que logo da verdade, e que «é abusivo e interesado cualificar unha obra coa terminoloxía proveniente da loita ideolóxica». E os contestadores adoitan botar man de Dostoievski: monárquico, antisemita, reaccionario, etc. que «configurou unha obra de fondo sentido humano en que as ideas provenientes desa adhesión tiveron escasa ou ningunha incidencia». A partir deste caso, eses contestadores xeneralizan: «toda obra dun escritor é incontaminada, debe un esquecer quen a escribiu, transmite un fondo sentido humano, non pode ser examinada mediante conceptos de natureza ideolóxica.». Ora ben, como afirma rotundamente Jitrik: «[…] nin Dostoievski está tan lonxe da súa ideoloxía[4], nin moitos grandes escritores desdeñan o ideolóxico concreto, nin a gran literatura se constitúe máis alá do ideolóxico político, nin os casos tan extremos e brillantes como o de Dostoievski comprenden toda a literatura».

Jitrik continúa a falar de Dostoievski, quen, mediante os seus recursos, «transmuta a materia ideolóxica primaria e engloba a aqueles que podían non estar de acordo coas súas solucións, non lles mostra as vantaxes de tales solucións senón outra cousa». No escritor ruso, coma en todo grande escritor, a marxe entre as ideas e a expresión literaria e «consagrada e notoriamente grande o que nos permite concluír que canto máis grande sexa máis custoso será descubrir o ideólogo no escritor». E se escolle, en cambio, a Gálvez como punto de partida, é porque neste «a unidade entre as súas creacións e as súas ideas é moi considerábel e iso facilita o rexistro da actitude que necesitamos delimitar e configurar». Non obstante, a maior ou menor marxe non é o que define o reaccionario «ou o humanista». No segundo canso, «cando a marxe é pequena son máis accesíbeis un ou outro carácter, mentres que no primeiro, a causa da formidábel tensión que aumenta, é máis difícil ou case imposíbel».

E antes de acabarmos traduzamos case todo un parágrafo de Noe Jitrik que vén despois das últimas consideracións transcritas/traducidas:

«O reaccionario, é o momento de aclaralo, debe ser entendido coma unha actitude que aparece no momento da relación autor-lector [as cursivas son novas, XGG] e que logra terxiversala, deteriorala, inutilizada ao modificar dende moi dentro as funcións que cumpren cada un de ambos termos. Isto é posíbel, por certo, só se se acepta que o lector é un elemento de creación indispensábel, que é quen, mediante a súa mobilidade, xustifica a existencia da obra como tal: «a actitude reaccionaria intervén para reducir o lector, co cal o ciclo non se completa e a obra resulta unha imperfección, a negación da súa posibilidade de sentido integral». Mais o reaccionario é unha actitude que atopa onde integrarse ou inserirse, «e é esa actitude o que temos que tratar de precisar; non é simplemente aquilo en que se insire». Para Jitrik esta distinción ten unha importancia maior xa que «tende a delimitar significacións habituais dos termos que estamos a empregar. Rastrexaremos aquí, volvo repetilo, só unha actitude que aparece encarnada en certos contidos: non son estes, no seu alcance puramente ideolóxicos, o que definen aquela». O problema é complexo, hai que manexar «un termo de estrutura e valoración ideolóxica sen valoralo a partir de elementos ideolóxicos precisos que, segundo coidamos, non abondan para determinalo». Dostoievski, malia que manexa preocupacións que illadamente poden ser consideradas política e filosoficamente como reaccionarias, non é un escritor reaccionario, di Jitrik. A violencia artística é tan grande, a súa espontaneidade é tan invasora que o lector, afirma, é dunha ou outra maneira penetrado, «realízase ao lle ser subministrada a posibilidade de actuar fronte á obra e el propio se modifica, pois foi capaz de tirar respostas que non esperaba nin supuña». Mais aclaremos: os contidos –considerados en abstracto– poden clasificarse dende un ángulo político-filosófico, non só os que manexa Dostoievski, senón tamén os que manexa Gálvez. E aquí complicase ou enrédase a cuestión porque «en certas obras os de Gálvez aparecen como de esquerdas e os de Dostoievski son claramente de dereitas e, non obstante, Gálvez é un escritor reaccionario mentres que o novelista ruso non o é». E agora Jitrik entra na cuestión, ou no fondo, do seu traballo. Cando afirma que Galvez é escritor reaccionario e Dostoievski non, está claro que «nos referimos aos materiais concretos que, eles si, poden ser examinados na súa calidade de tales; agora debemos ver como xogan respecto de eles esa actitude que estamos a perseguir e denominamos “reaccionaria”».

Polos argumentos expostos anteriormente, o seguinte parágrafo de Jitrik iníciase con esta rotunda afirmación: «Unha cousa, xa que logo, é un escritor de dereita e outra un escritor reaccionario».

[1] Les Gommes, novela de Alain Robbe-Grillet. Lyotard (Jean-François Lyotard, filósofo ben coñecido), Colette, novelista francesa, Topor (Roland Topor: escritor, debuxante, ilustrador, cineasta, pintor francés de orixe xudía polaca), caroniana –de Caronie, pais imaxinario de centro Europa onde se desenvolve a novela de Camus Roman Roi– Rosussélie, referencia ao escritor Raymond Roussel

[2] Este estilo reaccionario cheo de insultos cara ao outro: o inimigo, máis ca adversario, estilo en que eran mestres unha serie de escritores falanxo-franquistas que insultaban a todos aqueles e todas aquelas que non podían defenderse: Emilio Romero, Juan Aparicio, Pedro Rodríguez e toda unha restra que sería longo transcribir os seus nomes: véxase calquera hemeroteca, e que hoxe teñen discípulos na prensa española (léase un columnista lugués nas páxinas para Galicia de ABC: mentecaptos, momias, deficientes, imbéciles, majaderos, etc. Penso que quen, o lugués ou calquera outro/a, tal escribe o primeiro que debe facer é aplicarse tales epítetos. Por outra parte, como se sabe dende Homero, os insultos traizoan o estado de debilidade ou de inferioridade (aínda que gocen de ou do poder, como os mencionados escritores e xornalistas franco-falanxistas) de quen os profire.

[3] Non sei se a literatura é a república da liberdade, o que si é certo é que o reino da democracia: admíteo todo, mais logo xerarquiza e nesta república, como afirmaba xa Paul Valéry, non existe a xustiza, nin póstuma.

[4] Jitrik non cita títulos do escritor ruso, pero mencionemos, simplemente Os posesos, gran novela, por outra parte.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *