BiosBardia

O país dos libros en galego

Pequeno ensaio sobre literatura reaccionaria (4)

Noé Jitrik.

Xesús González Gómez.

Acababamos a anterior entrega coa frase de Jitrik en que afirma que unha cousa é un escritor de dereita e outra un escritor reaccionario. Para «demostrar» esta afirmación, que segundo el se deduce das súas anteriores consideracións, o arxentino afirma «que paga a pena elaborar o matiz, porque a cómoda simplificación de termos tan usados favorece un equívoco pernicioso […] adoitamos rexeitar mecanicamente ou aceptar docilmente algo que cualificamos polo exterior deixando de lado a actitude de base que en definitiva é o que decide o carácter dunha obra». E comeza a elaborar o «matiz»: «Un escritor de dereita é, pois, o home que traballa con materiais concretos correspondentes a unha mentalidade filosófica-política que provén de sectores sociais que a elaboraron para a súa supervivencia e defensa contra a marea histórica». Este tipo de escritor usa ese material porque «se por un lado se protexe nel, por outro non podería usar outro diferente». E é así porque cando escribe intenta atender a «defensa dun mundo concibido segundo unha certa ideoloxía e transmite estes propósitos máis ou menos fluidamente, con maior ou menor proposta consciente». En cambio, «o escritor reaccionario dáse nunha instancia indirecta, a través dunha actitude que resulta dunha elaboración literaria e pola cal a defensa dos contidos non considera para nada as regras do xogo esencial da comunicacións». Algúns escritores de dereitas poden considerar as regras do xogo, poden lograr unha comunicación «que supere a inicial intención ideolóxica», poden ter mobilizado ou mobilizar resortes «que fagan ao lector atoparse consigo mesmo», etc. Os exemplos, segundo Jitrik, son numerosos e corresponden a grandes escritores: Faulkner, Proust, Balzac, son os nomes que el cita: poderiamos engadir bastantes á lista.

Afirma despois que «a densidade da construción literaria, as transformacións inherentes ao ámbito, marcan a distancia que pode haber entre un escritor de dereita  e o seu carácter reaccionario» (porque todos os escritores de dereita son reaccionarios). En certo modo, Jitrik case chega a renderse cando afirma: «A existencia en distinto grao de cada unha destas circunstancias [a gran literatura tápao todo e non conseguimos ver o que ás veces realmente oculta; a gran literatura é un veo que se tende respecto á realidade á vez que a ilumina; outros escritores sedúcennos: mergúllannos en nubes de fertilidade, límannos, arrólannos, enlouquécennos afagando a nosa capacidade de sortilexio, etc.] dificulta o deslinde dos espazos que existen entre unha conformación dereitista e unha actitude reaccionaria», custa chegar ao fondo da cuestión, e ás máis das veces non se conclúe a análise e manéxanse con elementos puramente descritivos e de contido «que en si mesmos non abondan para configuraren o escritor reaccionario». Para acadarmos configuración do escritor reaccionario «deberiamos desmontar as astucias, as seducións e as trampas, unha a unha para chegarmos ao miolo. En certos casos atopariámonos co irredutíbel reaccionario, con esa coherencia entre a posición de dereita e a actitude que parece fatalmente ligada; noutros non o conseguiriamos encontrar, veriamos que o escritor transcendeuse, que nos tende unha man e nesa vinculación enriquecémonos da súa torturosa experiencia».

De aí, continúa o arxentino, que un escritor como Gálvez facilite moito as cousas á hora de «describir os trazos que configuran o escritor reaccionario». Logo dunhas disquisicións sobre este escritor e o seu libro, El solar de la raza, que, seica trata de España e que foi loado por Unamuno (outro escritor reaccionario), e que non paga a pena nin resumir, non por Jitrik, senón polos dous mencionados escritores, para os que, como para Maurras, eran bos os libros que partían das súas posicións (as de Gálvez e Unamuno), e bos os poetas e escritores que pensaban igual ca eles, etc., e chega ao ámago do seu traballo:

«En primeiro lugar, escritor reaccionario é aquel que me exclúe, é dicir, quen me illa na miña situación ou, peor, na miña condición; quedo só e un pouco como apestado e intocábel ao ler as súas obras porque non deixa en ningún momento de estar no seu sen tender ningunha ponte, agás que eu decline das miñas esixencias para pregarme docilmente ás súas, exclúe as miñas e condéname por continuar a conservalas.

»En segundo lugar, os valores que manexa sonme recriminados dende o alto coma un conxuro que emite a xerarquía e que tende a facerme advertir groseiramente a miña marxinalidade, que tende a inmobilizarme na respectuosa admisión. En terceiro lugar, procede a partir dun conxunto de crenzas previas sobre a realidade, firmemente arraigadas, inmóbeis […] hai algo que o escritor reaccionario sabe de antes, dende sempre, e sobre a súa sabedoría xirará como para destruír os argumentos de quen non están en posesión.» E, finalmente, cuarto trazo. «Escribe coma unha forma de confirmar, non de expor a súa idea anterior; en busca de confirmación organiza os seus medios expresivos e obtén así a unidade férrea do ton que culmina o seu edificio e que lle infunde eficacia, elemento que medula os alcances do seu obxectivo.»

Sobre estes catro pilares, o escritor reaccionario constrúe sólidos arietes contra o lector. A resultante disto é «unha presenza que se quere de natureza moral xa que se configura como crítica e afirmativa». Na obra do escritor reaccionario, malia a súa continxencia e o seu carácter asistemático, existe a moral: «é precisamente a consistencia con que se manifesta o que revela a súa estrutura, que non é de forza, senón de debilidade, de defensa [de aí, por exemplo, os insultos], de temor». Como é posíbel, pregúntase Jitrik, que unha literatura poida pórse ao servizo dunha moral que esixe a detención do movemento; dunha moral que para afirmarse necesita derrotar o lector? Unha moral, en suma, conformista, que comina a aceptar as condicións que veñen «fixadas dende as alturas dun ton sen rachadelas nin contemplacións».

Non obstante, Jitrik quere ir máis lonxe. De primeiras, ou de segundas, afirma rotundamente que non está a dicir que «para saber se un escritor é reaccionario abonda con ver se na súa obra hai un destes elementos ou os catro xuntos». Iso, en si, podía ser, non xa redutor, senón, talvez, unha parvada. Por outra parte, como percibiría o lector ou a lectora que perdeu o tempo lendo estas liñas, algúns deses, non os catro xuntos, elementos que definirían –mellor dito, describirían– o escritor reaccionario dáse en múltiples escritores e escritoras que non se consideran, e non consideramos (pode ser que erroneamente) reaccionarios senón máis ben «progresistas», ou, mellor dito, «humanistas». O que intenta o crítico arxentino, segundo as súas propias palabras, é tratar de aproximarse «a un concepto que teña por un lado alcances ideolóxicos na medida en que a actitude tende a transcender e gravitar; por outro, puntos de apoio en condutas literarias concretas». Só se ese concepto toma forma, entón, quizais «poida axudar a futuras precisións, a unha exactitude que permita, cando menos, adquirir claridade sobre o que é e debe ser o escritor non reaccionario, é dicir, humanista».

E empeza a delimitar a cuestión botando man dos elementos que describirían o escritor reaccionario. Lembremos o primeiro: «o escritor reaccionario exclúeme, illándome na miña situación». Se o lector é un dos membros integrantes do ciclo que completa a obra, «debería ser convocado polo libro para lle dar sentido. O lector, só e illado, espera que o libro veña, máis o escritor reaccionario o que fai é recalcar a soidade do lector, é máis, o escritor reaccionario rexeita o lector. E ao rexeitar o lector, ao excluílo, «expresa o seu temor a un cambio que seguramente presinte como inevitábel e catastrófico pero que é a consecuencia natural do feito literario». Polo cal, o escritor reaccionario non cumpre coa principal función do escribir, «non cumpre  co que dá sentido a esa actividade utilizando, en cambio, a literatura como forma de terror». Antes de proseguirmos, habería que preguntarse ao chegar a este punto se Jitrik pensou, por un momento, que a literatura denominada experimental, así como as denominadas vangardas historias, non poden ser consideradas como unha forma de terror. Non o creo, polo pouco que lin de Jitrik sobre as vangardas, «Notas sobre la vanguardia latinoamericana: Papeles de trabajo», ten as ideas claras e formula nun momento determinado, que hai que separar as vangardas diso en que se deu en chamar «tradición da ruptura», porque se ben as vangardas son «rupturistas» hai moitas rupturas que non poden ser consideradas vangardistas[1]. E a literatura como forma de terror busca non só intimidar e excluír o lector, senón, e sobre todo, sometelo. Agora habería que determinar de que forma o escritor reaccionario procede para executar esta forma de linchamento do lector, e deixando de lado os alcances da análise particular, «as formas máis universais da súa conduta están indicadas polos tres trazos que completan o cadro presentado máis atrás».

[1] «[…] podería pensarse que a actitude de ruptura –que sería unha constante e un requisito para todo vangardismo– e que estaría tamén presente en momentos literarios anteriores (Lautréamont, segundo Kristeva, é exemplo de poesía de ruptura), xa non sería o definitorio dos vangardismos.//Esta conclusión desprazaría, de todos modos, o eixo do semiótico ao semántico na medida en que a “ruptura” sería vista coma un “elemento” e non coma unha “condición” de produción; se, en cambio, se rescatase este concepto, habería que ampliar o de “vangarda” indo máis alá do que parece trazo dunha época determinada, a nosa, posto que sempre houbo “condición de produción”: o substantivo “vangarda” podería dar lugar a un adxectivo, “vangardista”, aplicábel a toda tendencia a alterar certos códigos.», in «Notas sobre la vanguardia latinoamericana: Papeles de trabajo», La vibración del presente. Trabajos críticos y ensayos sobre textos y escritores latinoamericanos, México D. F., FCE. 1987, p. 60-78.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *