‘Perseguidos’ vs ‘Tiros libres’
Xornada 3. Fran Fernández Davila diante de Ana Vigo.
Perseguidos
Avanzaban sen rumbo polo terreo descoñecido. Apenas falaban; a longa viaxe e a posterior fuga deixáraos sen folgos. Pero debían continuar.
—Podo probar o pan? —preguntaba de cando en vez o pequeno.
—Cala e camiña —replicaba o maior.
—Onde levarían a mamá?
O seu irmán non di máis. Querería coñecer a resposta. Separáranos dela en canto puxeran o pé neste planeta. O novo mundo, que tanto prometera dende o seu fogar da Terra, asediado polas guerras e a fame. Os habitantes deste lugar leváranos a diferentes instalacións. Eles conseguiran escapar e roubar algo de comida. Avanzaban coa esperanza de atopar a súa nai ou, no seu defecto, alguén que os axudase.
Comezaron a ver algunhas casas desas tan estrañas. Parecían vaíñas xigantescas que penduraban das árbores e lles servían de fogar aos nativos. Había moreas de árbores naquel planeta. Contáranlles que, tempo atrás, tamén na Terra existiran as plantas, pero o irmán maior pensaba que só eran contos de fadas para meniños.
Unha vaíña abriuse. Asomou un rostro alieníxena co cello engurrado. Berroulles algo que non entenderon, pero si captaron a intención: estaba enfadado, e a causa eran eles. Non lles gustaban os menores terrestres non acompañados, tiñan mala sona.
Os irmáns correron, perseguidos pola veciñanza. Choveulles un aluvión de lixo e, coas présas, esvaráronlles os anacos de pan. Non se detiveron para recuperalos; tiñan medo de pensar o que farían con eles se os atrapaban.
Deixaron a vila atrás e os seus perseguidores. Esfameados e cansos, seguiron o seu camiño sen rumbo. O pequeno non o aturou e comezou a chorar. Non se detivo por máis que o irmán o reprendeu, nin sequera cando lle propinou unha labazada. Ao pouco, os dous saloucaban no medio do camiño.
Escoitaron unha nova voz. Limparon as bágoas para ver o que tiñan diante: un nativo observábaos con atención, ou iso lles pareceu. Era a primeira vez que non lles falaban a berros, e non sabían se aquilo era un bo sinal.
A criatura ofreceulles algo: sostiña nas súas mans, ou patas, un anaco do que parecía queixo. Os nenos non preguntaron; tampouco servirían as súas palabras estranxeiras para facerse entender. Aceptaron o agasallo e devorárono.
Ao calmaren a fame, o maior preguntouse se aquel ser, que tan amable parecía, sería de fiar. Escoitara historias de boca doutros rapaces terrícolas que non lle gustaran nada, e moitas delas implicaban a adultos que prometeran axudalos, tanto terrícolas como nativos.
Bisboulle ao seu irmán instrucións para correr en canto rematasen. El encolleuse de ombros.
—Estamos sós, non te decataches?
Sorprendido, o maior mirou arredor. Era certo; o seu salvador desaparecera, e tampouco había pegada do queixo. Preguntouse se o imaxinaran, pero o seu bandullo cheo e o aroma do alimento que permanecía no ambiente, convencérano de que algo sucedera. Tratáranos coma persoas, despois de tanto tempo.
Máis animados, erguéronse para seguiren o seu camiño.
Ana Vigo.
…………………………………………………….
Tiros libres
―Chegarás á NBA ―dicía Mladen mentres agardabamos na fila do pan. Na fila, quero dicir. Porque a auga había que apañala dos charcos. Pan duro e auga con lama. Dende os oito ata os once. De non ser tal mediría agora dous trece, ou quince, ou dezasete…
Centésimas, quédannos centésimas. A liña de tiros libres do Square Garden é a máis curta do campionato. Son apenas uns milímetros, un infinitesimal de persistencia que moi poucos notan. O canto dunha moeda. A diferenza entre a vida e morte para un tirador.
―Chegarás á NBA ―dicíame o cabrón.
―Chegaremos ―corrixín―. Chegaremos porque somos un equipo. Eu cos triples e ti cos rebotes ―batinlle co dedo tres veces no peito.
―Eu non ―mirou para o monte―, eu non son tan bo.
Mladen sempre tivo un don. Sabía anticiparse, guiarme para evitar as pedras, as cambadelas, as trampas, os baches, as minas.
Foi Mladen o que me acompañou cando mataron o meu pai, o que me consolou cando abateron a miña nai, o que me abrazou cando lle acertaron na caluga á miña irmá pequena no parque. Sempre Mladen ao meu lado ata que non quedou ninguén.
―Chegarás á NBA ―dixo Mladen cando collemos as tres barras de pan e nos arrimamos á porta e contamos tres, igual ca nos tiros libres, e contamos tres, contamos tres para saír correndo a casa.
Soa diferente unha bala a perforar un pulmón, que a partir unha columna ou quebrar un cranio. Igual que fala diferente unha pelota cando bate no parqué que cando peta no aro ou trisca a rede cun tiro limpo. O primeiro son é oco. O segundo, xordo. O terceiro, morto.
―Chegaremos ―choreille mentres arrastraba o seu corpo polo brazo.
Boto a Spalding. Un, dous, tres. A pel de luxo non é rugosa coma o pan, nin branda coma o pan empapado en sangue. O tirador dos Lakers vixía aínda as miñas costas. El tamén nota o diferencial da liña. Se fallo, quedamos fóra.
Arrebolo unha ollada ao banco. O equipo confía en min. Volvo contar. Un, dous, tres e lanzo. Miro atrás, cara a Mladen, o adestrador en cadeira de rodas.
―Chegarás a NBA ―dicía el hai anos.
―Chegamos ―respóndolle eu sen mirar o aro.
‘Perseguidos’ Houbo varias cousas que me impediron entrar no texto. Talvez que os rapaces se fixesen con pan nun planeta extraterrestre ou que houbese tantas cousas que lles contaran e que, á vez, non e non entender o motivo polo que, se ese planeta era tan malo, os terrícolas seguisen chegando a el. Tampouco me axudou que os alieníxenas os atacasen con lixo, nin saber por que odiaban aos menores terrícolas non acompañados. Non sei… creo que foi un cúmulo de cousas que me impediron conectar coa historia.
‘Tiros libres’ Non sei que dicir deste relato. Gustei del de comezo a fin. Xoga coa típica historia de amizade/protección cun futuro incerto/falso de soños e esperanzas, pero faino moi bien. Noraboa.
O meu voto vai para ‘Tiros libres’.
Boa tarde, paso a comentar este duelo.
Perseguidos, ao contrario que o compañeiro Duncan, enganchoume a historia dos nenos terrícolas fugados nun planeta extraterrestre. O relato gustoume e intrigoume aínda que o final é un chisco esperable.
Tiros libres, non me enganchou moito, se cadra porque non me gusta o baloncesto. Demasiada repetición dunha mesma frase, que en 500 palabras penso que é un luxo que non se pode permitir. Prefiro o seu contrincante.
Voto por Perseguidos.
Perseguidos
O inicio faiseme algo xenerico. É curioso ese “terreo descoñecido” porque tamen o é para o lector. Creo que isto responde a que o importante é outra cousa: presentar a indefension dos menores (terrestes) non acompañados. A inmediata comparacion coa realidade é obvia. Se o lector sente magoa (ou o que sexa) por estes terrestres, deberia preguntarse por que non ia sentir o mesmo por un neno estranxeiro que está só no seu propio pais. Non fai falla explicar mais. Non entendo moi ben o papel do alien salvador, se te algun significado mais aló do argumental (representa a xente que non é como os que os perseguen?), non dou con el.
Por outro lado, o relato coxea un pouco, na miña opinion, pola sua sinxeleza. A narracion é pouco evocadora e a mensaxe, unha vez que a colles (medio relato) non evoluciona demasiado. Funciona pero non é estimulante. Un está de acordo co que transmite, pero non chega a disfrutar, nun sentido xa mais literario. Polo menos foi o que me pasou a min.
Tiros libres
Todas (ou case todas) as historias están xa contadas, o único que podemos facer é ilas contando de modo diferente ós que pasaron por aqui antes ca nós.
Nese sentido, pode que esta historia sexa típica, pero non é tópica.
Hai moitas cousa que fan especial este relato. Non é só meter o baloncesto no medio da historia (“xa vista”), é a forma na que se construen as conexions, empezando polo titulo. O “tiros libres”, os 3 botes (os 3 disparos), e tamen o final (coas repeticions, que son como o estribillo da cancion). É un relato do que se poden aprender un par de cousas. Bo traballo.
A escolma de fotos desta liga está sendo moi boa. Esta en concreto é tan evocadora que resulta moi difícil non abordala directamente.
“Perseguidos” elabora unha fábula estilo marciano facendo paralelismos co tema Menas. Imaxino que para un inmigrante que chega desorientado, famento e asustado isto debe ser pouco máis que outro planeta. A idea é boa. Pero estas fábulas teñen que ter… certa chispa. Creo que se tiña que traballar algo máis o texto para dotalo de un aquel definitorio que lle dese esa carisma. O problema tamén é que se enfronta ao, para min, mellor relato da xornada.
“Tiros libres” é un relato moi bo. Conta moito de maneira sinxela. A historia está vista pero sabe darlle un toque especial. Non son eu moito de basket (de mover o cú en xeral) pero notei a paixon polo aro das persoaxes. Os cativos están moi ben definidos. O ambiente é fantástico. Parabéns ao autor, un gran relato.
O meu VOTO só pode ir para “Tiros libres”
Concordo no que a colección de fotos desta liga esta a ser unha marabilla, pero tamén e que se lle está dando bo xogo porque menudos duelos.
Gústame a simpleza de Perseguidos e como conta o principio da historia sen ter apenas que escribila. Quizais me faltou algo mentres me achegaba ao final. A chegada e fuxida dos rapaces penso que está ben contada pero boto en falta algo máis que proseguir o camiño. Gustoume a idea e a sinxela descripción da vila, que cumple ben. O autor ou autora leva a foto por onde menos o esperaba e iso e do mellor.
Aínda me falta un duelo por ler pero creo que Tiros libres é o meu favorito desta xornada. A combinación do entorno cru polo camiño que se entrevé polo deporte pareceume moi verídica. En 500 palabras consegue contar unha historia moito máis longa, cun final redondo. O parágrafo da bala é xenial. Xa fora de compartir paixón ou non, penso que retrata ben o que son eses botes antes do tiro. Gustoume moitísimo. Grazas ao autor ou autora.
O meu voto vai para Tiros libres.
Boas. Como gustar, gustar non me gustou ningún dos relatos, creo que son desmasiado empática para estas historias tráxicas. Dou grazas de que non me tocara unha foto así.
“Perseguidos” Gústoume o final e por aí empezo, deixa un pouso de optimismo que ven dunha situación inexplicable pero en situacións extremas ás veces o optimismo, a forza para seguir loitando só ven, inexpliacablemente. Certo que ten algunhas carencias dentro da historia e eu que son pouco ou nada de fantasía eses alieníxenas sóbranme se o que ía contar era esa persecucción. Esta frase desubicoume por completo “sostiña nas súas mans, ou patas” eu vin unha vaca pero non estou moi segura. Fáltalle quizais un pouco máis pulir a idea pero en xeral pareceume un bo relato.
“Tiros libres” pouco podo aportar, é un relato perfecto, con final Walt Disney inclusivo e bastante predicible. Ten párrafos onde me incomoda a precisión coa que define os familiares que perde o prota, o son das balas, porque xa me imaxinaba a onde ía chegar.
Os paralelismo bala, pelota e as transicións son brillantes. Parabéns a quen o escribiu.
Voto por Tiros libres
Grazas a todas e todos polos votos e os comentarios. Parabéns a Ana polo seu relato que a min me gustou moito. A verdade é que me custou sacar o texto porque me saíu a cachos. Primeiro, a historia do francotirador e logo a do baloncesto. Despois barallei as palabras e repartín xogo. O único que tiña claro é que quería un final con luz, por unha vez na vida.