BiosBardia

O país dos libros en galego

Peter Handke e García Márquez

Peter Handke.

Manuel Veiga Taboada.

Para entender a literatura dos últimos cincuenta anos pódese empezar por collela por dous dos seus extremos, Peter Handke e Gabriel García Márquez. Hai, por suposto, outras visións, pero estas son dúas das máis características. Cada estilo paréceme a min moi relacionado co clima dos seus respectivos países. E non creo que isto sexa unha trivialidade ou un azar. Handke é reflexivo, psicolóxico. García Márquez, expansivo, social. O primeiro, exacto, económico. O segundo, barroco, exuberante. O primeiro, frío como Austria, país de montañas, na Europa central. O segundo, tórrido, como Colombia, país subtropical no que naceu e no que se inspirou sempre.

Un escritor perdido e sen referencias tería suficiente cun libro de cada un destes dous autores para aprender o necesario sobre literatura. E, non obstante, os dous teñen tamén os seus parecidos, a maiores de que os dous recibisen o premio Nobel. Están unidos pola época, o seu tempo histórico é case o mesmo. Ambos aprenderon de Faulkner e de Kafka, dous escritores minuciosos e capaces de inventar mundos.

Hai algo que Handke di e que resulta moi útil para un autor ou autora galegos. El non ten a man ríos como o Mississippi que o impresionara lendo a Faulkner. No seu país, o que abundan son os ríos pequenos. A súa literatura vólvese importante, porén, no momento no que se dá conta de que crear lugares grandes depende ante todo da imaxinación e da habilidade do escritor.

Handke e García Márquez están tamén os dous marcados polos ditadores. Pero onde Hitler e a súa pegada na sociedade poden resultar incluso morbosos, os ditadores americanos parecen carnavalescos. O nazismo foi traumático, gótico, pero os “tiranobanderas” americanos teñen algo de máxico e imprevisíbel.

Os galegos que, por territorio e historia e incluso nivel de vida, pertencemos ao sur do norte e ao norte do sur, e ademais emigramos tanto a Suíza como a América, podemos poñernos, cun esforzo asumíbel, no lugar de ambos. Podemos entender a Handke e a García Márquez. Levamos en nós algo de xermánico e algo de habaneiro, algo de suevo e algo da doce e cálida cultura de Al Andalus.

Particularmente, o Handke que máis me gusta é o da primeira época. Talvez porque os seus libros eran máis breves e concentrados. O relativo esquecemento que sufriu nos últimos anos, até agora que lle veñen de conceder o Nobel, creo que non só se debe a razóns políticas relacionadas coas guerras iugoslavas. Creo que, para calquera lector, os seus libros se volveron demasiado morosos. Jaureguizar escribiu hai pouco que en Handke hai divagacións excesivamente longas antes de que un poida encontrarse cun par de frases lúcidas e sorprendentes.

No que se refire á última época, escollería o seu libro máis polémico, para algúns incluso tabú: Unha viaxe de inverno aos ríos Danubio, Save, Morava e Drina ou xustiza para Serbia (cuxa edición en español publicou Alianza). Nesta obra, máis ben curta, Handke escruta as persoas e o mundo que as rodea, fai introspección psicolóxica e colócaa ao servizo do xornalismo (ou ao revés). É un Handke sutil e intelixente, desde o punto de vista literario, o que loxicamente se transmite á materia política que indubidabelmente trata. Como el mesmo di, xa en 1972, non debe haber ningún coñecemento preconcibido para un escritor. Despois de ler o libro, o seu editor norteamericano coméntalle: Agora toda a información internacional sobre a ex Iugoslavia paréceme pornografía.

Esta narración de Handke, igual que Apéndice de verán a unha viaxe de inverno, tamén en Alianza en idioma castelán, molestou porque deixou espidos os noticieiros das grandes cadeas de televisión. O camiñar lento do austríaco, a súa conversa ás veces tanxencial coas distintas vítimas (todo ser humano é unha vítima de algo, en maior ou menor grao), a súa observación case topográfica do terreo, en contraste continuado co impacto visual das pantallas de televisión, ofrece un resultado poético e explosivo, moi necesario hoxe, cando a maioría das moedas repiten a cara do César.

Incluso se pode continuar discrepando da visión de Handke, pero non descoñecer que esa visión é enriquecedora e mesmo imprescindíbel. Como non se pode ocultar que as palabras que nos ofrece Hamsun, en Por sendeiros que a maleza oculta (versión española en Nórdica), escrito despois de que fose condenado polas súas simpatías nazis, son, dalgún modo, esclarecedoras, poñen ante os nosos ollos unha sensibilidade que non deberiamos ignorar.

Este tipo de contradicións aparentes, na orde da política, son, polo demais, as que mellor mostran a importancia da literatura, como da arte en xeral, capaces de comprender o ser humano na súa extensión e na súa profundidade, dun modo previo aos xuízos morais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *