‘Piñeiro, o aviador, e o señor Verne’, un esbozo xeral
César Lorenzo Gil.
Nos últimos tempos fraguou un novo e interesante modelo para a novela histórica e/ou biográfica. Algúns dos seus máximos expoñentes escriben en francés: Patrick Deville, Éric Vuillard, Jean Echenoz, Laurent Binet… Cada un no seu estilo e coas súas propias ferramentas, conseguiron grandes obras nas que a ollada subxectiva, a mestura de técnicas narrativas e a atención á microhistoria se impoñen ao relato clásico.
Nesa corrente podemos inscribir as intencións de Piñeiro, o aviador, e o señor Verne, de Xavier Lorenzo Tomé, publicado por Positivas. A cerna do libro é doada de resumir: a narradora, que non se identifica e cuxa función na obra podería confundirse coa do propio autor até parecer simplemente unha simulación del, fascínase coa figura de Xosé Piñeiro (1878-1927), un dos aviadores pioneiros da historia de Galicia, moi famoso no seu tempo, até o punto de considerar a biografía deste case coma unha novela de Jules Verne, un autor que tamén a fascina, evidentemente. A novela, daquela, parte da hipótese dun efémero encontro entre Piñeiro e Verne, pero como biograficamente tal encontro quedaría exótico de máis, opta a narradora por imaxinar que con quen se encontra é con Michel Verne (1861-1925), fillo do escritor, tamén el novelista e testamenteiro do pai. A partir dese encontro, Lorenzo Tomé conta e imaxina as propias vidas dos dous protagonistas (unha gran parte da novela é unha biografía de Piñeiro), sumando a de Jules Verne como autor dunha suposta novela futurista inédita ambientada nun Vigo do 1930 onde reina a prosperidade entre bateas e hidroavións.
Piñeiro, o aviador, e o señor Verne comparte con esas novas novelas históricas europeas moitos dos principios enunciados ao principio, pero fracasa no principal: o resultado. Quen le a novela de Lorenzo Tomé ten a sensación de que está a asistir a un ensaio xeral, que obtén permiso para entrar na gabeta onde o autor foi acumulando ideas e documentación. Pero a redacción final carece de autonomía; aínda non tomou corpo e (por facer un símil acaído co tema do libro) está ben lonxe de engalar do chan. Exemplo perfecto é que o autor coloca entre estas páxinas o esquelete da tal novela futurista viguesa de Verne, capítulo por capítulo, nun feble xogo de matrioshkas que fai aínda máis palpable a sensación de provisionalidade de todo o conxunto.
Os elementos literarios quedan, polo tanto, nas intencións, nesa aposta persoal por converter un intre fantasioso da historia de dous personaxes reais na faísca dunha suposta novela. Cando o autor ten que ofrecernos o resultado, esa literatura non carbura. Ben nos fragmentos máis novelescos, ben na parte máis xornalística/enciclopédica. E en ambos casos polo mesmo: falta de ritmo provocada por un abuso de datos.
♦ Piñeiro, o aviador, e o Sr. Verne, de Xavier Lorenzo Tomé. Positivas, 2023. 184 páxinas. ♠15€