BiosBardia

O país dos libros en galego

Policías eficaces e ruínas adoradas, as dúas concepcións da literatura

Benedict Cumberbatch como Sherlock Holmes, á esquerda, e Martin Freeman, como John Watson.

Manuel Veiga Taboada.

Hai dúas clases de literatura, a de esquerdas e a de dereitas. A literatura de dereitas é a que protagoniza Sherlock Holmes: prodúcese un crime e mediante unha serie de técnicas infalíbeis e de perspicacia individual conseguimos descubrir o culpábel que é xustamente castigado. A Inglaterra vitoriana segue en pé, até o seguinte capítulo, no que o sistema volve ser posto en dúbida, para que ao final o inimigo volva ser esmagado coa bota da ciencia e da policía, en tenaz alianza.

A literatura de dereitas vén sendo o que habitualmente chamamos novela policial ou novela negra.

Que as novelas descobren os submundos e as contradicións do sistema resulta evidente. Todo cidadán de dereitas coñece os baixos fondos e os campos onde florece o pecado. Na propia Igrexa non se fala máis que do pecado e dos pecadores, igual que a dereita fala dos delincuentes e da inseguridade. Eses anuncios de alarmas que emiten pola radio son fragmentos de novela policial. Só ten sentido defender un partido de orde se antes convencemos a todos de que o mundo é un inferno. O inferno que se reflicte nas series e na novela policial.

E a esquerda? Na esquerda prevalece a estética das ruínas. A esquerda é devota de todo o que se desfai, do pouco que nos queda, do “esquecemento que seremos”. A literatura de esquerdas é decadentista. Está namorada dos hospitais para tuberculosos. O romanticismo levou esa estética ao seu apoxeo. A esquerda literaria fala sempre do perdido, do que nunca recuperaremos, da nostalxia. Onde a dereita pon racionalidade policial, a esquerda solta un monólogo triste e autocompasivo. Onde a dereita proclama a eficacia e nega as contradicións, a esquerda autocompadécese e laméntase. Enche páxinas con esas contradicións e envólveas nun sudario de elocuencia.

Levada aos seus extremos dexenerados, a literatura de dereitas convértese nun manual de autoaxuda e a literatura de esquerdas nun manifesto dos abaixo asinantes. O libro de autoaxuda é a vulgarización radical da novela negra: o delincuente, o pervertido ou o defectuoso que se redime a si mesmo, sen necesidade de policías nin servizos sociais. É o que máis barato lle sae ao sistema.

O manifesto dos abaixo asinantes é a vulgarización da impotencia, o deleite morboso no fracaso. Xa non hai aquí preocupación estética ningunha. Trátase non só de laiarse, senón de demostrar que os que choran son un grupo diferente que se acaba manifestando a través das súas palabras aburridas e case incomprensíbeis. A ruína sempre ten algo de inintelixíbel e de misterio. Alardea del.

A novela policial e o libro de autoaxuda representan en cambio a exaltación da claridade. A literatura de dereitas é o que á matemática a suma e a resta. A literatura de esquerdas, en cambio, é un xeroglífico, un sinal esotérico inscrito nunha pedra antiga. A lacra de ser pobre, un destino. Por iso os escritos de esquerdas atraen a lectores contemplativos, pesimistas e profundamente estéticos. En cambio, a literatura de dereitas, taxonómica e pouco misericordiosa, máis inclinada ao sabor cru que á beleza, pode facer xerminar, aínda que sexa sen querer, as bases para a demolición. Esa literatura é capaz de crear ruínas en vez de adoralas.

3 thoughts on “Policías eficaces e ruínas adoradas, as dúas concepcións da literatura

  1. Un dos mellores textos que teño lido ultimamente, en Biosbardia ou en calquera outro lugar. Realmente brillante. A frase “A literatura de esquerdas é decadentista. Está namorada dos hospitais para tuberculosos.” pénsolla ripar e soltala en conversacións con amigos (para facerme o ocorrente :-).

  2. Perdoeme, mis dáme que vostede leu pouca novela policiaca e, polos comentarios, vexo que ten amigos que o queren ben, ou que lles van estes xogos “literarios” de “épater le bourgeois”. Máis o “articulismo” literario ocorrente non e isto, non…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *