Políticos que escriben libros
César Lorenzo Gil.
Alberte Núñez Feixoo é o primeiro presidente de Galicia desde os tempos de Xerardo Fernández Albor sen libros publicados. Agora que o seu antecesor no cargo, Emilio Pérez Touriño, presenta a súa última obra, Crise global e crise da política. Unha ollada desde Galicia (Galaxia), é un bo momento para lembrar que tal casaron políticos e letras.
Touriño non é un novato no ensaio. Tanto no eido político coma no ámbito económico, non en van é doutor en Económicas e profesor da Universidade de Santiago nesa área. Neste libro que agora se presenta fai unha avaliación propia sobre a crise do 2008, de onde parte, como se estende e en que medida lle afecta a Galicia. O tema é fundamental na propia biografía do ex presidente. Todas as análises indican que a maioría absoluta que o PP logrou en marzo do 2009 tivo moito a ver co desgaste silencioso que foi sufrindo o bipartito que el presidía nos últimos meses de lexislatura. Entender que pasou seguro que foi tamén un exercicio persoal de introspección. Mais o libro non pescuda especificamente sobre aquela etapa senón que formula un panorama global, tamén no que atinxe á resposta que a política debe dar –na opinión do político socialista– para se acomodar ao profundo cambio social que trouxo a austeridade.
En activo
Os tempos son propicios para que os políticos escriban. Non en van, algúns dos que máis respecto conseguen (independentemente do número de votos que obteñan) son tamén habituais escritores. O exemplo máis recente está nas siglas de Podemos. O novo partido ten no seu núcleo dirixente dous profesores de Ciencias Políticas. O líder, Pablo Iglesias Turrión, ten unha ampla obra publicada. Destaca en especial o seu interese pola hexemonía cultural e a mensaxe política subxacente nos discursos culturais de masas, cine e televisión, principalmente. Iglesias tamén lles dedicou páxinas aos ensinos que deixou o 15-M e ao modelo electoral español. O seu compañeiro na cúpula de Podemos, Juan Carlos Monedero, é un especialista en mundialización, política europea e ética política. O seu best-seller até o momento é Curso urgente de política para gente decente (Seix Barral).
En Galicia, os políticos con cargos de responsabilidade máis activos no labor editorial son os líderes nacionalistas. Tanto Xosé Manuel Beiras coma Xavier Vence son catedráticos de Economía. Beiras especializouse en Estrutura Económica e o seu libro O atraso económico da Galiza (Galaxia, 1972, reeditado no 2005) foi un dos traballos máis vendidos no seu momento e de meirande influencia entre as fornadas de economistas dos anos posteriores á súa publicación. O seu traballo de ensaísta non se limitou só á análise económica xa que nos títulos Prosas de combate e maldicer e Por unha Galiza liberada e novos ensaios (ambas publicadas por Laiovento) deixou por escrito a súa concepción do nacionalismo e da ideoloxía esquerdista.
Vence é experto na pegada do capitalismo máis recente sobre Galicia. O seu libro O fracaso neoliberal na Galiza (Edicións A Nosa Terra, 2005) é hoxe máis ca nunca unha guía moi útil sobre os mecanismos do poder económico sobre os servizos públicos e o emprego no noso país. A crítica ao neoliberalismo centrou os seus últimos traballos.
Ex presidentes
O socialista Fernando González Laxe, que presidiu Galicia entre o 1987 e o 1989 tamén ten obra publicada, no seu caso ao redor de temas pesqueiros, a súa especialidade profesional. Un dos seus socios naquel goberno era Xosé Luís Barreiro Rivas, que foi vicepresidente (formaba parte de Coalición Galega) logo de varios anos como conselleiro de Fernández Albor. O politicólogo e columnista de prensa ademais escribiu diversos libros de ensaio, tanto de política galega (sempre estivo moi interesado no parlamentarismo) coma de política internacional: As inxurias da guerra. O que Bush non sabía pero eu si (Xerais, 2006). Como curiosidade, Barreiro Rivas é autor do relato O crego de Lebozán, décimo quinto volume dos Contos do Castromil que editara a hoxe desaparecida empresa de autobuses e que se convertera nun éxito entre os lectores-viaxeiros.
Grande obra escrita deixou outro presidente galego. Manuel Fraga publicou ducias de libros, en especial sobre administración pública. Fraga era catedrático en Dereito Político, Teoría do Estado e Dereito Constitucional.
Pero se alguén repasa a súa amplísima bibliografía darase conta de que dedicou textos a moi diversos temas, desde historia do conservadorismo español á división racial nos EUA, pasando pola expansión do culto xacobeo. A pesar do peso cuantitativo da súa obra, hoxe apenas se seguen os seus libros. O máis ambicioso é Administración única: una propuesta desde Galicia (1993), unha proposta política para fortalecer o autonomismo galego cunha óptica compatible cos postulados centralistas e unitaristas do PP. O libro era resultado do traballo do think tank que Fraga comandaba a través da Escola Galega de Administracións Públicas pero unha vez descartado polos dirixentes do seu partido, a teoría quedou na gabeta.
Memorias
Outro xeito co que os políticos se achegan ás letras son os libros de memorias. É case un xénero. Hainas principalmente de ministros e presidentes, adoitan ter centos e centos de páxinas (nalgúns casos, coma no de José María Aznar, ocupan varios volumes) e están precedidos de hábiles campañas de publicidade para que os lectores devezan por ler algo novo, algún segredo de estado que até ese momento non se sabía.
Polo xeral, son textos decepcionantes, sen altura literaria nin xornalística, con pouco espazo para os intres realmente decisivos, con múltiplas voltas e reviravoltas, diálogos intrascendentes e supostas notas ao vivo tomadas no propio día dalgúns acontecementos que ao autobiógrafo lle parecen clave nos seus mandatos. Na maioría dos casos, ademais, hai sospeitas fundadas de que os textos non os escriben os protagonistas senón escritores anónimos a soldo das editoras, o que serve para arrombar eses grosos libros na bibliografía da intrascendencia, na maior parte das ocasións.
A outra cara da moeda deste xénero é o libro de entrevistas. Aínda que en ambos os casos, o político se ofrece voluntariamente ao traballo editorial e pacta un cuestionario co xornalista encargado da redacción –e polo tanto coparticipan como autores–, este tipo de libros son máis dinámicos, xerarquizan ben mellor os temas e dan unha visión bastante acertada do pensamento político e tamén das circunstancias biográficas dos poderosos.
Como explicou Manuel Veiga, hoxe en día, a relación entre libros e política é máis feble ca antano, cando non se podía concibir o liderado político sen o liderado intelectual. En Galicia, a figura de Castelao é irrepetible mais na historia do mundo foron moitos os políticos escritores ou escritores políticos que deixaron pegada en ambos oficios. O británico Winston Churchill, que foi primeiro ministro durante a II Guerra Mundial, gañou o premio Nobel de Literatura no 1953. Vaclav Havel era xa un coñecido dramaturgo cando no 1968 deu os seus primeiros pasos políticos na Primavera de Praga. A súa fama literaria foi en aumento até que se converteu no primeiro presidente de Checoslovaquia tras a fin do socialismo, no 1989. Rómulo Gallegos, autor dunha narrativa épica moi seguida no seu tempo e considerada preludio ao boom latinoamericano, foi durante nove meses presidente de Venezuela. Obtivo no 1948 o 80% dos votos emitidos nas primeiras eleccións realmente democráticas do país.
Caso máis curioso é o de Abel Caballero. Vinculado á política desde novo, foi ministro con Felipe González na década do 1980. A súa estrela electoral foi devalando até case extinguirse tras o seu fracaso como candidato a presidente de Galicia. Xa de volta na universidade, iniciou en paralelo unha carreira de escritor de novelas históricas. Entre o 2002 e o 2006 publicou La elipse templaria, El hombre que tenía miedo al mar, El invierno de las almas desterradas e La puerta amarilla. Logo volveu á política activa, primeiro na Autoridade Portuaria; logo na alcaldía de Vigo. E deixou de publicar.