BiosBardia

O país dos libros en galego

Premio Ánxel Fole de Literatura Repipi

Máquina de escribir/NICK YOUNGSON/ALPHA STOCK IMAGES.

César Lorenzo Gil.

Lemos nas bases da 27.ª edición do Certame de Narración Curta Ánxel Fole, convocado polo Concello de Lugo:

“A organización resérvase o dereito de exclusión das obras nos seguintes casos:

(…) Cando utilicen a imaxe da muller como reclamo e con connotacións de tipo sexual ou a denigración da súa imaxe, así como calquera outros que atenten contra a dignidade das persoas.

Os traballos deberán evitar calquera tipo de propaganda subliminar que poida inducir ao consumo de alcohol ou calquera outro tipo de drogas, segundo a lexislación vixente”.

O primeiro que un pensa é que aquí alguén se equivocou, que fixo un cortapega con algunha outra convocatoria e non lle acordou rectificar. Pero logo un recorda que en Galicia existen varios premios literarios “con apelido” e xa este fragmento non parece tan irreal. Sentido segue sen ter ningún, pero a realidade poucas veces o ten. E a literatura tampouco debería, aínda que a onda de puritanismo atinxe cotas tan absurdas que acha posible facer convivir a ficción coa urbanidade.

O segundo que un pensa é: Como se utilizará esta cláusula? Haberá unha persoa encargada na organización de revisar, obra tras obra, que se cumpran? A tarefa ten complicación, pois neste premio á parte de novelas curtas tamén se poden presentar relatos, así que nun só orixinal pode haber ducias de oportunidades nas que un argumento incorrecto intente filtrarse. Ou, o que é máis lóxico, será unha especie de comodín que un xurado espelido poderá utilizar se ve que se coa algunha obra que non acaba de chistarlle que gañe ou que compite contra a súa favorita. E nese caso, como se decidirá que unha obra cumpre ou non cumpre co que marcan as bases? Poñamos por caso que sae unha personaxe que fuma. A heroína da novela: unha resistente antifascista ou unha antropóloga preocupada pola extinción dalgunha especie animal. É iso propaganda subliminar dunha droga? Si, claro. É evidente que todas as calidades persoais desa personaxe só as deseñou o autor para poder coar a apoloxía do tabaco. E se na obra hai unha escena de sexo onde se describe a anatomía feminina? Daría igual se o texto ten a elevación estética de Dante. Na frase “connotacións de tipo sexual” cabe até “O cantar dos cantares”.

Na literatura non hai propaganda nin hai utilización da imaxe de ninguén. Porque a literatura non é publicidade, porque o “produto”, o texto, xa está vendido, normalmente, antes de que o lector lea máis alá de dúas frases e a sinopse da lapela.

Daquela, a cláusula só é un estorbo. Porque somete os autores á autocensura se queren participar no certame. É tal ou cal actitude sexista? Unha escena nun furancho é “propaganda subliminar”? E ademais porque posibilita que na reunión entre xurados interveñan factores extraliterarios: intereses espurios que unicamente prexudican a calidade do premio.

De limitar, mellor sería que nas bases se recomendase esmero ortográfico ou se alertase contra o mal uso das traducións automáticas. Porque a lingua e non a moral si é unha ferramenta literaria e aquel que non a coida seguramente non merece un premio. Seguramente mereza unha exclusión.

Ánxel Fole fumando.

No caso dun premio que pretende homenaxear unha figura literaria, ese respecto pola independencia da ficción debera ser aínda maior. Se para inventar mundos, personaxes e situacións hai que ter conta co que se di, escusamos a literatura. Finxir que non hai inxustiza, que non hai contradicións, que non hai dor, abuso, erro… Esa non é a función dunha obra narrativa e por suposto tampouco dun premio que di querer promover a creación literaria. A valentía dun autor debe prevalecer e non ser reprobada, senón admirada, xustamente nos premios, que é onde determinados factores comerciais comúns á escolma dos catálogos editoriais, se poden subverter mercé á natureza autónoma do galardón.

Calquera pode lembrar e facer unha listaxe de obras mestras que non encaixan nesta exclusión. E non é que sexa necesario falar de sexo ou de drogas para facer unha obra mestra. Nin o contrario. Porque o valor literario e o tema son dimensións paralelas que só se tocan nas entrevistas e nas notas de prensa.

Demasiadas cancelas atentan a literatura. Anagrama denunciou que as redes de Meta censuran o título de Paulina Flores La próxima vez que te vea te mato (polo verbo mato) e cada poucas semanas anúnciase algún expurgo nas bibliotecas escolares estadounidenses contra tales ou cales títulos por herexes ou pornográficos.

Non dubido das boas intencións destas cláusulas, pero unicamente deberían usarse as que puidesen servir para estimular nos posibles aspirantes ao premio unha vontade inequívoca de rebelarse contra todas as limitacións creativas que non formen parte do xogo literario. Oxalá un premio que impida o uso da letra A na redacción da novela ou algunha oulipiada semellante. Todo o demais é gana de perder o tempo, de quedar a gusto xusto na única faceta onde a vida non ten normas. Porque a literatura ou é un espazo tan misterioso coma o soño ou non é. Porque a literatura así capada, con apelidos, obxectivos edificantes e misións sociolóxicas adoita ser, no mellor dos casos, literatura repipi.

 

6 thoughts on “Premio Ánxel Fole de Literatura Repipi

  1. A ideoloxía woke (que non ten que ver con respectar os demais) é unha moda que, coma outras, tenderá a desaparecer, supoño que máis tarde que axiña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *