BiosBardia

O país dos libros en galego

Premios literarios e mulleres

Annie Ernaux.

Xesús González Gómez.

O 2 de decembro do 2022, nas páxinas de Le monde des livres, Denis Cosnard et les Décodeurs (os Décodeurs –descifradores, descodificadores– é un equipo de xornalistas de investigación do xornal parisiense Le Monde:), publicaron unha interesante «enquête» (investigación) que titularon: «Prix littéraires: place aux écrivaines!» (Premios literarios: paso ás escritoras!», co subtítulo «Mulleres e premios literarios: lentamente, mais con seguridade»).

Inician o seu traballo preguntándose se o 2022 sería, finalmente, o ano da consagración das escritoras francesas, logo de que Annie Ernaux fose laureada co Premio Nobel de literatura, a primeira escritora francesa a quen se lle concedeu este galardón. E, ademais, a inicios de novembro, outra escritora, Brigitte Giraud, recibiu o Premio Goncourt, «o máis cobizado dos premios tricolores [é dicir, franceses], o que fai vender centenas de miles de exemplares». A novela gañadora do Goncourt titúlase Vivre vite (Vivir rápido, e se quixésemos manter a aliteración podiámola traducir por Vivir velozmente), foi publicada pola editorial Flammarion (pertencente ao grupo Gallimard), que inmediatamente despois de ser galardoada a novela fixo unha reimpresión de 400.000 exemplares (si, si, catrocentos mil exemplares, xa que as cifras do Goncourt poden acadar o millón de exemplares e mesmo superalos, como foi o caso de O amante[1], de Marguerite Duras). Como afirman os autores do traballo: «Era a décima terceira vez, en cento vinte anos, que o premio creado polo testamento de Edmond de Goncourt, en 1892, ía a unha autora».

Continúan dicindo que no rego destas dúas escritoras, outras foron  «recompensadas» este 2022: Claudine Hunzinger: Un chien à ma table (Premio Femina), Emmanuelle Bayamack-Tam: La trezième heure (Premio Médicis, antes fora galardoada co Landernau dos lectores), Lola Lafon recibiu os Premios Décembre e o da revista Les Inrockuptibles por Quand tu écouteras cette chanson; Joffine Donnadieu con Chienne et louve gañou o Prix de Flore; Anne Berest foi recompensada co premio Lectoras de Elle pola novela La carte postale; e Sandrine Colette, con On était des loups, gañou o Premio Jean Giono e o Renaudot des Lycéens. É dicir, contando o Goncourt, gañado por Brigitte Giraud, como dixemos, e outros premios gañados por mulleres, que non enumeraremos para non aborrecer, resulta que as escritoras galas no 2022 gañaron seis dos 11 principais premios literarios franceses. Esta proporción, din os autores do traballo, «só foi alcanzada outras catro veces en máis dun século», pero destas catro ocasións, tres foron despois de 2010, e por agora nunca foi superada, o que conduce a un 41% de escritoras laureadas nos últimos 10 anos: «Unha clara progresión con relación á media do 24% rexistrada de maneira abondo estábel durante os tres decenios precedentes».

Se ben esta dinámica é positiva, segundo constata Sylvie Ducas, profesora da universidade Paris-Est-Créteil e especialista en consagración literaria, «globalmente estase moi lonxe da paridade», e engade Denmis Cosnard: «De ano en ano, as escritoras son cada vez máis recompensadas. Os premios son menos que no pasado cousa de homes», non obstante: «o movemento é lento, irregular, obstaculizado, contestado». E, ademais, as dificultades das mulleres para se facer un lugar baixo o sol dos premios literarios (e da literatura en xeral) explícase porque, segundo Julien Marsay, autor de La revanche des autrices (O desquite das autoras; non estará de máis lembrar que autrice é case que un neoloxismo na lingua gala, xa que as escritoras mulleres sempre foron consideradas, simplemente, como auteurs, é dicir, co masculino, obviando, ou negando, o feminino), durante séculos: «todo foi configurado para que elas non fosen nunca escoitadas». Escritoras como Christine de Pisan, Marie de Gournay, Madeleine de Scudéry ou Olympe Audouard escribiron moito e ben, mais foron sistematicamente descualificadas, borradas da memoria, afirma Marsay: «O cume da misoxinia acádase no século XIX, cando se consagra unha historia literaria case que exclusivamente masculina». Houbo que esperar, din os autores do traballo, a estes últimos anos para que os estudos sobre o lugar das mulleres na literatura se multipliquen nas universidade.

Pasan logo a lembrar que desmontar as dificultades e as barreiras construídas ou colocadas dende hai tantos anos (séculos) contra as mulleres no mundo literario, non se desfán en dous días; non obstante, continúan os autores do traballo, as escritoras derribaron moitos obstáculos e saltaron sobre outros tantos: cada día son máis as mulleres que escriben e que achan editor/a. E de aí o dato seguinte: no outono do 2022, o 65% das noventa primeiras novelas da rentrée literaria estaban asinadas por mulleres, ao tempo que se constata que dende hai uns cantos anos, para introducirse no mundo literario xa non é necesario que as mulleres usen dun pseudónimo masculino, como foi o caso noutrora de «André Corthis» (en realidade, Magdeleine Husson, gañadora do premio Femina en 1906), «Jacques Morel» (Madeleine Pottier, Femina 1912) ou «Dominique Duquois» (Marguerite Lesmele, Femina 1928). Para unha escritora «durante moito tempo ser seleccionada para un premio era abondo complicado»; malia todo, este balado tamén comeza a ceder. Así, segundo Cosnard e os Décodeurs,  este outono «as mulleres eran maioritarias nas listaxes de autores en liza para os grandes premios», e así o Médicis seleccionara seis escritoras por un escritor; con todo, a listaxe do Interallié contaba cunha muller contra catro homes; «os membros do decisivo Goncourt –explícannos– acadaran unha paridade perfecta na súa penúltima selección». Catro novelas escritas por mulleres e catro por homes: «Non sen dificultades, aparentemente. “Gustaríanos premiar máis libros escritos por mulleres, pero non hai moitos”, afirmaba, a inicios de xullo, Didier Decoin, o presidente da Academia Goncourt, no semanario Le Journal du Dimanche. Que resumía cunha fórmula brutal e torpe: “Dámonos de nariz contra a materia prima”.» 

Outro tema que toca a «enquête» é a taxa de mulleres galardoadas con diferentes premios. Así, por exemplo, «o Interallié e a Académia française semellan boys clubs, dende o 2000, tanto un como o outro só distinguiron a tres mulleres contra vinte homes, ou sexa unha parte de laureados limitada ao 13%. A taxa acadada polo Goncourt é do 17%, o Prix Décembre chega ao 22%, o Flore ao 30%, o Livre Inter e o Femina ao 35%, o Médicis e o Renaudot ao 39% e o Goncourt de Lycéens acada o 45%. Só o Grand Prix das lectoras de Elle supera o pico do 50%, co 61% de gañadoras.

Por que estes datos? Malia que en Francia a maioría dos lectores está constituída por lectoras (dato, por outra banda que, sen cifras na man, ousaría facer extensivo a España, incluída Galiza; acho que tamén no noso caso o número de lectoras supera o de lectores), segundo os autores do traballo: «A miopía dalgúns xurados, a súa dificultade para reparar nos talentos femininos, para aprecialos e, máis aínda, para consagralos, son debidas en parte, sen dúbida, á súa composición.» A Academia francesa, por exemplo, só abriu as súas «pesadas portas» ás mulleres en 1980 e na actualidade dos trinta e cinco membros que conforman a Academia, só seis son mulleres, é dicir «un 17% de Immortelles» (mantemos o adxectivo en francés, que ten tanto forma masculina como feminina: immortel e immortelle, respectivamente; na Francia, aos membros da Academia, chámanlles –ironicamente?– inmortais). Pola contra, os xurados tanto do Femina como de Elle son exclusivamente femininos, o que non impide ao Femina, «creado para combater a misoxinia do Goncourt, recompensar a menos mulleres que o moi masculino Renaudot.» E rematan o traballo co seguinte parágrafo:

«Nos Goncourt, o tema está sobre o tapete. Nos inicios do premio, Joris-Karl Huysmans [o reputado autor de Là-bas –novela da que existe versión galega, A contrafío, Hugin e Munin, 2016, trad. de Isabel Soto–, En rade, etc., católico, misóxino, antisemita e outras tantas cousas máis] fixara unha regra estrita: “Nada de saias”. Houbo de esperar a 1945 para que unha xurada fose cooptada: Colette. Na actualidade, a Academia conta con tres mulleres por sete homes. Coas substitucións [por morte, renuncia, etc.], «intento facer de maneira que se vaia cara unha paridade, confía Philippe Claudel, un dos “dez”, secretario xeral da Académie. “Aínda queda traballo por facer”.»

Apéndices:

No traballo publicado en Le Monde des livres, e no que se basea este artigo, fan un balanzo dos tanto por cento de mulleres que gañaron o Premio Nobel, por decenios. A cousa queda así:

Década 1900 (de 1900 a 1909[2]): 10% (Selma Lagerlöf).

Década 1910: 0%.

Década 1920: 20% (Grazia Deleda e Sigrid Undset).

Década 1930: 11% (ao non se outorgar o premio en 1935: Pearl S. Buck)).

Década 1940: 17% (ao non se outorgar o premios os anos 1940, 1941, 1942 e 1943: Gabriela Mistral).

Década 1950: 0%.

Década 1960: 9% (ao renunciar Jean-Paul Sartre ao premio en 1964: Nelly Sachs).

Década 1970: 0%.

Década 1980: 0%.

Década 1990: 30% (Nadine Gordimer, Toni Morrison, Wislawa Szymborska).

Década 2000: 30% (Elfriede Jelinek, Doris Lessing, Herta Müller).

Década 2010: 30% (Alice Munro, Svetlana Alexievich, Olga Tokarczik).

Anos de 2020 a 2022 (inclusive): 67% (2020: Louise Glück e 2022, Annie Ernaux).

A situación en Galicia

Polo que respecta a Galicia, se botamos unha ollada a tres dos principais premios de narrativa que aínda se conceden hoxe, a cousa queda así:

O premio Eduardo Blanco Amor de novela concedeuse por vez primeira en 1981, o que daría un número de corenta e dúas (42) convocatorias, que quedan en corenta e unha (41), por negarse a convocalo, en 1995, o Concello da Coruña, rexido por Francisco Vázquez. E como no 2017 se declarou deserto, quere dicir que o galardón foi outorgado, até hoxe, en corenta (40) ocasións. Cantas mulleres gañaron este premio? Enumerémolas.

  1. 1993: Úrsula Heinze: Culpable de asasinato.
  2. 2005: Dolores Ruiz Gestoso: Dentro da illa.
  3. 2008: Inma López Silva: Memorias da cidade sen luz.
  4. 2020: Marilar Aleixandre: As malas mulleres.
  5. 2021: Blanca Riestra: Aquí empeza o mar.

Esta ridícula cantidade representa, exactamente, o 12,5% dos premios Blanco Amor outorgados en máis de corenta anos; un premio que galardoou algunha das peores novelas da narrativa non só galega, ou española, senón, simplemente, occidental, porque da novelística oriental ou africana coñezo algunha cousa, non moita, e non podo lanzar afirmacións con tanta rotundidade, pero apostaría que tamén.

O outro premio que considero, e penso que non vou errado, é o Premio Xerais, convocado por vez primeira en 1984, o que dá un total de trinta e nove (39) convocatorias, mais no 1993 foi declarado deserto, polo que até hoxe este premio se outorgou en trinta e oito ocasións (38). O Xerais sae moito mellor «parado» que o Blanco Amor pois se este só «condecorou» cinco mulleres, aquel «coroou» once… e media (dicimos media por estar a novela gañadora escrita a catro mans por un pai e súa filla):

2001, Marilar Aleixandre: Teoría do caos.

2002, Inma López Silva: Concubinas.

2005. Teresa Moure: Herba moura.

2007, Rexina Vega: Cardume.

2009, Rosa Aneiros: Sol de inverno.

2010, Iolanda Zúñiga: Periferia.

2012, María Lorenzo Miguens & Manuel Lorenzo Baleirón: Tonas de laranxa.

2014, María Reimóndez: Dende o conflito.

2018, Emma Pedreira: Besta do seu sangue.

2020, María Marco Covelo: Coidadora.

2021, Berta Dávila, Os seres queridos.

2022, María Solar, A culpa.

Traducidos estes galardóns ao tanto por cento do total dá un 31%; con todo, e tendo en conta que até o 2001 non se lle concedera a ningunha muller, o Xerais portouse e está a portarse moito mellor (con creces) que o Blanco Amor, e vai en progresión: os tres últimos anos a gañadora foi unha muller. Como todos os premios o Xerais galardoou novelas frouxiñas, algunhas que outra caótica, e máis de unha case que extraterrestre.

E o terceiro premio considerado, é o García Barros, convocado por primeira vez polo Concello da Estrada en 1989, polo que até o momento son trinta e catro as convocatorias,  e trinta e tres novelas premiadas, malia que foi declarado deserto en 1991 e en 1998, xa que en 1996 foron premiados, ex-aequo, O paso do noroeste, de Xavier Queipo, e O espírito de Broustenac, de Alfonso Álvarez Cáccamo. As mulleres galardoadas con este premio foron as seguintes:

1997, María Gándara: Magog.

2013, Anxos Sumai, A lúa da colleita.

2018, Ana Cabaleiro, As Ramonas.

2019, Berta Dávila, Carrusel.

2020, Maria Rei Vilas, Flores de ferro.

Pasadas estas cinco novelas a tanto por cento dá pouco máis dun 15% mais sen chegar ao 16%. Con todo, seica, polos últimos anos, se quere corrixir o «dominio» masculino; veremos, sobre todo tendo en conta que se debe premiar a calidade, non o xénero, sen esquecermos de que novelas malas as producen tanto homes como mulleres, e o exemplo está nalgunhas –quizais demasiadas– das novelas laureadas nestes tres premios. Ora ben, o dato curioso a subliñar é que a empresa privada (Edicións Xerais) apostou, e aposta, até o momento, máis pola paridade que os «organismos públicos», xa que tanto o premio Blanco Amor como o García Barros foron instituídos e convocados por concellos. Quizais o traballo a facer sería máis polo miúdo: enumerar os distintos xurados e saber cantos deles contaban con mulleres. Como experiencia persoal, debo dicir que fun membro de xurado dun premio de poesía durante unha serie de anos: nunca se contou cunha muller como xurado: nin a AELG, que tiña a potestade de nomear un membro, elixiu nunca unha muller; só nunha ocasión en que fun membro dun xurado, de narrativa, se contou cunha muller, contra… catro homes, etc.

Poderiamos engadir o Premio Repsol de Narrativa Breve, que con dezaseis edicións galardoou catro veces unha muller: Anxos Sumai, Así nacen as baleas (2007); María López Sande: A forma das nubes (2012); e Berta Dávila en dúas ocasións: O derradeiro libro de Emma Olsen (2013) e Illa decepción (2020). Estes catro galardóns dan un 25%. E, unha curiosidade, se lectora ou lector repara nos nomes premiados, decatarase de que algúns se repiten bastante. E é que, como afirmei noutra ocasión, canto máis premios, menos premiados. Ora, quizais un dato que se deba ter en conta, até máis ou menos o ano 2000, é que, como afirmaba Xesús Alonso Montero en 1969 («O galego, ¿fala materna ou paterna?, El correo gallego, 18-XII-1969, recollido en Xesús Alonso Montero, Lengua, literatura e sociedade en Galicia. 25 anos de filoloxía galega: 1951-1976, Madrid, Akal Editor, 1977, p. 35-36): «No noso país o galego ten máis adhesións entre os homes que entre as mulleres, e cando alguén rexeita o vernáculo pra se instalar no castelán, faino mais irrevogablemente si é muller. Coido que a diferenciación sexual é consecuencia dun condicionamento social. Ímolo ver.» Escrito este que nin no seu día nin despois foi «discutido» ou respondido por ninguén, e que quizais habería que ter en conta para intentar explicar, entre outras moitas causas, o por que da «baixa» participación de mulleres na literatura galega até finais do pasado século.

Premios femininos en Francia.

[1] Desta novela existe versión galega, de Oriana Méndez, publicada por Kalandraka.

[2] Lembremos que o primeiro Nobel de literatura outorgouse en 1901.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *