Premios literarios si, pero non así
César Lorenzo Gil.
Hai uns días, a Deputación de Pontevedra presentou un novo premio literario. O Premio Dona Orraca, que convoca a institución pública a medias coa editorial Guiverny, outorga unha recompensa de 6.000 euros para unha obra, escrita en galego ou castelán, que no preámbulo das súas bases afirma que nace “co ánimo de potenciar o cultivo da novela histórica e premiar a calidade e creatividade literaria, e coa vontade de homenaxear a figura histórica da raíña Dona Urraca”.
Na cláusula 3 das bases indica asemade: “A temática é libre, pero enmarcada no xénero de novela histórica (obra de ficción que recrea un período histórico do pasado) ou novela de ambientación histórica (obra que presenta personaxes e eventos ficticios situados no pasado)”. E engade algo moi interesante: “O xurado valorará a visibilización do papel das mulleres na Historia a través da introdución de personaxes femininas. Tamén se terá en conta positivamente a ambientación da trama na provincia de Pontevedra en toda a novela ou nunha parte dela”.
No anuncio do premio, a Deputación de Pontevedra adiantou o nome dos membros do xurado, unha decisión moi pouco habitual neste tipo de certames porque pon sobre eles o foco e os expón a presións privadas meses antes incluso de que teñan que exercer o seu labor.
En esencia, este premio entra na categoría de “premios con apelido” que xa comentei nestoutro artigo e é escusado aplicarlle as mesmas dúbidas e críticas ca aos outros que non só aplican restricións de xénero, senón tamén de temas.
A cuestión é que a tendencia a extraer o literario de moitos certames debería servir como acicate aos premios máis “tradicionais” para buscaren un fin alternativo ao de encher o mercado de libros cheos de boas intencións e, se cadra, algo de literatura.
A primeira cuestión é dilucidar se sobran premios en lingua galega. Opino que non. O que lles cómpre é unha maior aposta da organización. Arestora, só os Premios Repsol, García Barros, Álvaro Cunqueiro, Xerais, Torrente Ballester e Blanco Amor (exclúo todos os premios restritivos) premian como mínimo con 6.000 euros. O meirande premio en lingua galega, o Blanco Amor, atinxe os 15.000 euros. Este rango de premios permite xerar interese entre autores con ambición, que tomaron en serio os seus orixinais, que foron, polo menos durante as horas que escribiron e corrixiron, profesionais da literatura.
Esta captación é fundamental nun sistema literario e debera ser a función principal dun premio de novela. O galardón pacta cos aspirantes un recoñecemento económico polo esforzo de crear un produto con perspectivas de calidade.
Con certeza, este pacto pode verse dun xeito perverso: os premios como substitutos doutros mecanismos para garantir a profesionalización dos escritores. De aí que vexamos como os mesmos nomes “cazan” todos os premios nun período curto ou como incluso se repiten os mesmos nomes nos mesmos premios. Repetir premio é unha anomalía e debera restrinxirse dun xeito máis rigoroso a participación dun autor no mesmo certame. O idóneo sería que ninguén que gañou un premio literario poida volver gañalo. Niso, tamén, repousa o prestixio dun galardón.
Un premio literario debe compensar o esforzo dun autor, pero non substituír outras figuras xa moi coñecidas desde hai décadas, coma as bolsas de creación ou as residencias literarias, que posibilitan certa profesionalización do traballo literario, sobre todo daquel cuxa orixe é a arte, non o comercio.
Nesa procura da mellora da calidade artística de Galicia deberan centrarse os premios literarios, especialmente aqueles que non teñen un vínculo directo cunha editorial, e polo tanto non teñen que “tutelar o seu investimento”. O Torrente e o Blanco Amor, neste sentido, deberan ser abandeirados dunha filosofía implícita de procura de modernidade. Por suposto que este ideal ten que enfrontarse coa realidade, e quizais sería conveniente ter en conta a segunda cuestión: é realista confiar en que todos os anos haxa novelas que merecen un premio?
A miña experiencia como xornalista, crítico e tamén membro de diversos xurados indícame que —contra certo mito estendido entre a xente da cultura—, apenas hai bos escritores en Galicia. Pode ser verdade ese axioma de que hai tantos ou máis autores ca lectores, pero outra cousa é atopar obras que merezan ese recoñecemento que dá un premio. Ese plus de prestixio en moitas ocasións acaban tocando, coma unha lotaría, en traballos de perfil baixo cuxo único mérito é ser o menos malo entre os malos. Unha ferramenta coa que contan os xurados é a posibilidade de declarar deserto un certame. Pero este é un mecanismo drástico que debe ser administrado con tento, coma unha cirurxía que sinale o problema e o combata. Mais se un premio empeza a quedar deserto por sistema, o mellor será que desapareza porque queda claro que existe unha desharmonía entre o tipo de obras que espera ese premio e as propostas que recibe. Estas inercias danse malia cambiaren os membros do xurado e renovarse a nómina de autores. Por razóns complexas e non sempre doadas de explicar, cada premio vai creando o seu “público” aspirante.
Un bo xeito de axeitar a materia prima da literatura galega aos estándares de excelencia literaria dos grandes premios podería ser rachar o tabú sobre a anualidade dos certames. Premios bienais ou incluso trienais favorecerían un corpus de obras máis rico e evitarían máis facilmente os “anos malos”.
En terceiro lugar, en galego faltan premios de recoñecemento. O premio Follas Novas é unha iniciativa en teoría moi integradora e participativa, pero na práctica carece de prestixio porque sinala, demasiado á vista, o seu carácter promocional. A literatura non ten nada de democrática e os lectores literarios foxen do consenso: buscan a singularidade, porque a arte ten a orixinalidade e o estilo propio como marcas ineludibles. Premios como o Losada Diéguez pecan do mesmo; os seus xurados son escollidos como representantes de diferentes institucións, noutro equilibrio que ten máis de reparto de poderes que de criterio literario.
Se cadra, sen a urxencia de ter que outorgar un premio por ano, sería conveniente que se crease un novo certame, o máis independente posible, que destacase unha obra seguindo só un criterio literario.
Quizais con cambios coma estes, e algúns outros, volva ter sentido para os lectores potenciais de literatura de calidade en lingua galega guiarse polos premios que recibiu unha novela, algo que se perdeu case por completo nas librarías.
Por favor, indique o seu nome e apelidos para que poidamos manter o comentario. Graciñas
Son as normas. E tamén se aplican neste caso.
“A temática é libre, pero…”.
Ou sexa, a deputación de Pontevedra, con cartos públicos, está a impoñer non xa só o xénero literario das novelas a concurso (cousa normal, para acoutar) senón tamén a súa localización en Pontevedra (pregunto: existía a provincia de Pontevedra hai tres ou catro séculos?) e “a visibilización do papel das mulleres na Historia a través da introdución de personaxes femininas”. O último punto non me parecería mal se o que se premiase fose un estudo histórico, que rescatase a vida das mullres de séculos pasados, e non só das famosas. Mais que deberiamos esperar dunha obra de ficción, na que o importante é a orixinalidade e a liberdade para falar do que ti coñeces mellor?
Non, o que a literatura galega necesita non son máis premios tele-dirixidos a un certo tipo de literatura didáctica, “feel-good”, de bos sentimentos, de heroinas e heroes Marvel segundo o que impoñan as últimas tendencias das guerras culturais. A (boa) literatura non é só iso. O que se precisa é máis creatividade e menos cosés para os escritores poderen publicar fóra da literatura de granxa-instituto. E desde as administracións o que habería que pedir é non malgastar os cartos en tantos premios “para cubrir o expediente” senón difundir a literatura galega nos medios públicos e obrigar aos xornais subvencionados a facelo tamén. Por exemplo.
https://www.nosdiario.gal/opinion/maria-reimondez/especie-protexida/20230228141731163331.html
(Q.E.D.)