BiosBardia

O país dos libros en galego

Profesión de fe do crítico ancarés

Javier Gómez.

A partir deste mes, Biosbardia conta cunha nova sinatura na sección de Crítica Literaria. Javier Nogueira (Becerreá, 1982) ten unha ampla traxectoria docente e investigadora e publica acotío comentario de libros na prensa, especialmente no suplemento de prensa ‘Táboa Redonda’, do Grupo Progreso. 

Javier Nogueira.

Cando Jean Moulin, heroe da Resistencia francesa, silente na tortura para non delatar os seus compañeiros, entrou no Panteón de Francia, Andre Malraux realizou un emotivo discurso no que lembraba que o xeneral Leclerc entrara nos Inválidos cun séquito que lembraba as súas fazañas africanas. Ao recibir o convite para escribir en Biosbardia pensei de xeito análogo: como crítico non entro só eu, senón os mestres a quen tanto lles debo e de cuxo legado terei que falar para me presentar ante as lectoras, aínda que só sexa por unha cuestión de honradez –quen le debe saber cal é o punto de partida de quen escribe–.

A educación literaria dun adolescente ancarés nos anos noventa non era asunto sinxelo, polo menos no loxístico: unhas librarías cativas, unha biblioteca municipal eclecticamente dotada e unha biblioteca escolar básica. Todo caía nos ombreiros dun profesorado que, por fortuna, era excelente. Aurora San Emeterio e Antón Bao –por que non citalos–, profesores de Literatura Castelá e Literatura Galega respectivamente, sementaron en min o gusto polos clásicos e xa non mirei atrás niso.

Para cuestionar o canon, precísase coñecelo a fondo. E para coñecelo a fondo, un precisa que lle ensinen a ler. Poden parecer estas cuestións de pouca importancia, mais na miña experiencia como antigo docente universitario e crítico literario puiden comprobar en non poucas ocasións que as valoracións estéticas ou os xuízos sobre a literatura pretérita están baseados no xuízo a priori, non na lectura demorada das obras. A isto contribúe, por certo, a desaparición das materias específicas de Literatura no ensino secundario –que é o meu actual traballo–.

Superada a etapa da secundaria atopei o meu fogar na Facultade de Humanidades de Lugo, coa profesora Ángeles Rodríguez Fontela. A comezos dos 2000 dúas orientacións dominaban os Estudos Literarios tal e como eu os aprendín da súa man: unha, inmanente, na que a obra de arte literaria se estudaba a partir da Retórica; outra, esóxena ou sociolóxica, na que o artefacto libresco aparecía como centro dunha serie de sistemas culturais. Co paso do tempo e a mellor formación escollín as miñas disciplinas e autores definitivamente: a Retórica e a análise estrutural de Barthes e Brémond para analizar textos e obras, a Teoría dos Polisistemas de Even-Zohar e a Estética da Recepción de Jauss para analizar contextos. E como horizonte xeral, a apertura que ofrece o comparatismo –que chegou a min da man de Darío Villanueva– e a necesidade de conectar calquera manifestación específica da literatura con outras análogas, pertencentes tanto á propia arte literaria como a outras –o cinema, a música, a pintura…–.

Creo aínda hoxe que, unha vez enterrados a Estilística e o Formalismo, a Retórica fornece as ferramentas precisas para a análise da obra literaria. Non é unha perspectiva innovadora, xa que implica seguir a Aristóteles ou Quintiliano antes que a Leo Spitzer ou Roman Jakobson. A través da inventio podemos estudar a temática dos textos e a súa urda lóxica, pola dispositio a súa estrutura, pola elocutio os seus recursos formais.

En canto ao sociolóxico, a literatura galega, que é á que lle imos prestar atención, é un sistema de seu e un subsistema dentro do que poderiamos chamar a Weltliteratur do século XXI –produto do efecto da globalización no eido cultural–. Pero tamén, e quizais máis importante, o libro galego é un produto comercial desenvolvido no marco do sistema de “economía mixta” que opera nas sociedades europeas en xeral, tal e como estableceu Paul Samuelson. Arestora é imposíbel facer crítica literaria con atención só á estética da obra, xa que os valores estéticos decote subordínanse aos comerciais por razóns moi diversas: existe unha tremoia detrás de non poucas obras, en particular novelas, e imos tentar facela visíbel para as lectoras, cun permanente agradecemento a Biosbardia por abrirnos as súas portas.

 

2 thoughts on “Profesión de fe do crítico ancarés

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *