‘Punto de araña’, forma escintilante

Javier Nogueira.
Noutros textos en Biosbardia temos reflexionado sobre o sistema literario galego e as súas relacións cos sistemas internacionais, en particular o castelán. Vénme isto á cabeza con frecuencia estas semanas ao ver o éxito mediático de David Uclés con La península de las casas vacías, unha novela que, moito me temo, se vai mercar e agasallar moito e ler pouco. Isto, penso, vai ser así polo seu carácter arriscado e experimental, moito máis conectado coa narrativa modernista –no sentido anglosaxón– e posmoderna europea e estadounidense dos anos 20-30 e 60 do século XX que coa narrativa realista e ou de xénero das últimas décadas en España.
Pode triunfar unha novela máis experimental na narrativa galega do século XXI? Dende logo, si podemos afirmar que hai intentos. Ultimamente veñen de recibir premios obras pouco convencionais coma Contrabiografía, de Xabier López ou Sábeme a salamántiga o ceo da boca, de César Cequeliños, por citar dúas. E tamén a novela breve que traemos hoxe a estas páxinas, Punto de araña, de Nerea Pallares.
O caso de Pallares resulta especialmente esperanzador para os amantes deste tipo de narración, entre os que me conto, pois supón tamén un pulo dende o punto de vista xeracional. A autora naceu en Lugo en 1989 e comezou a súa carreira literaria no 2015, en castelán por certo –o que nos fai pensar nos cruzamentos entre linguas e sistemas e preguntarnos se a súa chegada ao galego non ten algo de refuxio ante o moito máis complexo mundo editorial en español–, para comezar a publicar na nosa lingua neste 2025. Chegou e encheu, en verdade, pois coa súa obra de debut gañou o sempre prestixioso Premio García Barros.
Para valorar en xustiza o traballo de Nerea Pallares debemos, na nosa opinión, disociar contido e forma. Cando collemos Punto de araña e avanzamos unhas poucas páxinas no argumento –ou mesmo xa só cos paratextos exteriores– é inevitábel pensar que estamos ante outra novela máis dunha das tendencias máis consolidadas da LitGal nesta década dos 20. Mulleres protagonistas, perspectiva ideolóxica feminista, denuncia do patriarcado, reivindicación de aspectos da cultura máis propiamente conectados coa muller –aquí xa dende o mesmo título– e uso de figuras marxinadas na historia oficial, como a meiga, resignificadas nun sentido positivo despois de séculos de persecución –primeiro, física; despois, histórica e literaria–. Lonxe da nosa intención criticar a existencia destas obras, que reflicten unha problemática social ben coñecida e que non só se trata na literatura galega, mais pensamos que o tema está a se converter no que é a guerra Civil para os escritores españois ou no que foi a experiencia dos pioneiros para o realismo socialista soviético: un topoi dentro do que comeza a ser moi complicado facer unha obra de arte que fuxa do automático e o convencional. Neste caso, os ecos das bruxas do Macbeth e un ton apocalíptico achéganlle faíscas ao tema, pero non é sinxelo evadirse da sensación de estar a ler algo que, dun ou doutro xeito, xa se leu antes.
Moito máis atractiva e orixinal –dentro, sempre, do noso horizonte cultural e literario– resulta a escolla formal de Pallares. A obra posúe certo atractivo gráfico nos encabezados dos capítulos, o fragmentarismo conecta tematicamente co ton apocalíptico e certos capítulos con resonancias poéticas que traen á mente a E. E. Cummings son, na nosa opinión, escintilantes. Como a obra se sitúa lingüisticamente na zona occidental do galego fan acto de presenza dous fenómenos coñecidos como son a gheada e o seseo. O uso das variantes dialectais en literatura leva o seu risco: temos que recoñecer que a integración que delas fai Nerea Pallares é natural, mais dende unha posición canónica –outra non temos– podemos expresar certas dúbidas e estilísticas e preguntarnos, por analoxía, polo percorrido que podería ter esa escolla nas distintas linguas que nos rodean como país.
En calquera caso, Nerea Pallares conseguiu un produto bastante logrado na súa opera prima galega, un libro que por temática e argumento pode apelar a unha boa parte do lectorado do país polo seu compromiso feminista e por recursos técnicos a outra polos seus riscos narratolóxicos e lingüísticos.
♦ O punto da araña, de Nerea Pallares. Galaxia, 2025. 154 páxinas. ♠16,90€






