Que facer co Día das Letras? (I)
Xesús González Gómez.
Pasou o Día das letras, dedicado este ano, como todo o mundo sabe, a Xosé Filgueira Valverde. Se as institucións estaban co homenaxeado, as diversas oposicións puxéronse á contra. Desta vez, e é cousa para meditarmos, as diferentes oposicións gañaron por goleada[1]. Poucos libros dedicados a Filgueira, cando escritores/as de menos entidade que o pontevedrés foron estudados e editados polo miúdo, facendo, ás máis das veces, da necesidade virtude. Por outra parte, e como non sigo día a día a prensa galega, leron nos institutos os rapaces a Filgueira?: dubídoo, como dubido que leran a outros “próceres” aos que se lles dedicou tan glorioso, ou infausto, día. Porque se ben en 1963, e durante moitos anos, o Día das letras foi, case, un día de oposición e sobre todo reivindicación (política e cultural), desde hai ben anos é un día de glorificación, e máis nada. Ou si: pretexto para estudos e publicacións “por xalundes” sobre a figura do homenaxeado e logo, pasada a homenaxe, “au revoir, mes enfants”.
Hogano, a contestación á figura á que se lle dedicou o día empezou cedo, desde o día seguinte, por non dicir desde o mesmo día da súa nominación. Para salvaren os papeis, os defensores de Filgueira lembraron que se dedicara o día das letras a Vicente Risco e a Álvaro Cunqueiro (podían engadir outros nomes, pero dá o mesmo). Non vou entrar a fondo no debate, aínda que os argumentos dos defensores os denuncian desde a primeira palabra, porque usaron (e aínda usan) puros sofismas para defenderen a figura (política) de Filgueira; a figura literaria (á parte os primeiros adrais) non dá moito de si, a figura erudita, non sei moito dela, a verdade.
Cando foron homenaxeados os franquistas Risco ou Cunqueiro pouco se sabía sobre a súa ideoloxía.
Falei dos sofismas usados polos seus defensores. Dedicóuselle o día das letras a Risco e ninguén protestou (e se alguén protestou, eu non me lembro e os seus defensores, os de Risco e os de Filgueira, por suposto, tampouco). Mais entre aquela xa afastada conmemoración e a actual hai unha diferenza case que atroz. Cando se lle dedicou tal día a Risco, o lector galego sabía (ou podía saber, se quería) case todo da traxectoria e o pensamento risquiano debido a libros como os de Ramón Lugrís, Justo González Beramendi ou Francisco J. Bobillo, dedicados á figura do ourensán, e mesmo a biografía que argallara Carlos Casares. E tamén coñecía, ou podía ter ao seu alcance, interesantes traballos sobre a súa figura, como o que lle dedicara Xosé Manuel Beiras nun número de Grial alá polos finais dos 1960: “Vicente Risco e nós: notas para unha leria”, ou, os máis, digamos, maiorciños, o excelente artigo que publicara polo 1964 en La Noche Xosé Antón Arxona. E despois da celebración, e aquel mesmo ano, viron luz artigos e/ou libros onde a figura de Risco, que tamén tivo os seus defensores, quedou desentrañada, senón para sempre, o que case imposíbel, si case que dunha maneira definitiva. Por outra banda, a calidade literaria de Risco, por discutíbel que sexa, está a anos luz, por adiante, da de Filgueira Valverde: de polígrafo a “polígrafo”, non hai cor.
Polo que respecta a Cunqueiro, cando se celebrou o día das letras dedicado á súa figura, todos os que daquela andabamos no “fregado” sabiamos que fora franquista, que dedicara poesías a José Antonio ou falara da necesidade do “caudillo” ou do “césar”, etc. Mais, confesémolo, da misa non sabiamos nin o introito. Hoxe, botando man das distintas hemerotecas dixitalizadas podemos saber moito máis de Cunqueiro e acabar ruborizándonos todos, ou case todos: penoso, todo moi penoso, sobre todo dous artigos: “En plena canícula”, publicado na revista barcelonesa Destino, nº 162, 24 de agosto de 1942, no que, entre outras cousas dicía: “Tras la destrucción de Inglaterra –me gustaría decir “quema”; siempre he dicho que había diez razones para quemar Inglaterra…”, no momento en que Inglaterra era esperanza de demócratas, xa que toda Europa estaban en man dos nazis e dos fascistas, e estaba en pleno vigor o pacto xermano soviético: naqueles momentos, como escribía o poeta Cecil Day-Lewis, “os homes bos uníanse aos menos malos para que non gañasen os peores”. Ou ese outro, publicado en 1947, o 1 de outubro (lembrémolo, “El día del Caudillo” ou “Día de exaltación del Caudillo”), no xornal Falange, de Las Palmas de Gran Canaria, en portada, claro (non sei se foi publicado noutros xornais do Movimiento), titulado “Franco, gallego”. Aquel ano o réxime franquista enfrontábase ao boicot da ONU –”el cancán de la ONU”, segundo o mindoniense– e o réxime estaba furioso. No escrito de Cunqueiro pódense ler cousas ou frases deste teor: “Muchas veces, y al trasiego de los trabajos y los días, suelo, con más de un gallego natural, comentar y recomentar la patente galleguidad del español Francisco Franco […] Nos alegra y exalta saberlo gallego […] Desde Gelmírez no ha conocido Galicia otro hijo suyo más capaz de anudar y desatar los hilos de la entrama histórica de la Patria y del mundo que Franco”; e continúa: “Cuando en Italia enterraron a Andrade el Bueno, se escribió: “Aquí yace la lealtad española”. Armas de Andrade que lleva el Caudillo en su guión. Ha heredado de aquella lealtad, la misma que tuvo en 1936 hacia la misión española, la que ha profesado en estos años a la tierra y a los muertos…”, E acaba: “Quizás la salvación de España en los anos futuros penda de haber hallado un hombre […] lo halló para dicha suya en 18 de julio de 1936 y lo mantiene sobre el pavés al aire de todas las batallas […]”. Lembremos que isto o escribe Cunqueiro cando xa había anos fora expulsado da Falange e do corpo de xornalistas. E xa non falemos da súa actuación, digamos, “civil”, que se achega á dun vulgar delincuente nos anos 1944/1945 –non en van estivo no cárcere–: véxanse os datos que achega Olivia Rodríguez González en “Novas sobre Cunqueiro na Galicia de posguerra: Actividades na Asociación Cultural Iberoamericana da Coruña desde 1951”, na Revista de lenguas y literaturas catalana, gallega y vasca, XVII, 2012, da UNED, pp. 135-148, etc. Ora, no seu día todos falamos do Cunqueiro escritor, un grande escritor, un excelente escritor que, temos que apandar con iso, prestixia calquera literatura (como Céline prestixia a literatura francesa, Hamsum a literatura norueguesa, Ghelderode a belga ou Ezra Pound a norteamericana, sen falarmos de moitos máis e de moitos países, case todos os occidentais e, supoño, algúns dos outros hemisferios –Yukio Mishima no Xapón, sen irmos máis lonxe, que xa é ir ben lonxe[2]. É dicir, cando se dedicou o día das letras todos cometemos o “erro”, se erro foi, de falar de Cunqueiro como escritor e pasamos por riba da súa, digamos, conduta como cidadán durante moitos anos. Mais tamén é verdade que o “fulgor” da súa obra literaria quizais lle agacha, ao lector, calquera outra consideración.
Un escritor fascista pode facer literatura que non o sexa?
E aquí deberiamos, talvez, reflexionar un pouco.
Antes de comezar, e acabar axiña, digamos que tomamos de György Lukács, o gran desterrado, o concepto de ideoloxía. O húngaro define a ideoloxía como un complexo de relacións e de ideas que teñen, por definición, como función servir para a resolución de conflitos sociais (e poden incluír, xa que logo, a defensa do status quo social). Lukács enrólase e as moitas páxinas que dedica ao tema non poden ser resumidas aquí (quen teña máis paciencia, lea o volume IV da súa Estética, sobre todo o capítulo “A loita liberadora da arte”[3]: aforro así reducións inútiles e perigosas). Mais hai que proseguir co autor de Historia e consciencia de clase. Este estabelece unha distinción entre os tipos de ideoloxía que teñen unha función práctica directa (as ideas políticas ou xurídicas, e tamén a relixión, cuxo papel, Lukács dixit, é de intermediario entre a política e a filosofía) e os complexos de relacións ou de ideas que tanto son xeradas polos conflitos sociais da época como polos imperativos da súa solución, e realizar esta actividade por mediacións últimas, non mediante unha influencia práctica directa, senón visando as aspiracións da especie humana na súa integridade: isto designa a arte e a filosofía. Isto, é dicir, esta distinción, volvemos reducir o húngaro a uns niveis máis que vergoñentos, permítenos comprender o complicado proceso de mediación e de xeneralización polo que pasa, no acto da creación artística, o impulso xenético ordinario, cheo de contradicións sociais e históricas do momento. E non continuamos porque debería reproducir páxinas e páxinas deste libro, inacabado, do que no seu día chamaron San Lukács evanxelista.
Ao que queriamos ir; todos sabemos dos estudos de Lukács sobre Balzac. Para nós (un montón de xente e máis eu) Stendhal (como novelista, como narrador) é superior a Balzac, porque, xa que logo, o húngaro non estuda a Beyle –por outra parte, politicamente máis progresista que o autor d’A comedia humana– e si a este último, politicamente reaccionario? Non vale o famoso dito de Karl Marx (nin os de Friedrich Engels) sobre Balzac, nin mesmo que desde unha perspectiva marxista clásica: Marx, Engels, Lafargue, Lenin, etc, saibamos que unha ideoloxía retrógrada coexiste, pode coexistir, cunha creación artística grandiosa no espazo espiritual dunha soa e mesma personalidade. (Aínda que as cousas non son tan simples: hai anos, Olivier Revault d’Allonnes –”La désublimation libératrice”, en Vers une esthétique sans entraves, Paris, 10/18, 1974, p. 169– observaba que semellante separación (é dicir, por un lado creación artística e por outro ideoloxía retrógrada, ou progresista) “corre o perigo de se converter nunha separación “abstracta”“. E citaba o caso de Céline, que ao amalgamar nunha unidade non diferenciada as súas novelas fascistizantes, un espírito lúcido pode descubrir un vínculo interno entre os dous planos (é dicir, a ideoloxía e a creación artística): o pesimismo atroz que quere desmitificar todo e revolverse, mais tamén unha vontade de aldraxar, de humillar, de macelar, e reducir o ser humano á condición instintiva e de existencia larvaria. O que non fai máis que prefigurar, Olivier Revault dixit, o delirio “fascistizante” e o seu “pesimismo heroico”. E, na esteira de Balzac, o mesmo acontece con Kleist. Lukács demostrou que as súas obras maiores son invalidacións categóricas dos seus prexuízos políticos e ideolóxicos, como as súas obras son descualificacións vigorosas, rigorosas das seus idearios políticos en moitos escritores denominados esquerdistas e mesmo marxistas. E agora calo as de máis dun escritor galego para non atraer as iras de ninguén.
Mais continuemos con Lukács. Por que escolle Lukács a Balzac? O filósofo húngaro comprendía perfectamente o vínculo entre a natureza da creación artística e as opcións ideolóxicas do escritor galo dunha maneira extremadamente matizada: mostra, por exemplo, que o realismo implacábel de Balzac na crítica da burguesía e do capitalismo, superior neste punto a Stendhal, non deixa de ter relacións coa súa ideoloxía lexitimista e que, dunha maneira aparentemente paradoxal, “as ilusión progresistas” da ideoloxía de Stendhal, explican a súa relativa cegueira perante os aspectos violentamente negativos das formas de vida burguesa durante a Restauración en Francia (1814 en adiante). Tal análise permítelle ao húngaro desvelar as implicacións negativas do liberalismo e do progresismo burgués na creación de certos escritores do século XIX (Byron, Victor Hugo, Zola). Todo isto é vello como o recordo. Aínda que tamén cómpre dicirmos que desde esta perspectiva non se comprende o “negativismo” do húngaro cara aos grandes nomes do romantismo alemán.
Toda esta reflexión veu dada pola obra literaria de Cunqueiro. O mindoniense podía ser franquista e para-fascista, mais a súa obra literaria, aínda que a amalgamemos coa súa obra xornalística, non o era (como, por exemplo, si o era a obra literaria de Torrente Ballester até 1970, e algunha das súas novelas publicadas xa en “democracia”, e non digamos xa a maioría dos seus ensaios e artigos de antes de 1960). Como non o era a obra literaria de Filgueira (que non é nada ou case nada) nin, claro, a súa obra, digamos erudita, aínda que puido pór a súa erudición, ou os seus saberes eruditos, ao servizo do franquismo (por exemplo, folletos que redactaba para o Día da Hispanidade nas que glorificaba a “obra” imperial de España en América e o seu colonialismo), como Cunqueiro puxo ao servizo do franquismo máis feroz a súa escrita xornalística durante moitos anos. Cunqueiro foi franquista, Risco foi franquista, Filgueira foi franquista. Pode non gustar, mais a realidade non ten por que compracer a ninguén.
Poetas franquistas
Non lin a “biografía” que Alonso Montero argallou sobre o antigo alcalde de Pontevedra, mais, polas recensións que me fixeron chegar, fala de poemas franquistas de Celso Emilio –que foi algo máis que produtor dun poema franquista, foi militante da Falange e nos medios falanxistas se movía en Pontevedra até ben avanzados os anos cincuenta–, de Díaz Castro –que, talvez, o seu traballo no ministerio de gobernación franquista non era tan inocente como algún pensa e tantos ocultan: todos limos a Le Carré e vimos filmes serios de espionaxe: os tradutores son unha peza importantísima tanto na espionaxe como na contraespionaxe, é dicir, cumpren un papel primordial na información e na contra-información, nunca son inocentes, etc.– e de non sei quen máis: hai moitos. Visite o lector en Galiciana as páxinas de El Compostelano de 1936 a 1944, esa comparación non deixa de ser unha parvada. Ademais, nun libro titulado Os escritores galegos ante a guerra civil española, Alonso intentaba defender a Celso Emilio da escrita dese poema: observe alí o lector a “dedución” de Alonso Montero: iso si é literatura do absurdo e non Ionesco.
[1] No sentido de se as oposicións están de costas á sociedade ou son as institucións quen pasan por riba da sociedade, ou, tamén se as oposicións só son capaces de formularen unha verdadeira oposición, sen unha real alternativa, porén, no plano da cultura ou, simplemente, se serven da cultura para formularen unha oposición que son incapaces de formularen no plano máis xeral, é dicir, no plano político.
[2] A literatura, como afirma Lothar Baier, Que vai ser da literatura?, “non é un valor en si e non garante nada”. Máis ou menos, con outras palabras, o que viña a dicir Manuel Veiga na súa reflexión A literatura: só negocios ou algo persoal?
[3] Lukács, G. Estética 4, Barcelona, Ediciones Grijalbo, 1965, pp. 368-576 (como sabe o lector, os catro primeiros volumes da estética lukacsiana conformaban só a primeira parte do que debía de ser a súa grande obra).