BiosBardia

O país dos libros en galego

Que foi dos finalistas do Planeta?

Ángela Banzas. OGALEGO.GAL/WIKIMEDIACésar Lorenzo Gil.

A elección da escritora galega de expresión castelá Ángela Banzas como finalista do Premio Planeta 2025 puxo o foco sobre unha figura secundaria na cerimonia do gran galardón da narrativa comercial española, pero que serve como contrapunto, no referente ao perfil e ambición literaria, ao autor gañador. Igual que se considera habitualmente que gañar un Planeta é unha culminación profesional e en moi poucas ocasións os premiados publican obras notables despois de obter o trofeo barcelonés, é menos coñecida a traxectoria dos finalistas, quen en teoría deberían usar o trampolín da atención mediática para escalar nas listas de vendas cos seus seguintes libros. Velaquí un percorrido polos 25 finalistas dos últimos 25 anos.

Salvador Compán, 2000

Escritor máis ou menos recoñecido en Andalucía xa antes de quedar de finalista de Maruja Torres, a mención por Cuaderno de viaje non supuxo un gran cambio na súa biografía literaria. Publicou outra novela con Planeta, Tras la mirada, no 2003, mais os seus libros posteriores (cultiva a novela e a poesía) xa os publicou en editoriais andaluzas, principalmente Almuzara.

Marcela Serrano, 2001

Nunha das edicións máis “literarias” do premio (case á par do 2019), que gañou Rosa Regàs, o premio de consolación foi para a escritora chilena. O recoñecemento non cambiou moito o seu status. Publica con Alfaguara, cumpre as expectativas de lectores que buscan historias ben construídas, con estrutura e xénero convencionais. Máis respectada fóra ca no seu país natal. A súa última novela é do 2019.

Maria de la Pau Janer, 2002

Xunto a Paloma Sánchez Garnica, é a única autora que pode presumir de ser finalista e premiada no século XXI. Las mujeres que hay en mí considerouse un paso decisivo dunha autora bilingüe (a mallorquina publicaba en catalán tamén) ao círculo da literatura comercial en castelán. No 2005 gañou o premio con Pasiones romanas, e aínda que posteriormtente publicou algunhas outras obras, a súa sona foi declinando. Non axudou que o mesmo ano no que gañou o Planeta, Juan Marsé, que estaba no xurado, afirmase que a obra era frouxa.

Susana Fortes, 2003

O perfil desta escritora pontevedresa era o equivalente ao de Banzas hoxe en día. Chegou a ser finalista despois de varios éxitos previos (Premio Nuevos Narradores, 1994; Premio Primavera, 2001). Aínda que parecía estar chamada a se converter nunha das voces da literatura comercial con “etiqueta feminina”, a propia evolución da etiqueta deixou a Fortes (e a outras moitas autoras) co paso cambiado, incapaces de ver o cambio do mercado cara á novela de intriga criminal menos sofisticada. Aínda así continúa publicando, e no grupo Planeta.

Ferran Torrent, 2004

Planeta é, obviamente, un dos grandes grupos editoriais en lingua castelá, pero tamén o é en lingua catalá. Un dos seus selos de referencia é Columna, e o recoñecemento a este famosísimo escritor en lingua valenciana é tamén un premio a Columna, editora á que Torrent é fiel desde o 1984. O autor apenas mudou a súa traxectoria e obxectivos. Hai quen dixo que a súa escolla respondeu á necesidade de equilibrar a efervescente personalidade da gañadora daquel ano, Lucía Etxeberría.

Jaime Bayly, 2005

Coa escolla do famoso comunicador peruano, Planeta empezou a explorar un camiño que, como vemos na actualidade, configurou a súa estratexia comercial nos seguintes anos. Bayly, enxeñoso, culto e carismático, abría unha porta cara a Latinoamérica que non deran aberto nin Antonio Skármeta nin Alfredo Bryce Echenique, chileno un e peruano o outro que gañaran o Planeta anos atrás. O seu paso pola literatura é instrumental, sempre supeditado ao seu papel de condutor de programas televisivos, ben no Perú, ben en Miami. É unha das voces máis famosas da dereita chic latinoamericana.

Marta Rivera de la Cruz, 2006

A luguesa foi considerada desde nova como unha promesa da literatura comercial con ínfulas. II Premio J&B (Joven y Brillante), convocado pola marca de whisky, no 1996, e do Ateneo Joven de Sevilla do 1998, tamén parecía destinada a ser desas autoras da casa Planeta cuxo premio de consolación sería o preámbulo a un futuro premio gordo. Mais Rivera de la Cruz preferiu a política á carreira literaria. Musa do primeiro Núñez Feixoo e de Galicia Bilingüe, foi figura preminente de Ciudadanos e agora é unha das lugartenentes de José Luis Martínez Almeida no Concello de Madrid.

Boris Izaguirre, 2007

O máis galego dos televisivos venezolanos foi guionista antes ca showman, e esa traxectoria nótase na súa obra literaria, bastante mellor ca a de moitos dos outros finalistas fichados polo seu impacto na televisión. Quedou finalista no apoxeo da súa sona, asentada sobre todo grazas ao seu paso polo mítico Crónicas marcianas, de Xavier Sardà. Aproveitou o tirón para publicar en Planeta novela cada dous anos, pero o seu ritmo de publicación freouse a partir do 2014. O seu último libro é do 2018.

Ángela Vallvey, 2008

Outra “moza Planeta”, por usar un símil almodovariano, cuxo título como finalista parecía prever un futuro Planeta. Mais despois de bastantes anos como autora do grupo catalán, na segunda metade da década dos 10 pasouse á competencia, Penguin Random House. Habitual da prensa, a súa cara cobrou máis fama como opinadora que como escritora, especialmente como precursora desa “dereita rebelde e cañera“, en ambos sentidos do empréstimo lingüístico que hoxe fai furor baixo as directrices de Isabel Díaz Ayuso.

Emilio Calderón, 2009

Militante da novela comercial de corte histórico-balsámico, o malagueño chegou á final do Planeta xusto despois de gañar o Fernando Lara un ano antes. O seu foi o típico ano de busca de contrapunto máis libresco canda unha gañadora moi mediática, Ángeles Caso. Tras o seu paso pola paparota barcelonesa a súa traxectoria non mudou moito. Sen estar nunca nas listas de escritores máis famosos nin máis vendidos, nunca lle faltou con quen publicar as súas novelas de diversos temas e intereses, sempre cinxido a ese xénero que adoita nutrir gran parte do catálogo editorial español ano tras ano.

Carmen Amoraga, 2010

A valenciana foi subindo chanzos entre os premios comerciais españois (Ateneo Joven de Sevilla 1997, finalista do Nadal 2007) antes de ser eleita como finalista do Planeta, no ano que gañou o premio Eduardo Mendoza, flamante Premio Princesa de Asturias. Amoraga acabou por gañar o Nadal 2014, e mantén un alto ritmo de publicación, nesa segunda liña de novela comercial, onde tamén contabamos a Calderón, por exemplo. Igual ca Rivera de la Cruz, a escritora tivo unha carreira política, desta volta entre os socialistas valencianos. Foi directora xeral de Cultura e Patrimonio durante o goberno de Ximo Puig.

Inma Chacón, 2011

A extremeña sempre recoñeceu que durante moito tempo o seu vínculo coa literatura non foi autónomo, senón vinculado á memoria da súa irmá, Dulce Chacón, a quen a súa prematura morte axudou a mitificar (como adoito sucede cos escritores que gozan do éxito de público e morren novos). Dedicada á docencia universitaria en Comunicación, o título de finalista consolidouna máis alá da sombra de Dulce e ela atopou o seu propio sitio, desta volta converténdose nun dos mascaróns de proa da editorial Contraluz, do grupo Anaya, que aposta pola novela comercial.

Mara Torres, 2012

Outravolta un rostro máis coñecido pola súa presenza televisiva ca pola súa traxectoria literaria. Fixo parella con Lorenzo Silva, que gañou o Planeta como culminación a unha fecunda carreira como escritor de éxito entre o público. Primeiro foi a voz de Hablar por hablar, o mítico programa das madrugadas da Cadena Ser, e despois o rostro de La 2 Noticias. Non aproveitou o perro que lle deu Planeta para desenvolver unha carreira narrativa. Aínda que publicou algunha novela despois (a última este mesmo 2025), hoxe a súa é unha sona que vive do eco doutros tempos. Fíxose famosa tamén porque preiteou con Facenda para conseguir a exención fiscal xustamente polos emolumentos do seu premio de finalista. Acabou gañando.

Ángeles González-Sinde, 2013

Antes de quedar finalista do Planeta fora ministra (entre César Antonio Molina e José Ignacio Wert) e ten o escaso privilexio de nomear unha lei: A Lei Sinde, que aínda ser moi ampla e recoller diversas iniciativas para posibilitar, segundo os seus promotores, a sustentabilidade da economía española, cobrou notoriedade porque se entendeu como unha ferramenta para a industria discográfica nun momento no que se sentía ameazada polas descargas de música polo método P2P. “Onde van aqueles tempos”. Despois viría o Spotify e acabaríanse os problemas. Pois ben, tras ser ministra de Cultura con José Luis Rodríguez Zapatero, coa derrota socialista do 2011 anunciou que deixaba a política e volvía ao guión cinematográfico. Pouco despois recibiu esta mención, quizais como premio á súa defensa da grande industria. A súa carreira literaria acabou aí. En cambio, segue traballando no sector audiovisual e é a presidenta do Real Patronato do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía de Madrid. Curiosamente, a vicepresidenta é Beatriz Corredor, que tamén preside Red Eléctrica de España.

Pilar Eyre, 2014

Conseguiu ser finalista cun dos peores títulos da historia: Mi corazón favorito es verte. Foi un ano estraño, no que gañou o mexicano Jorge Zepeda Patterson, que só publicara antes unha novela e que é tan raro no paradigma Planeta como un can verde, digo verte. Eyre chegou a este certame despois dunha rotunda traxectoria como periodista da sección de sociedade e nos anos posteriores, esta catalá de raíces galegas asentou e aumentou o seu prestixio. Biógrafa de Franco, pouco antes de ser finalista publicou unha biografía da raíña Sofía de Grecia. Foi un agasallo este recoñecemento xusto no ano no que abdicou o seu marido, Juan Carlos I? Por certo, Eyre tamén publicou unha biografía do emérito.

Daniel Sánchez Arévalo, 2015

O máis importante deste guionista e director de cinema que só publicou tres libros até o momento é que fillo de José Ramón Sánchez, o ilustrador (famosísimo desde a Transición) que nos fascinaba cos seus debuxos nas tardes da programación infantil aos que nos criamos na década do 1980. Fóra de nostalxias, Sánchez Arévalo é un dos grandes directores de comedia do actual cinema español, con títulos de diversa calidade, pero que ten no seu haber unha das mellores películas do cinema español: Azul oscuro casi negro (2006). Publicar non volveu publicar desde a mención. A súa última película, Rondallas (2025), é unha produción galega, protagonizada por galegos e rodada en Galicia.

Marcos Chicot, 2016

Hai escritores especializados nun tema ou ambiente; hai escritores que se repiten, e despois está Marcos Chicot, que se especializou no xénero de novelas cuxo título comeza con El asesinato de… Foi finalista do Planeta con El asesinato de Sócrates, pero xa antes publicara El asesinato de Pitágoras (Duomo, 2013), e despois insistiu con El asesinato de Platón e a recente El asesinato de Aristóteles, ambas xa publicadas con Planeta. O nicho de novela histórica ambientada na Idade Antiga é querido por Planeta. No 2018 gañou o premio Santiago Posteguillo e no 2023, como veremos, quedou finalista unha obra que recrea a época de Alexandre Magno.

Cristina López Barrio, 2017

Outravolta o Planeta necesitaba un contrapunto á carga eléctrica de Javier Sierra e o seu sorriso. A elixida foi unha escritora con algunhas obras publicadas, pero que aínda non coñecera un grande éxito. O seu perfil é un dos fixos no grupo catalán (moi premiado ademais en anos posteriores), pero a súa sona non é equivalente a nomes como Luz Gabás (gañadora no 2024) ou María Dueñas (a grande ausente na repartición do Planeta malia ser un dos seus baluartes comerciais).

Ayanta Barilli, 2018

Outra filla de. De Fernando Sánchez Dragó, Premio Planeta 1992. É de momento o único caso de nepo baby no galardón, aínda que ela, de momento, só foi finalista. Moi próxima no profesional a Federico Jiménez Losantos desde os tempos nos que o aragonés traballaba na Cope, tamén participou como actriz na serie de culto (o máis de culto que se pode para unha serie española emitida por Movistar Plus) ¿Qué fue de Jorge Sanz? Segue publicando novelas e segue a facelo en Planeta.

Manuel Vilas, 2019

No seu momento ver este escritor, que pasaba na época por ser un dos grandes renovadores da literatura española, de finalista do Planeta causou certo shock en parte da prensa e crítica españolas. Vilas demostrou certa impermeabilidade ante os avatares extraliterarios que marcan a traxectoria dun autor no noso tempo, pois ese paso pola pasarela dos grandes almacéns editoriais non lle pasou gran factura e segue pasando por ser un “autor” cun universo propio en cada unha das súas novelas. Outros destacan os paralelismos existentes entre el e o que foi vencedor aquel ano, Javier Cercas (hoxe fichado por Random), de quen se dixo naquel momento que recibiu o premio en pago ao seu papel de opositor furioso ao Procés catalán, contra o que loitou con unllas e Vicente Vallés todo o grupo Planeta.

Sandra Barneda, 2020

No ano da pandemia, de novo Planeta ensaiou a parella entre escritora da casa e con moito éxito (Eva García Sáenz de Urturi) e autora famosa pola súa presenza en televisión. Con todo, Barneda xa publicara cinco novelas (todas co mesmo ton comercial tan querido polas presentadoras de televisión españolas). Despois do Planeta, só unha novela e demasiadas edicións de La isla de las tentaciones.

Paloma Sánchez-Garnica, 2021

Unha autora “da casa”, cun estable grupo de compradores e un dominio dese xénero histórico-emotivo que tanto triunfa na tapa dura española. Como dixemos anteriormente, gañou o premio no 2024. As malas linguas afirman que ía ser ela a escollida para gañar o premio xa no 21, pero que cando xurdiu a oportunidade de arrebatarlle á competencia o trío Carmen Mola pola módica cantidade de 1 millón de euros, o selo pactou con ela aprazar a súa coroación.

Cristina Campos, 2022

One Hit Wonder, pero ben wonder. O seu Pan de limón con semillas de amapola (2016) foi unha das novelas máis vendidas da tempada. Directora de cásting, é demasiado cedo para valorar a impronta do seu Historias de mujeres casadas, co que quedou finalista facendo dupla con Luz Gabás, no seu porvir literario.

Alfonso Goizueta, 2023

Súa é a novela ambientada na Idade Antiga da presente década recoñecida por Planeta. Este ano publicou El sueño de Troya, tamén co selo catalán. Pode gabarse de ser dos poucos escritores que ten unha novela do xénero de “portada con personaxe visto desde adiante” que tamén ten unha novela do xénero de “portada con personaxe visto desde atrás”.

Beatriz Serrano, 2024

Os entendidos afirman que a súa elección como finalista coincide coa consolidación do gusto millennial nos centros de deseño de consumo cultural. Ela entra nesta xeración (supostamente composta polos nacidos entre o 1981 e o 1996) e amais de escribir novelas tamén traballa na prensa, sexa convencional ou novísima, caso do pódcast Arsénico Caviar, Premio Ondas 2023. Obviamente, é algo cedo para engadir este título concreto á pregunta xeral de “Que foi de…”. Cando apareza este mesmo artigo no 2050 igual Serrano foi presidenta da Comisión Europea ou Premio Nobel. O Planeta e as nosas expectativas de cara ao futuro dan para todo.

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *