BiosBardia

O país dos libros en galego

Ramón de Valenzuela, animador cultural en Pontevedra antes do 36

3 DE OUTUBRO DO 2014. CENTENARIO DO NACEMENTO DO ESCRITOR GALEGUISTA.

Anuncio dunha actuación de Ramón Valenzuela co seu personaxe, o humorista Pepe dos Cestos.
Anuncio dunha actuación de Ramón Valenzuela co seu personaxe, o humorista Pepe dos Cestos.

Xosé Enrique Acuña.

Ramón de Valenzuela foi alumno espelido, mozo galeguista da primeira hora, axitador teatral e radiofónico e, por veces, Pepe dos Cestos. E todo nunha primeira mocidade, daquela da de antes do 36. Co tempo, e por sorte para nós, deu en novelista. Autor de obras intensas, desas de ler. Das que quedan e permanecen. Ou das que, sen canseira, se volve a elas. A estrela natal de Ramón de Valenzuela anda a cumprir cen anos. Quinta do 1914.

Vive xa que logo, en tempos sedados, un 2014 de centenario. E se o sentido común, tantas veces ausente, das decisións que nacen desde a institucional ou oficial política cultural non fosen as que se adoptan de xeito repetido, este mesmo ano debera ser o que restaurase a obra dun novelista directo e de altura como Valenzuela. Mais tamén o propio para, era a ocasión, ofrecer un Día das Letras baixo o seu nome. Ano no que a cidadanía lectora, sobre todo a máis ausente ou distante da nosa lingua, se puidese achegar a unha lectura afectiva, das que non xere fastío. E as dúas novelas publicadas por Ramón de Valenzuela poderían reconciliar, non o dubidamos, moitos lectores e lectoras cunha celebración que, non poucas veces, se empeñou e se empeña en afastar á literatura escrita en galego, a de calidade, mesmo daqueles que amosan dispoñibilidade en aceptala. Eis o caso xusto que se perpetra, con Filgueira Valverde, para as Letras 2015.

Un mozo sinalado

Escolar en Silleda, fillo de familia acomodada, das de biblioteca na casa, Ramón de Valenzuela xa sobresaía na escola de Bandeira e o seu destaque xa foi de maioría de idade cando foi sinalado, con 17 anos e como un membro máis dos pre-galeguistas de Ultreya, para participar nunha homenaxe a Claudio López, axitador societario, agrario e galeguista de Buenos Aires que retornaba á Arxentina. Celebrouse en Freixeiro, a aldea natal do líder, e alí Valenzuela (marzo, 1933), ante mulleres e homes forxados en antigas loitas polos foros, declamou, cal bautismo político, un discurso en galego nun acto que o Partido Galeguista contribuíra a organizar. Testemuño político e social da intensa relación que mantiñan os sectores máis progresistas de Silleda na terra e na emigración.

Escolar en Silleda, fillo de familia acomodada, das de biblioteca na casa, Ramón de Valenzuela xa sobresaía na escola de Bandeira.

Outro exemplo, tamén coa participación do mozo Valenzuela, tería lugar en setembro do mesmo ano co gallo do 25º aniversario da Sociedad de Hijos de Silleda en Buenos Aires. Festexo sentimental e deliberadamente procurado no máxico cumio do monte Candán. Eduardo Blanco Amor, cronista deste acto, recalcou que a celebración se realizaba a máis de mil metros de altura e a 8.000 quilómetros de Buenos Aires e á vez nun lugar, subliñaba retórico e entusiasta, onde os santos das procesións eran alí bandeiras agraristas, e os cregos ou oficiantes eran oradores que agora pronunciaban mitins e arengas. Tamén que na vez dos órganos das igrexas, nese lugar a música era a que expresaban as gaitas. “Los oradores levantan en sus manos a Galicia como unha hostia incensiada de sol y viento”, lembraba un Blanco Amor que reparou, tan no seu estilo e gusto, nun mozo alí presente e a falar: “Valenzuela Otero, casi un niño, canta a la mocedad y su palabra, con el penacho celta de su pelambrera, arden como dos llamas rubias”. O adolescente Ramón, todo un luxo para el, compartirá, tamén co propio Blanco Amor, tribuna e discursos con dous homes, Ramón Suárez Picallo e Antón Alonso Ríos de acreditada traxectoria política. O que nin sospeitaría ese día Valenzuela é que, cos tres, compartiría décadas máis tarde amargas aventuras de exilio e política.

En Pontevedra para ser mestre

Tempo pois de República no que un republicano e galeguista, mestre, detectou a súa intelixencia. O “Roxerius”, pedagogo e escritor de nome Roxelio Pérez González, rianxeiro, íntimo, curmán e confesor de Manuel Antonio, inspector de primeiro ensino por terras de Lalín, adiviñou as posibilidades dun alumno dos que xa vestía pantalón longo, que ensaiaba na escrita e gustaba de contar contos como tantos outros que escoitara. Botou man de Ramón para amenizar excursións escolares e leceres pedagóxicos. Coma aquela excursión por terra de Cambados e a illa da Toxa en xullo do 1933 con 60 escolares de Bandeira e Lamela. Á fronte da xira “Roxerius” e con el o mozo preuniversitario Valenzuela. No monte da Pastora, Ramón, “émulo de Joselín” –remarcaron as crónicas– contou contos en galego ao fin de amenizar o manxar de nenos e nenas e antes de visitar as ruínas de Santa Mariña, embarcar na motora de Cacabelos para navegar até a Toxa e alí visitar a fábrica de xabróns, atender as explicacións do empresario Solá, gozar dos xardíns e admirar o comedor do Gran Hotel. Actividades pedagóxicas formativas para un Ramón Valenzuela que aprobará en outubro dese ano o exame de ingreso no grao profesional da Escola Normal de Maxisterio de Pontevedra. Con el, outros mozos igualmente de sensibilidade galeguista como Xaime Illa e Manuel Filgueira. Valenzuela de apelido, unhas veces, ou de Valenzuela, outras, en nada xa formaba parte da FUE e mesmo era representante desta organización de estudantes que contaba nas súas filas con Germán Adrio e os irmáns César, Manuel e Victoriano Buján como militantes destacados.

Mais o sindicalismo normalista e os estudos non eran nin de lonxe as únicas actividades do Ramón Valenzuela xa pontevedrés. Desde os primeiros meses de 1934 comezou a ser famoso entre os seus novos veciños, cando menos entre os que, con radio nas casas, podían ser radioíntes. A emisora local, Radio Pontevedra, abrira dentro da súa programación un espazo —animado polos galeguistas da burguesía local (Filgueira, Lino, Vidal, Iglesias Vilarelle)— co título de “La hora de Labor Gallega”. Nesa “hora” desembarcou Ramón para participar baixo un pseudónimo que xa coñecían moitos dos seus veciños de Silleda. Aquel “Pepe dos Cestos” desde o que se transformaba nun humorista que contaba contos en galego. Como por exemplo aquel que titulaba “O tren” e que se emitira o 11 de febreiro dese ano e a seis días de que, no mesmo programa, en horario de sobremesa, ás 14h20, se emitise outro proxecto de maior calado e de fonda intención política. Tratábase de “teatro radiado” (de tal xeito se anunciaba) e con Ramón Valenzuela no elenco, difúndese polas ondas Sinxebra, a obra teatral de Armando Cotarelo o 17 de febreiro de 1934. “Represéntase” no estudo de Radio Pontevedra por alumnos da cátedra de literatura do instituto pontevedrés e con eles e elas un Valenzuela que adopta o papel de “Fuco” mentres que o de “Moncho” vai ser interpretado polo seu compañeiro Augusto García Sánchez. Un mozo que co tempo, nos anos 60, chegaría a ser alcalde franquista de Pontevedra con intensos vínculos co Opus Dei e interesada relación profesional coa factoría de Celulosas.

Na FMG e preto de Castelao, Bóveda e Casas

A participación de Valenzuela nestas actividades non era allea, todo o contrario, ao seu compromiso político. En marzo, xa como activo militante da Federación de Mocedades Galegas (FMG), formaba parte da sección “Educación e Cultura Patriótica” xunto a Xulio Castro, Xosé Luís Fontenla Méndez, Antonio Álvarez, Emilio Silva e Xaime Illa. Esta sección decide crear un cadro de declamación, baixo a súa dirección, que vai comezar os seus ensaios con vistas a un acto de conmemoración do dos Mártires de Carral. Nesta organización, totalmente ligada ao Partido Galeguista, militaban, xunta a Ramón, outros mozos como Ramón Dios, Victoriano Villar, Manuel Filgueira, Amador Villar, Manuel Portas, Prudencio Taboada, Castro Arines e os irmáns Xosé e Manuel Rodríguez Ruibal.

Como axitador cultural, Valenzuela convértese en mantedor dunha Festa do Libro organizada o primeiro de maio dese ano en Marín. No acto debullará os seus contos na caracterización de Pepe dos Cestos, para continuar, xa como o galeguista e capacitado estudante que era, cun recitado de poemas de distintos autores galegos que completou con perfís biográficos dos poetas escolleitos. Un modelo certamente novidoso de activismo cultural que nunca deixou de utilizar nestes anos republicanos e que mesmo repite cando se suma a actos benéficos para os que ás veces é reclamado. Poucos días despois da súa presenza en Marín, colabora co Círculo Mercantil de Pontevedra nunha gala no Teatro Principal para a que será publicitado coa sona dun artista que “tanto actúa por Radio Pontevedra”. Mais Valenzuela non esquece o traballo político no seu territorio natural e natal. Implícase na organización dunha convocatoria masiva, logo frustrada, das mocidades galeguistas de toda Galicia a celebrar na Estrada. Aínda así, malia o fiasco, o 8 de xullo xuntáronse nun xantar campestre mozos e mozas da comarca nun acto que, como era común cando el participaba, o seu Pepe dos Contos faría escachar da risa para logo, xa no mitin político, intervir na arenga xunto de Varela Pazo e Xosé Suárez.

A “lectura-explicación escenográfica” dunha obra de teatro de Castelao que, para esa ocasión, toda unha estrea, foi titulada polo seu autor como “Pimpinela”, e peza que realmente non era mais que un primeiro ensaio dos contidos futuros da súa obra dramática Os vellos non deben de namorarse.

Como remate de curso, Valenzuela e a súa sección das Mocidades organizan a mediados de xullo un acto no Instituto de Pontevedra que co tempo acadaría a consideración de histórico. A “lectura-explicación escenográfica” dunha obra de teatro de Castelao que, para esa ocasión, toda unha estrea, foi titulada polo seu autor como “Pimpinela”, e peza que realmente non era mais que un primeiro ensaio dos contidos futuros da súa obra dramática Os vellos non deben de namorarse. A sesión, na que mesmo se dá lectura, en tres entregas, da novela tamén de de Castelao, Os dous de sempre, constituíase como exemplo da directa e intensa relación aberta entre as Mocidades e as grandes figuras pontevedresas do Partido Galeguista. Unha organización xuvenil plenamente activa e que insiste desde a sección animada por Valenzuela con outros actos nos que o protagonismo vai confiarllo a Xosé Sesto, con lectura dos seus poemas e mais unha conferencia sobre a “Arte Nova”, e a Aquilino Iglesia Alvariño cunha charla sobre Pondal. Esta emerxencia organizativa da FMG, xa deliberadamente interclasista, era moi activa na Escola Normal onde Valenzuela tomaba aulas. Un centro cunha selecta sección das “Mocedades” á que, desde o primeiro momento da súa constitución, xa se afiliaran 40 alumnos e alumnas. Entre eles Maruxa Portela, Maximino Vila, Xaime Illa, Manuel e Victoriano Portela e un Ramón de Valenzuela que unha vez máis aposta por formar o cadro mixto de declamación da propia escola e que tamén programa cos seus compañeiros, á fin de inaugurar ás actividades internas da FMG, unha charla do seu dirixente nacional Francisco Fernández del Riego que tería continuidade con outra referencial conferencia de Ramón Otero Pedrayo.

Alumno e profesor á vez

No plano persoal, o talento que o normalista Valenzuela amosaba nos seus estudos non pasou desapercibido entre os profesores que admiraban o seu dinamismo e acreditada capacidade didáctica. Os máis progresistas deles xa contaron con el desde novembro do 1934 para certas actividades. Valenzuela solicita este mesmo mes o seu ingreso na “Casa del Maestro”. Nesta entidade –unha agrupación profesional de mestres pontevedreses con diversas tendencias políticas– foi elixido para ocupar, en xaneiro do 1935, o cargo de vicesecretario da sección de Fomento de actividades que estaba presidida polo seu primeiro protector Rogelio Pérez, membro tamén a esta altura do Partido Galeguista. Valenzuela, que aínda era estudante nesa altura, estivo apadriñado por Paulo Novas Souto e Gonzalo Martín March, os dous mestres da Preparatoria oficial. March tamén recorre a Valenzuela para incluílo no claustro de profesores dun centro privado de ensino que este pedagogo e político funda na rúa Benito Corbal de Pontevedra baixo o nome de Instituto Kosmos. Como profesor e divulgador das actividades do Kosmos, Valenzuela imparte ao longo dese ano conferencias en centros sociais das parroquias, caso de Marcón e Salcedo, sobre “A evolución histórica de Galicia” e nalgún caso a compartir o mesmo atril co seu director. Actividades pedagóxicas e profesionais de Valenzuela que tamén coñeceron dun seminario sobre prehistoria que impartiu na sede de “La Casa del Maestro” en xuño do 1936 ou as leccións prácticas que un mes máis tarde ofreceu na mesma institución xunto a Abilio Bernaldo de Quirós e Modesto Figueiredo, mestres que despois do alzamento militar formarían parte da directiva do SEM franquista en Pontevedra.

Toda esta actividade paraprofesional como mestre, sen ter rematado os seus estudos, non lle facía esquecer a Valenzuela todos e cada un dos seus perfís políticos. Durante o Bienio Negro afondou no activismo galeguista e en novembro do 1934 achégase de novo á Estrada para actuar no casino desta vila outra volta como Pepe dos Cestos. Aconteceu nunha sesión que compartiu xunto ao coro de José Riobó, Airiños do Ulla, e cun grupo de declamación local (con J. Riobó e J. Sueiro) que representou a obra “Trato a cegas” de Charlón e Hermida. O xornal estradense El Emigrado apurou un pequeno texto crítico sobre a actuación de Valenzuela como cómico: “A terceira parte tocoulle a Pepe dos Cestos. Quén no coñece a íste rapaz? Os seus contos teñen tanta aquela que fan estoupar de risa ao propio demo (…) Fai rir e tobar ca risa… ás mesmas pedras. Moi ben, Pepe dos Cestos; tí es un artista que levas a Terra de Promisión aos miñas xoias do deserto…”. Pouco saboreou Ramón estes comentarios laudatorios. En plena resaca represiva por conta dos feitos acontecidos en outubro do 34 en Asturias, Valenzuela vai ser detido en decembro nas rúas de Pontevedra xunto a outros compañeiros pola policía (que por certo lograra infiltrar na FMG o seu axente Ramón Pérez Cienfuegos) por espallar voandeiras sobre os 450 anos da execución de Pardo de Cela. Curiosamente, no 1952, 18 anos máis tarde e xa exiliado, Valenzuela pronunciaría en Buenos Aires conferencias sobre esta mesma figura histórica.

Un galeguista aceptado polos comunistas pontevedreses

Entrado o ano 1935, e dentro da tan particular composición dos movementos agrario e obreiro pontevedrés, no que xa se detectaba e con forza o dominio dun tamén particular, en canto tácticas e estratexias, partido comunista local, os membros máis progresistas da FMG pasan a colaborar coas actividades da Federación de Juventudes Culturales Recreativas (FJCR), fundada nese ano. Unha sorte de unificación das mocidades dos partidos e organizacións agrarias e obreiras da cidade e contorna e na que Ramón Valenzuela se implica desde o primeiro momento. En xullo do 1935 mozos e mozas desta organización realizan unha excursión a Santa Trega na que reciben explicacións de Amancio Caamaño, médico republicano posteriormente fusilado no 1936, e mais de Valenzuela. Xa en decembro, Ramón pronunciará unha das súas conferencias máis solicitadas, “Os celtas en Galicia”, que formaba parte da serie de actos que a FJCR desenvolveu polas parroquias pontevedreses nos dous últimos anos da República. O 12 de maio do 1936, Ramón de Valenzuela é escollido presidente. Este cargo para un membro da FMG non deixa de ser sorprendente e só pode comprenderse pola fasquía tan especial da esquerda pontevedresa, sinaladamente os seus líderes, que non dubidaron en confiar en Valenzuela a presidencia dunha federación xuvenil que implicaba nas súas actividades centos de mozos e mozas, a inmensa maioría de extracción obreira, abertos e dispostos á formación e á cultura. Baixo o seu mandato, e no seu caso implicado directamente nas actividades teatrais, a FJCR organizou bailes para recadar fondos para compañeiros en apuros ou enfermos e cursos culturais e recreativos. Ramón montou na parroquia de Salcedo representacións da obra Trebón de Cotarelo Valledor, mentres que na Juventud Cultural de Mourente, e co propio Valenzuela a dirixir, escolleron representar unha obra de título “Los caimanes” e, cun éxito que se lembrou por décadas, O Fidalgo famosa peza teatral de Xesús San Luis Romero.

Co Estatuto e a Fronte Popular de Esquerdas

Desde finais do 1935 Ramón Valenzuela xa gozaba da confianza do Partido Galeguista pola súa contrastada capacidade de militancia e comunicación. Fóra do visto bo dos grandes líderes como Bóveda, Castelao ou Víctor Casas, os que levaban o día a día da organización local —caso de Álvarez Blázquez, Evaristo Mosquera, Luis Poza ou Álvaro Gil, recorreron a el —xa a Pepe dos Cestos, xa a Ramón de Valenzuela— para representar nalgúns mitins un galeguismo totalmente entregado, para escándalo de Filgueira Valverde e o seu mínimo grupo de seguidores, ás candidaturas da Fronte Popular de Esquerdas.

Aberta a campaña electoral o primeiro acto de entidade no que participa Ramón como orador o conduce o 8 de novembro a Lantaño onde fala na compaña de dous líderes republicanos de esquerda. Un, o seu querido mestre Gonzalo Martín March que posteriormente, o 17 de setembro de 1936, sería fusilado en Ourense, a cidade onde despois do triunfo da Fronte Popular o destinaran de gobernador civil. O outro, Elpidio Villaverde, ex alcalde republicano de Vilagarcía, dirixente de Izquierda Republicana. Elpidio –Ramón non podía imaxinalo ese día– era o pai de Mariví Villaverde, a muller coa que pasados ben poucos anos Valenzuela casaría.

Desde finais do 1935 xa gozaba da confianza do Partido Galeguista pola súa contrastada capacidade de militancia e comunicación.

Noutros actos frontepopulistas, entre os meses finais do 1935 e os primeiros do 1936, tamén participa. En Portas, arengando con March e Virgilio Trabazo, e en Samieira acompañando a José Echevarría, republicano exiliado despois do 1939 nos Estados Unidos, e a Amancio Caamaño. Mais o acto de maior importancia política para o que é convidado pola dirección do seu partido desenvolverase na Estrada. Alí Ramón é escollido para dar un mitin á par das grandes figuras dirixentes do Partido Galeguista como eran nese momento Castelao e Víctor Casas. Os tres falaron no Salón Novedades, nun acto organizado en exclusiva polo PG o 12 de xaneiro do 1936 no fragor dunha campaña política que xa mestura os actos en favor do Estatuto de Galicia e a propaganda a prol da Fronte Popular. Mediado o mes, un emerxente Valenzuela visita o Casal Galeguista de Vigo e alí exerce o seu característico duplo papel. Actúa como Pepe dos Contos, primeiro, para de seguido pronunciar unha conferencia que titula “Sonata de xaneiro e outras lerias” e onde xa presenta asuntos e motivos das súas primeiras inquietudes literarias e que, nalgúns dos actos nos que participa en Pontevedra como flamante presidente da FJCR, repetiría.

A última liberdade do 36

Ramón Valenzuela, moi ben relacionado e aceptado por certo entre os comunistas pontevedreses, dedica boa parte do seu tempo libre de estudante de 3º curso do grao profesional de maxisterio á Juventud Cultural de Mourente e o seu grupo teatral mais tamén a episódicos contratos semiprofesionais como Pepe dos Cestos. Un deles permítelle actuar no Café Moderno de Pontevedra nunha sesión compartida co Trío Levantino de Telmo Vela. Un prestixioso músico valenciano que ofreceu nesta ocasión un programa íntegro de pezas de música galega. Actuación e local ao que, con distinta intención, retornaría Ramón de Valenzuela o 13 de xuño do 1936 para narrar contos como Pepe dos Cestos e pronunciar á vez, xa como o comprometido Valenzuela galeguista que era, unha charla en favor do Estatuto nun distendido e heterodoxo acto que foi amenizado pola Orquestra Sumatra.

A última das presenzas públicas nas que se detecta a súa participación ten tamén relación coa campaña estatutaria. Celebrouse nos locais da Sociedad Cultural Recreativa de Poio onde, presentados polos directivos societarios Buceta e Domingo Álvarez, participa xunto a Víctor Casas. Un home, todo un líder político, que, como tantos que este Ramón Valenzuela plenamente mozo coñeceu en Pontevedra, sería fusilado polos militares golpistas escasos meses despois do alzamento militar de xullo do 1936. Na novela Non agardei por ninguén, que publica o xa exiliado Valenzuela no 1957, nárrase boa parte do que con el mesmo aconteceu logo do alzamento militar. De como retornou a Pontevedra para alistarse, perderse, no exército de Franco e aos poucos, desde el, pasarse ao exército leal da República. E cando xa era oficial republicano, na retagarda do terror, en Pontevedra, non se esquecían del nin de moitos dos seus compañeiros normalistas.

Unha requisitoria da Comisión Depuradora do Maxisterio (onde campaban entre outros Filgueira Valverde) quedaba aberta unha causa contra os alumnos do grao profesional, entre eles Ramón Valenzuela.

O 14 de xaneiro do 1938, unha requisitoria da Comisión Depuradora do Maxisterio (onde campaban entre outros antigos galeguistas como Pintos Fonseca ou Filgueira Valverde) quedaba aberta unha causa contra os alumnos do grao profesional Ramón Valenzuela, Isabel Bernárdez, Enrique Longa e Manuel Piñeiro Peleteiro. Esixíase que se presentasen ante ela para depurar o seu expediente. Dous anos máis tarde, cando Ramón non era máis ca un prisioneiro derrotado e encarcerado —podemos coñecelo desde Era tempo de apandar, a súa novela do 1980— o Tribunal de Responsabilidades Políticas anuncia no Boletín Oficial de la Provincia que abre un proceso a Valenzuela e outros veciños de Silleda, entre eles, Celestino Puente Sánchez, pastor evanxélico. O mesmo día (05/08/1941) no que este boletín tamén confirma unha multa de 25.000 pesetas a Ricardo Mella Serrano, fillo do anarquista Ricardo Mella, a maiores de dez anos inhabilitación e 19 anos de desterro. Exemplo do asañamento represivo este como tantos outros dos padecidos pola chea de homes e mulleres que tratou Ramón de Valenzuela. Un mozo feito home na fronte bélica e que logo de sufrir as prisións do franquismo retorna a Galicia e se instala en Vilalonga para traballar de xerente dunha barreira, propiedade da familia de Elpidio Villaverde, aquel antigo compañeiro do mitin de Lantaño cando o tempo era o da liberdade e aínda, para el, de mocidade. Ao pouco, 1948, a caída da práctica totalidade da organización do PCE en Pontevedra e da súa rede de apoio, da que formaba parte un Valenzuela que non foi detido, decidiuno a tomar un prudente camiño do exilio arxentino xunto a súa dona Mariví Villaverde. Alí coincidirían con algúns dos poucos que se salvaran da queima pontevedresa do 36.

Retornar con teatro

Trinta anos despois do masacre, a prensa galega informaba (decembro, 1966) de que se estaba a preparar en Santiago por parte da agrupación Cantigas e Agarimos, dirixida por Rodolfo López Veiga, a obra As bágoas do demo de Ramón de Valenzuela “que durante doce años residió en Buenos Aires” e que “actualmente se encuentra en Madrid preparando oposiciones a cátedras de instituto”. O día 17 de abril do 1967 a peza estréase con motivo do Dias das Letras no Hostal dos Reis Católicos coa presenza dun emocionado e retornado Valenzuela. Había nada que morrera, tamén en Compostela, Xesús San Luís Romero, aquel obreiro zapateiro ao que un mozo galeguista e de esquerdas de nome Ramón lle montara en Mourente, Pontevedra, a súa obra O Fidalgo. Moitos daqueles actores e actrices, obreiros e obreiras todos, que entusiasmados actuaran naquela peza en 1936, sufriron, de xeito individual e social, as consecuencias da súa paixón proletaria pola cultura e a liberdade. Como o primeiro Ramón de Valenzuela, como Pepe dos Cestos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *