Ramón Nicolás: “Mudar de lingua literaria non é a mellor vía cara ao éxito”
César Lorenzo Gil.
É profesor, crítico, divulgador e investigador literario. Ramón Nicolás (Vigo, 1966) é unha das personalidades que mellor coñecen as nosas letras actuais. Con el falamos de libros, de medios, de presente e de futuro.
Entre os analistas da situación da literatura galega danse dous ánimos: quen pensa que a crise reduciu as oportunidades de publicar e polo tanto o impulso creativo e quen opina que entrementres aparecen as oportunidades para publicar estase a construír un corpus creativo que vai ser moi substancioso no futuro.
Eu comparto os dous diagnósticos. Hai unha evidente crise editorial que se está a compensar cun traballo extenuante das editoras, que fan un esforzo quizais superior á lóxica de mercado, tendo en conta o número de lectores do libro galego. E pola contra hai un gran vizo creativo, tanto de autores novos coma de escritores consagrados. Tendo en conta o nivel do que se publica, eu tamén opino que se está a formar un humus que poderá dar froitos interesantes máis adiante. Mais a cuestión básica é encontrar a maneira de gañar lectores. O lectorado é a base de calquera sistema literario. Sen eles, o demais perde importancia.
Se alguén soubese como gañar eses lectores, xa o estaría a facer.
Claro. É un tema complexo que depende de moitos factores, de moitas vontades. Coido que máis ou menos temos idea do que se pode facer pero cómpre un consenso amplo, que supera os límites dos axentes culturais. Como docente, penso que hai que coidar os novos lectores, atraelos, favorecer que persoas que non len habitualmente en galego teñan oportunidade de facelo. Calquera fomento da lectura é bo para a lectura en galego. No centro no que eu traballo manteño dous clubs de lectura, un para rapaces da ESO e do Bacharelato e outro para adultos. Conséguese moito con estes clubs, tamén coa rede de bibliotecas escolares. Para contaxiar o hábito da lectura é fundamental empregar todas as ferramentas dispoñibles. No caso do galego, temos unha vantaxe: podemos relacionar os lectores cos autores. Nós, no noso club, sempre buscamos que os escritores se encontren cos lectores, que dialoguen, que se coñezan. Estou convencido de que ese contacto persoal é básico para asentar o gusto pola lectura.
A literatura galega ten unha vantaxe: podemos relacionar os lectores cos autores.
Esa estratexia comercial aumentou logo da crise. Vemos os autores facendo máis presentacións, máis encontros cos lectores, con rapaces do instituto… Pero até que punto é rendible. O custo desas visitas compensa?
O importante é considerar o labor de promoción unha parte do traballo literario. E como tal traballo, debe remunerarse. Nós, no noso club, decidimos consideralo un servizo profesional e sempre encontramos o xeito de pagarlles a quen nos visita, aínda que só sexa o gasto da viaxe. Dignificar a profesión literaria é moi importante para que os lectores nos tomen en serio.
Moitos autores, tamén os que se dedican á literatura xuvenil, critican a escolla de lecturas recomendadas nos centros de ensino. Recordo a Xabier P. Docampo aquí en Biosbardia dicindo que “non é normal que nos institutos os rapaces só lean historias que pasan en institutos”.
Eu son da opinión de que cada docente debe ter liberdade para escoller a lectura que considere. Coido que o máis eficaz é atopar un equilibrio entre libros clásicos e autores contemporáneos coa maior diversidade de temas e estilos posibles. E despois, insisto na cercanía co propio proceso literario. Que os rapaces da ESO ou do Bacharelato coñezan a quen escribiu os libros que len é moi enriquecedor, para ambos.
O problema é se dese contacto, xorde a perversión de que ao final o escritor decida escribir pensando nun fantasmagórico “público obxectivo”. Agustín Fernández Paz falaba disto coma dun recurso literario mediocre.
Non vexo ese mecanismo coma unha perversión. O diálogo entre autores e lectores pode ser moi positivo. Que un autor teña en conta os intereses do lector ten a virtude de facilitar a creación de públicos novos. Non penso que teña que ser un recurso obrigatorio pero tampouco o descualificaría.
Entre determinadas persoas, a literatura galega ten fama de elitista. Outros, entre quen me inclúo, coidan que hai moita xente intentando facer best-sellers; o malo é que nin todos conseguen o obxectivo. Cal é a súa opinión?
Eu comparto esa visión. Hai nos andeis de novidades moita literatura popular, feita con alta calidade, con valores literarios e estéticos moi superiores aos que se dan nos best-sellers que triunfan nas linguas máis poderosas. É unha moi boa noticia para o sistema literario galego que novelas coma as de Pedro Feixoo ou Domingos Villar teñan unha aceptación maioritaria, moi superior ás expectativas. Tanto porque conseguen facer visible a nosa lingua como produto cultural coma porque serven de porta de entrada para novos lectores.
A mesma división de criterios dáse no lado contrario. É a nosa literatura dada á experimentación; hai moitos libros que ninguén le?
Non. Eu diría que na narrativa o nivel de innovación, experimentación ou desconexión cos lectores é moi baixo. Por dar un nome, Manuel Darriba, que é un autor “innovador” non peca de escuro nin se afasta do lectorado.
Hai nos andeis de novidades moita literatura popular, feita con alta calidade, con valores literarios e estéticos moi superiores aos que se dan nos best-sellers que triunfan nas linguas máis poderosas.
Quizais tradicionalmente, dentro do canon das letras galegas, a poesía tiña un rango superior á narrativa. Os nosos grandes nomes eran poetas mais hoxe en día non estou seguro de que isto siga a ser así. Que opina?
Seguro que a narrativa ocupa máis espazo nos medios e nas librarías pero coido que os valores que sempre tivo a poesía galega: a vangarda e a renovación, seguen hoxe. Hai algunhas editoriais especializadas con problemas, caso de Espiral Maior pero hai coleccións en boa forma, caso da que publica Xerais, e nacen outros selos moi interesantes, como Apiario. Por seguir a falar de xéneros, si que me preocupan o teatro e o ensaio.
O teatro está en alerta vermella. Apenas se publica nada e as estreas na escena son contadas. Entre as publicacións, só podemos considerar unha boa nova a obra completa de Roberto Vidal Bolaño editada por Positivas. No caso do ensaio, o ensaio divulgativo que é o que lles pode interesar aos lectores, está desaparecido dos catálogos editoriais e non é apreciado como debera cando aparece algún título xeitoso. No caso do ensaio para público universitario, coido que é un problema de formatos, que ese tipo de obras quizais xa non teñen cabida, tras a irrupción da internet e do formato dixital.
Hai máis dun ano, xurdira unha polémica entre vostede e Dolores Vilavedra a conta da conveniencia dos blogs culturais na internet. Ela defendeu unha busca de públicos amplos nos medios de comunicación con máis audiencia.
Vilavedra e mais eu xa conversamos logo de aquilo. Eu sigo a pensar o mesmo que dixera no seu momento: por suposto que para as letras galegas sería fantástico ter maior espazo nos medios de comunicación máis seguidos, por suposto que debemos dar todas as batallas pero non debemos menosprezar ningunha iniciativa porque está claro que estamos vivindo unha diversidade no tratamento das nosas letras na internet que debemos valorar positivamente.
Vostede publica no xornal máis lido de Galicia, La Voz, e tamén foi correspondente no noso país da xa desaparecida revista Qué leer. Élle fácil ao libro galego entrar neses circuítos máis amplos?
En ambos os casos, foron as direccións desas publicacións as que se puxeron en contacto comigo e me propuxeron a confección de contidos. É dicir, hai determinada vontade pero con obvios límites. No caso de Qué leer, que en efecto xa desapareceu, acabei a miña colaboración por unha razón económica. Estou segura que no proxecto que é o seu herdeiro, Librújula, haberá espazo para o libro galego. No caso da Voz, a atención á literatura galega gustaríame que estivese en equilibrio co propio peso das nosas letras na sociedade.
A diferenza dos medios en papel, na web conséguese maior diálogo cos lectores. O seu blog é un dos máis seguidos, asentados e recoñecidos.
En efecto, aumenta o diálogo cos lectores, grazas aos comentarios. O diálogo case sempre se dá con lectores, cos autores algo menos; en todos os casos con educación e cordialidade. Pero tamén teño que dicir que desde hai dous ou tres anos, ese diálogo xa non se dá na propia páxina do blog senón que se trasladou ás redes sociais. Ese foi o principal cambio que notei nestes cinco anos.
Paréceme moi ben dar a coñecer a literatura galega noutros espazos lingüísticos. Pero coido que non deberían venderse os libros de Mar Maior en Galicia.
Como xorde Caderno da crítica?
Foi tras o nacemento de Ferradura en tránsito, de Xosé Manuel Eyré. El deu o primeiro paso e a min pareceume interesante prolongar a vida das recensións que publicaba na prensa verténdoas na web. Logo foi ampliando os contidos, nunca dunha maneira programada senón mercé a unha evolución natural. Determinadas seccións ou formas de achegarme á literatura foron mudando. Por exemplo, cando empezou a publicarse o Magazine de Montse Dopico ou Biosbardia, vin que xa estaban ben cubertas as entrevistas a autores, realizadas por xornalistas. Hai algunha sección que nace con colaboración, como a que levamos Anxo Cabada e mais eu, combinando fotografías do propio Cabada con textos literarios. Son apostas creativas, fiestras abertas para ver onde respira a expresión na internet.
Luís Rei Núñez queixouse de que nos blogs de crítica galega as recensións non eran orixinais senón trasplantes das publicadas na prensa escrita.
Sentinme aludido por esa queixa; enténdoa pero pareceume inxusta. Por suposto que me gustaría publicar recensións máis amplas e completas pero o traballo dos críticos galegos non é profesional, temos que atender outras moitas cousas. Eu prefiro ampliar as miñas lecturas, facer posible publicar máis recensións. Na queixa de Rei Núñez había unha acusación explícita de preguiza. Non é esa a razón, precisamente.
A crítica que vostede publica ten moito a ver coa estratexia de visibilización e promoción do libro galego. De aí que case sempre teña un perfil positivo. Non se publican malos libros en galego?
Si. E o mellor que, na miña opinión, podemos facer é recibilos con silencio. A miña concepción da crítica ten a ver co servizo ao lector. Son recensións que orientan as lecturas, visibilizan aquelas cousas que paga a pena, procuran salientar o bo das obras e matizar aqueles aspectos peor resoltos, sempre con cortesía e educación.
Pasoulle algunha vez que un autor a quen lle matizara algún deses aspectos negativos logo co tempo llo agradeceu?
Pasou. Varias veces. E sempre é motivo de satisfacción. Os autores, a longo prazo, agradecen que o crítico tivera a intuición para interpretar determinados valores dun texto.
Cambia a percepción sobre o libro cando un publica fóra? Pregúntolle por cando traballaba para Qué leer.
Si. Especialmente cando publicaba entrevistas con autores galegos. A repercusión era maior, notábase que aumentaba o interese polo seu traballo.
Pode ser esa falta xeral de visibilización da literatura galega a causa de que haxa nomes novos que estean a abandonar o galego como lingua literaria malia iniciaren a súa traxectoria nela?
Non o sei. En calquera caso, mudar de lingua literaria non é o camiño cara ao éxito. Pódese lograr escribindo na propia lingua. Demostrando talento unha obra destaca e acaba por traducirse. Hai moitos casos, tamén recentes.
Que lle parece o camiño empezado por Galaxia co seu selo Mar Maior, que publica en castelán e en portugués?
Paréceme moi ben dar a coñecer a literatura galega noutros espazos lingüísticos. Pero coido que non deberían venderse os libros de Mar Maior en Galicia. Calquera persoa que viva en Galicia, cun mínimo esforzo, pode ler a Álvaro Cunqueiro ou a Begoña Caamaño, na súa lingua galega orixinal.
O contacto persoal é básico…e tamén o REGALO, polo nadal, nos cumples ou agora que ven o día das letras Galegas, regalen, regalen libros en Galego!! Saúdos!