BiosBardia

O país dos libros en galego

Ramón Vilar: “Hoxe os nenos do rural galego visten coma os de Nova York”

OLYMPUS DIGITAL CAMERACésar Lorenzo Gil.

Filólogo de formación, xornalista con anos de experiencia, primeiro nos dous xornais máis vendidos de Galicia, a Voz e o Faro, logo derradeiro director do dixital Vieiros e agora ao leme dunha empresa de servizos de comunicación e mais da revista dixital Letra en obras, Ramón Vilar Landeira (Rodís, Cerceda, 1973) publica Os televisores estrábicos, conxunto de catorce relatos editado por Xerais. Nesta entrevista fala de libros e de xornalismo.

Contábame Fran Alonso tamén aquí en Biosbardia que o primeiro libro non só é especial por ser o de debut senón porque durante a súa redacción aparecen todas as pantasmas, inseguridades e autocríticas cunha forza tan grande que ao ver publicada a obra o autor consegue un alivio insuperable.

É certo. Comparto esa visión. Custa moitísimo por causa da inseguridade nas propias capacidades. Eu son escritor pero tamén lector e éme inevitable comparar o que fago ou podo facer co que fixeron outros. E ás veces sénteste como un xogador da 2ª Autonómica en comparación con Leo Messi. Este libro é o primeiro que publico pero non o primeiro que me poño a escribir. Eu gañei varios premios con relatos e poemas que seguen inéditos porque me presentei aos certames, hei de dicilo, non só para testar se valía para escritor senón tamén para gañar un diñeiro. Empecei varias novelas que acabaron no caixón e recoñezo que sentía moitas veces que non era quen de chegar a onde quería. C’Os televisores,que se publicou xusto cando fixen 40 anos, as cousas acabaron doutro xeito, afortunadamente.

Os televisores estrábicos remata cun relato, ‘Diario de Caión’ que, ao meu ver, funciona coma un colofón, un texto moi diferente aos outros, no que se retrata un xornalista que acaba de ficar no paro, que se separa da muller e que decide capitalizar o subsidio e dedicarse “profesionalmente” á literatura. Primeiro, recoméndolle que tire dese fío en futuros proxectos. E segundo, dado que é un exercicio de ficción coas raíces moi cinxidas á súa propia vida, gustaríame saber como xestionou o pudor a expoñerse.

É certo que ese relato ten paralelismos coa miña propia vida pero é ficción, tan ficción coma o resto do volume. Claro está que o lector percibe máis de min nel ca noutros. Houbo quen me chamou todo alarmado para preguntarme se de verdade me separara. En realidade, tanto ese coma os outros relatos falan de fracaso, ao redor da crise e a soidade. Non tiven que esforzarme máis nel ca noutros. Si me pasou de haber lectores que o destacan moito sobre os outros; pero na mesma proporción están os que pensan que o mellor é ‘O orballo no retrovisor’, cun estilo e argumento que non teñen nada a ver con este outro do que falamos.

Son relatos sobre o fracaso pero escritos co humor como lubricante. Non é que sexan historias humorísticas pero o humor mastígase no ambiente das narracións.

Non está buscado a mantenta pero si considero o humor como unha válvula de escape para situacións que sen el poderían ser abafantes de máis. Para min, o humor é o que evita que crebemos, xa non só como recurso literario senón á hora de encarar a propia vida.

Outro ambiente, o espacial, está moi definido. Non se escribe moito en Galicia sobre ese territorio máis vilego ca aldeán, o deses pequenos núcleos xa non tan rurais, con tendas e bares e incluso sucursais bancarias.

Grandil, que é o espazo recorrente en todo o libro, quere ser unha amálgama de todos eses lugares en Galicia que non chegan a ser grandes vilas pero que tampouco son aldeas; núcleos de poboación a 20 ou 30 km de espazos urbanos dos que son satélites. Unha das miñas obsesións é reflectir o cambio social que se produciu nestes núcleos nos últimos 20, 30 anos. Di moitas veces miña nai: “Cando erades pequenos tiñades coloretes. Hoxe xa ninguén ten coloretes”. E é certo, será da alimentación ou non sei pero os nenos xa non teñen a cariña colorada. Neste tempo nada diferencia un neno do rural galego dun nacido en Nova York. Visten igual, coñecen as mesmas cousas… Cando eu era cativo xogabamos ao futbolín no bar da aldea; agora van xogalo a Ordes ou á Coruña. As aldeas convertéronse en suburbios, en arrabaldos, en urbanizacións das que desapareceu a vida económica e social.

Polo xeral, hai dous tipos de libros de relatos: os conxuntos sen coherencia entre cada texto e os que seguen un fío que os unifica. No caso do seu libro, ese fío é xustamente o territorio no que se desenvolven as historias.

Eu, conscientemente, non lle daba tanta importancia ao topos xeográfico pero recoñezo que na factura final esa presenza é importante para entender o contexto. En canto ao concepto de unicidade, houbo quen me dixo, após ler o libro, que en realidade eu fixera unha novela. Non o creo.

Hoxe novela é todo aquilo que leve a etiqueta de novela.

Será pero este é un libro de relatos. A min gústanme os relatos. Son un gran lector de narrativa breve e nunca vin a novela como un artefacto superior. Pero tamén hei de dicir que como xénero literario a novela me dá moito respecto. Na xestación d’Os televisores víao todo moi fragmentado e coido que a mellor maneira de achegarme ao universo que quería crear era a través do relato. Non sería honesto presentar esta obra como unha novela. Coido que aínda non encontrei o corpo para escribir unha novela. Mellor dito, xa escribín novelas pero quedáronme infames! O novelista é un corredor de fondo; a construción de relatos baséase na intensidade. O máis difícil de escribir un é saber como pechalo. Na novela coido que o realmente complexo é manter o ritmo en alto durante páxinas e páxinas. De aí que en moitos casos eu primeiro teña unha idea de novela que finalmente acaba nun relato.

Recordo ler unha entrevista a Camilo Franco na que reivindicaba o relato como o xénero literario máis acaído ao noso tempo.

Podería ser o máis competitivo porque si é certo que se adecúa ao noso xeito de vivir, fragmentario e con pouco tempo de engancharse a unha historia durante horas, días ou semanas. Pero cando te fixas na oferta editorial, ves que a maioría do que se publica é novela, a maioría do que se compra é novela. Cónstame que é moito máis doado publicar unha novela e ter resposta de público e crítica cunha novela ca cun relato.

É vostede coma o protagonista de ‘Diario de Caión’, senta a escribir, pase o que pase, oito horas por día?

Non. En xeral son bastante anárquico e arestora a miña vida familiar, con dous nenos pequenos, converte a miña experiencia literaria nunha auténtica odisea. Os meus textos nacen e cocen na cabeza. Para non perder a faísca, adoito tomar apuntamentos de algo concreto que vexo e que pode ter forza como imaxe poética. Mais nunca sento para desafiar a folla en branco, xa non. Agora, cando decido pórme a escribir, é porque xa teño polo menos unha idea de cara a onde quero camiñar. Outra cousa é que durante a redacción a cousa medre ou cambie pero xa non escribo sen notas.

“Os medios en galego do futuro deben crear a súa propia axenda informativa”

Vostede foi o derradeiro director de Vieiros. Catro anos despois do seu peche seguro que ten unha perspectiva moi cavilada sobre a crise e final dos principais medios en lingua galega.

O tempo coido que me fixo ser máis realista no diagnóstico. O primeiro que hai que destacar é que a prensa en galego non viviu ningunha burbulla. Algúns pensaban que había recursos ilimitados pero os que traballamos neses medios viamos precariedade, loxicamente menos que agora pero si cun nivel preocupante. O que había era unha burbulla de expectativas, de esperanza no que podería vir no que entón era futuro. No caso de Vieiros, como era un medio exclusivamente dixital, había certa ilusión por ver como o cambio do mercado da prensa cara á internet podía desembocar en maior rendibilidade. Pero non había alicerces. O galego vive na anormalidade social e os medios non eran unha excepción. Mentres que hai unha forte alianza entre a prensa galega escrita en castelán e os poderes político e económico, os medios en galego estaban sós. O galeguismo político non estivo á altura, quixo patrimonializar eses medios, esixiulles demasiado. Era necesario que o nacionalismo galego fose máis xeneroso, máis maduro, que deixase os proxectos medraren con independencia para así ofrecer un produto máis crible. Pero tamén sería inxusto afirmar que a crise veu por ese desencontro político. Había un enorme desequilibrio entre o desexo e a realidade. Quixéronse facer grandes medios no informativo, con amplas redaccións cheas de moi bos profesionais cunha infraestrutura administrativa máis propia dun taller mecánico de barrio.

Pero tampouco debemos ser esaxerados na autocrítica, quero dicir, moitas cousas fixéronse mal pero no balanzo final eu destaco máis as luces ca as sombras. Demostrouse que se podía facer un xornalismo en galego de calidade e négome a pensar que no futuro non se poidan iniciar proxectos que se beneficien da aprendizaxe dos fracasos pasados. Hai que valorar os erros e intentar ser realista no axuste entre tamaño da iniciativa e mercado potencial. Podemos facer prensa para dez, quince mil persoas, de calidade pero ha ser sustentable para que poida durar. Os próximos medios que nazan deben mudar a axenda informativa, seren quen de racharen vellos lazos e apostar pola independencia. Así lograrán ser útiles.

Que libros ten agora no escritorio das lecturas?

Estou a reler O asasino que hai en min, de Jim Thompson, na estupenda edición galega de Rinoceronte. Acabei hai pouco Canto vale unha vaca, de Diego Conde, publicado pola Deputacón da Coruña. É moi interesante ver como en Galicia se pasou do agro ao vacún. E ando ás voltas agora con El anarquista que se llamaba como yo (Acantilado), de Pablo Martín Sánchez e Vida brava, de Richard Ford, publicado en galego por Sotelo Blanco.

 

 

2 thoughts on “Ramón Vilar: “Hoxe os nenos do rural galego visten coma os de Nova York”

  1. Que entrevista tan interesante, canto ten que dicir este home, con que honestidade o fai…atonita estou de que este pais poida ter en precario xente tan lucida coma esta. E benvida sexa esa defensa tan diesteana do relato.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *