BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Rande’ vs ‘Vertixe’

Fotograma de ‘Vertixe’, de Alfred Hitchcock.

Xornada 5 da Liga da Primavera 2022. Duelo entre Xerardo Méndez e César Lorenzo Gil.

Traba: O relato está escrito en segunda persoa.

Rande

Debía ser unha tarde ao sol de marzo, o que mata a dona no pazo. Fixestes bocadillos de nocilla con queixo gouda e conducistes até xusto embaixo do pilote da ponte. Tirastes os calcetíns e o altofalante mudou o runrún do mar polo falsete de C. Tangana.

—Que mide máis —preguntaches—, o tramo de poste que se ve ou o que se afunde no mar?

—Debaixo do mar non hai columnas —contestaches—. A ponte sostense sobre dous galeóns.

Mirástesvos e ristes. Espístesvos de cintura para arriba. Untastes cada un a cara do outro con protector solar, aínda que entraron os nubeiros e metalizaron a lámina de mar.

—Non serán bateas? —volviches preguntar.

Negaches coa cabeza mentres mutilabas as chapas de dous botellíns.

—Un exército de sereas arrandea a ponte para que non caia.

—Vaia choio!

—Sempre hai prazas.

—Cres que te quererán?

Encolliches os ombros e abriches as palmas coma o boneco do Whatsapp.

Fotografastes as dedas para subilas ao Instagram. Entrelazastes os beixos e as cadeas de prata para un selfi que quedou mal.

—Como vas ser serea con eses pés. Deberíalos cortar.

—Cunha serra de cen dentes.

Bicástesvos. O voso alento cheiraba a gasoil, o voso sexo sóubovos a carne de mexillón.

—Como podías facer para que hoxe durase para sempre?

—E logo para que? Ti queres repetilo mañá.

—Mañá ti terás un rabo de peixe.

Fíxose de noite. Abrigástesvos cunha toalla con demasiadas lavadoras.

—Vaste meter?

—Non sabes nadar.

—Non sentes as voces?

—Telas que ignorar —Riches e os dentiños brilláronche con cor de lúa.

—Recorda as sereas, están a chamar.

—Esquéceo, só é o autotune.


Vertixe

Tiñas que ser ti, non podía ser outra. Eu pasaba por alí, nunha desas tardes que a ociosidade me levaba a correr todas as carreiras. A ociosidade e as recomendacións do médico, que o corpo vén sendo unha miseria enganosa, e este meu unha miseria italiana, desas que locen moito pero precisan decote visitar o taller. Tiñas que ser ti a que esbracexaba nos Canos mentres camiñaba por aquela beira cos ollos enlamados de amieiros. Eran teus os brazos que batían a auga coma se caeses por accidente na poza e foses afogar. Estaba así disposto o escenario da traxedia e caín coma un babiolo na tentación. Quitei os zapatos e botei á auga un corpo que o río coñecía de sobras e nadei cara a ti coma un náufrago procurando o cabo do rescate. E si, salvei ese corpo de branca dondura. Ías espida e aquilo xa debeu advertirme, pero na orela estaba a túa roupa, seca e dobrada co costume de quen ordena o seu mundo antes de entrar no sono. Non vou dicir que aquilo me puxese en garda. Eu afogaba nos teus ollos garzos mentres as sirenas dos bombeiros e da local se nos achegaban. Nestes malditos tempos non hai intimidade e axiña apareceu un vídeo nas redes que acabou nos noticiarios, querendo converterme no heroe do momento, no espectáculo do mes de maio. Conseguín pasar polo furor mediático como “o misterioso salvador da muller do famoso empresario…”.

Unha desas noites había unha retrospectiva de Hitchcock na canle na que adoito amortecer a miña vertixe existencial e alí estabas, de par do mingurrias do James Stewart. Coma un parvo quedei co dedo prendido no mando, preso nun bucle iterativo, vendo como te sacaba daquelas augas atravesadas polo Golden Gate. Era xa tarde cando sentín o timbre na porta e fun abrir disposto a armala co xornalisto/a de garda, pero eras ti na miña porta pedíndome permiso para entrar ás dúas da mañá, e foi coma cando eramos novos e me contabas na barra dalgún bar as túas desgrazas, mentres eu bebía bourbon con ese xeo azul furándome o peito. Contáchesme que che zoupaba, que a túa vida era un inferno e que ou o matabas ou habíate matar calquera día. E si, pensei en forrarche o traballo, aínda que, coma daquela, o único que me deixaches foron palabras apegadas no aparador das bebidas.

Conteillo tal e como foi ao detective que veu interrogarme a causa da estraña desaparición do famoso empresario e marido de. Que que fixera esa noite, preguntaba e que relación tiñamos. O amor da miña vida, o teu amigo da infancia. Así entrei na roda dos sospeitosos. Cando marchou puxen a B. B. King e estou bicando a garrafa coma se tivese os teus beizos.

5 thoughts on “‘Rande’ vs ‘Vertixe’

  1. Rande

    escribir en 2ª persoa no torneo xa é como ver o pan enriba da mesa. Este autor quixo darlle unha volta á traba e escribir en 2ª persoa unha historia na que o uso desa tecnica non fose o habitual “ti es o protagonista”. Aquí a 2º persoa emprégase para darnos a coñecer un protagonista con dobre personalidade. É unha forma moi interesante de ir máis aló, de crear algo novo. Claro, non é que os demais nos conformemos con menos.. é que a veces non se nos ocorren as ideas boas. Iso si, para que as ideas boas veñan a un algo hai que poñer da parte dun. O conformismo tamen se nota, aqui tenselle chamado a iso “relato conservadoe” ou “tirar de oficio”. Pero aqui xa entramos no que serían as zonas de confort de cada un. O que para botana é confort ó mellor para Vega é un inferno (e ó revés).

    O relato en si non importa demasiado. En vez da ponte de rande puido ser o pedroso e en vez de sereas, as aspas dos muiños. En vez dun picnic ir cortar toxos. O importante é o que a estrutura do relato e o uso da 2ª persoa crean no lector. No meu caso, como interpretei unha dobre personalidade do prota desde que se contesta a si mesmo, tiven unha sensacion como de desacougo, de tension e á vez de curiosidade por exploralo todo desde este enfoque.

    En fin, que o relato me tivo moi atento. Hai cousas que se me escapan, como o por que da mencion a esa dona do pazo (mera ambientacion?). E tamen hai frases que me gustaron independentemente do relato, como a das toallas.

    Vertixe

    a 1º vez que lin este relato dinme conta (ou iso pensei) de como vistes algun de vós o meu relato do retropolicia. Demasiadas referencias, demasiado argumento, demasiado trasfondo por asimilar, demasiado todo.
    A escena inicial parece sinxela pero xa ten algo co que lidiar. Como o narrador conta todo desde o futuro non sabemos ben se ese “tiñas que ser ti” se refire a alguen que xa coñecía de antes no momento de salvala ou se o conta desde un momento no que xa a coñece pero non a coñecía daquela. Penso que é o segundo, pero ese titubeo en situarme non foi positivo.
    nota: “famoso empresario” qeuda fatal.

    No segundo parágrafo xa me perdín de todo. Non me casa ben co anterior. No anterior comezabamos como in medias res con ese tiñas que ser ti, que logo enlazaba cunha escena concreta. E agora toca ler “unha desas noites”, unha referencia vaga que non axuda a imaxinar que pasou despois dese salvamento, Porque sabemos que algo mais pasou, pero cando? Xa postos era mellor empezar co “eu pasaba por ali”. Se o relato non se vai apoiar nesa 1º frase, que é coma un farol na noite, non a poñas. A traba da segunda persoa non a cumpriches igual, asi que para que rallarse cun sucedaneo. E digo mais: penso tamen que o relato afonda demasiado (outra vez demasiado) na traba da foto. Foto, pelicula, titulo… non fai falta tanto. Basta con inspirarse na imaxe. Se queres falar da peli, adiante, pero non é necesario (sei que este consello é absurdo porque xa están entregados todos os relatos).
    Por onde ía? o narrador identifica á nadadora como Madeleine a da peli? e despois é ela a que lle peta na porta? 50 anos despois de que se rodara a pelicula? E despois resulta qeu si que se coñecian de novos?
    vou supoñer que o que viu o tipo foi a estrataxema dela, non a ela en persoa.
    O final é interesante, ou seríao se non me resultase tan confuso o anterior. Ela matou ó marido e encargouse de que o principal sospeitoso fose o noso narrador. É isto contado dunha forma un tanto fragmentada. Pode ser?
    Penso que habia que estruturar mellor o discurso. Non pode dar a sensacion de que o narrador salta dun tempo a outro (en teoria deberia estalo contando todo desde o momento final, pero a continudade falla). Non parece o mesmo ton o do inicio e o do final. E ten que selo, ou ten que verse claramente a evolucion nos seus pensamentos, non a forza de enters.

    Voto por Rande, que con moi pouco creou algo novo e orixinal. O seu rival, a pesar de levar enriba un notable esforzo argumental e tecnico, presenta -ironicamente- unha lectura agreste, sen embridar.

  2. ‘Rande’: Non pensara eu na idea da dobre personalidade. De feito, este uso da segunda persoa en plural fíxoseme orixinal pero tamén algo confuso, ao non entender de todo quen é a voz narradora. Polo demáis, o diálogo si me pareceu ben levado.

    ‘Vertixe’: Aquí o que sucede si se mostra con claridade, e penso que está ben contada, malia eses saltos temporais. O asunto do amor de xuventude contraposto ao marido maltratador pode parecer algo manido, pero opino que funciona, neste caso, polo menos.

    O meu voto é para ‘Vertixe’.

  3. Outra das trabas que máis me gustan, a da segunda persoa. Aquí resolveuse de maneira moi orixinal por un dos relatos.

    “Rande”. Eu relín bastante este relato porque realmente é moi agradable de ler. Está moi ben montado o diálogo, e o uso da segunda persoa en plural quédalle moi ben. É raro ler esa segunda persoa múltiple e identificarse cos dous a un tempo. É máis, o protagonsita con doble persoanlidade é o lector, non os participantes. Gústame como está contado, o ritmo que ten, as imaxes que mostra, o poético ton do diálogo sen deixar de ser unha conversa. Ademáis sae C Tangana.

    “Vertixe”. A min tamén se me atragantou algo este relato. Sendo o seu rival tan lixeiro refórzase a pesadez deste, é como vir de unha ensalada a un cocido. A destacar está o ambiente, toca ben o xénero negro, pero neste caso a segunda só embarulla. Porque a idea, e a historia están ben, pero son máis sinxelas que o que se está a contar. O tramo final é o mellor, poida que se necesite revisitar desde aí.

    O meu VOTO vai para “Rande”.

  4. Boa tarde. Lamento o retraso.

    Gustáronme ambos relatos. O primeiro por orixinal e o segundo polo traballo que se lle ve detrás.

    O meu voto vai para Rande.

  5. Este comentario é de Carlos Vega:

    Mira que deu xogo a traba da segunda persoa. Faime pensar nos engadidos que estas aportan aos relatos, o desafío; e penso que con relatos así de traballados son beneficiosas.

    Rande é un tremendo traballo sobre o principio da traba. A dobre personalidade multiplica persoa. É un enfoque que nunca vira e que resulta moi orixinal. Ademais, está moi ben engadido no medio dun discurso con imaxes tan poéticas. A óptica da múltiple personalidade reforza estas imaxes e dálle coherencia ao relato enteiro. Moi ben pensado.

    Vertixe ten ese problema que mencionan os compañeiros de que intenta meter a traba ( o seu punto forte) nun formato reducido. Aquí apostase máis pola foto, o que deixa un pouco de lado a estrutura, e a segunda persoa acabase enleando un chisco a partir do primeiro paragrafo. Aínda con estas, ten imaxes boas e, en certo modo, consegue facer una sinopse dunha historia máis completa. Penso que o problema é que nos da varios datos a medias; onde outros relatos deixan ocos enteiros para que enchamos, aquí sucédense imaxes completas con omisións a medias o que da esa sensación de descontinuidade. Creo que con máis extensión, pudendo encher ben eses ocos, daría un resultado completo.

    Voto por Rande.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *