BiosBardia

O país dos libros en galego

Recomendación para descubrir a Raymond Roussel e a Nazaret López

Nazaret López.

Xesús González Gómez.

Lin a excelente biografía de Raymond Roussel realizada por François Caradec (Vie de Raymond Roussel, París, Jean-Jacques Pauvert éditeur, 1972). Lembremos que de Roussel está traducida ao galego a súa novela Locus Solus, en versión de Isabel Soto e Xavier Senín (Hugin e Munin, 2012). Á parte de recomendar esta excelente biografía, e, por suposto, a novela de Roussel, non podemos deixar de recomendar tamén outra do mesmo autor: Isidore Ducasse, comte de Lautréamont (París, Gallimard, col. Idées , nº 330, 1975), que considero a mellor biografía de cantas se fixeron do enigmático autor d’Os cantos de Maldoror.

Quería dicir que despois de ler a biografía de Roussel non sabía se decantarme por reler obras deste autor, como o «curioso» volume Comme j’ai écrit certains de mes livres (París, Union Générale d’Editions, col 10×18, nº 1124, 1977), libro publicado postumamente do que en castelán se publicou, en tradución de Pere Gimferrer, Tusquets Editores, Cuadernos ínfimos, nº 38, en 1973, o primeiro escrito do volume, o titulado precisamente, na tradución española, Como escribí algunos libros míos. En verdade, no volume francés recóllense os escritos de mocidade –relatos e poemas – baixo o título de «Citas documentais», os «Textos de grande mocidade ou Textos xénese», case todos relatos e algún poema, e, finalmente, co título «Documentos para serviren de esbozo [canevas]», os escritos verdadeiramente «póstumos». Levan ese titulo, o de «Documentos para…» por indicación expresa de Roussel, que deixou escrito o seguinte: «Se morro antes de rematar esta obra e alguén quere publicala mesmo incompleta, desexo que se suprima o inicio e se comece co PRIMEIRO DOCUMENTO, e que se substitúan as iniciais por nomes completando os brancos e se lle poña por título xeral: Documentos para serviren de esbozo», Raymond Roussel, 15 de xaneiro de 1932. Raymond Roussel, como escribe Caradec: «[…] morre na noite do xoves 13 ao venres 14 de xullo de 1933, entre medianoite e as dúas da madrugada» (p. 276). Se o lector ou a lectora non len en francés, ou se lendo neste idioma non atopan estas dúas biografías, si, en troques, poden atopar doadamente a novela vertida ao galego. Cómpre, con todo, avisar de que a súa lectura pode facerse difícil e non precisamente pola linguaxe usada por Roussel, quen tiña como ídolo e norte a… Xulio Verne. Diciamos que se a súa lectura se fai pesada (o que doadamente pode acontecer), mellor e que o lector descanse e, no interín, aproveitando a ocasión, lea o escrito de Leonardo Sciascia Actas relativas a la muerte de Raymond Roussel, do que existen diversas versións españolas, sendo a última, que saibamos nós, a publicada por Gallonero Editores no 2010.

Despois desta biografía de Roussel botei man da primeira novela da xornalista Nazaret López. Estou a falar de Formigas nos pés (Vigo, Edicións Xerais, 2019). A autora cumpriu, o mesmo ano en que se publicaba a novela, os 60 anos de idade, é dicir, atopámonos diante dunha escritora serodia, cando menos polo que a publicación se refire. Falar dunha novela dunha autora novel de sesenta anos non é cousa doada. Expliquémonos. Nunca se poderá falar da mocidade da autora (ou autor) e, polo tanto, de que esa mocidade pode aínda ofrecer moitos froitos, etc. Noutras palabras, cun autor, cunha autora, novo (en idade) pódese ser condescendente e se non nos acaba de gustar a obra que presenta, podemos dicir, escribir, que a obra que presenta hoxe é, cando menos, testemuño dunha promesa. Cun(ha) autor maduro/a (en idade)… alá ten quen ir a condescendencia. Ten que entregar unha obra «feita e dereita» e non simplemente promesas de obras. 

Formigas nos pés é, en resumo, a historia dun desamor. Unha historia que se podería reducir, así, ao bruto, á letra dunha canción que cantaba Vicky Leandros e coa que gañou o festival de Eurovisión en 1972: Après toi (Despois de ti): Unha muller é abandonada polo seu marido, polo amor da súa vida. E explícase, nárrase a súa historia. En principio a historia semella mínima e baseada nun erro moi frecuente: o ser amado é o que é e non o que nos conviría que fose, mais a medida que se avanza na lectura podemos decatarnos de que a autora é dona dunha, senón poderosa, si potente, imaxinación, que vai, pouco a pouco, acumulando materiais e, ao tempo, podando: se ben é certo que López ten certa tendencia á digresión, tamén hai que dicir que sabe cortalas (as digresións) no momento oportuno, demostrando así que, en principio, manda sobre os «materiais» narrativos, que non se lle van das mans, materiais que vai acumulando e ordenando progresivamente até construír a historia. A partir de aí elimina o que sobra. Porque se a trama é voluntariamente esquemática (ao cabo, unha historia de amor e desamor: unha historia vulgar, tal como se titula a primeira parte do libro —e vulgar porque se quixo escapar da obxectividade desgarradora e infinita de todo amor verdadeiro para, digámolo así, «priorizar» os sentimentos—; tan esquemática a historia, que lendo os capítulos titulados «Pendentes» e«Mudanzas», case coñecemos toda a trama sobre a que se descansa a novela), a autora tómase, para ben, todas as liberdades posíbeis: avanza, recúa, imaxina, prevé, vaticina, titula excelentemente, esquece, comete algún erro parvo (no hemisferio sur non se «dan» auroras boreais) e, ás veces, deixa baleiros elocuentes –baleiros que debe encher o lector: a nunca suficientemente loada elipse: a autora asimilou perfectamente a lección da/os grandes novelistas da modernidade, pero non o fixo mimeticamente, senón creativamente. Tamén aproveita para facer unhas cantas homenaxes a escritoras, músicos, etc.

Hai en Formigas nos pés unha indubidábel pericia técnica (nun principio, pode o lector pensar que a autora está a usar a técnica do contrapunto: cedo se decatará de que a técnica usada é da reportaxe televisiva: de aí que deixando de lado as partes en que fala a muller abandonada en primeira persoa, nas outras só se poden identificar voces; voces que van explicando cousas e feitos a partir de obxectos mínimos, de frases, de digresións moi medidas, etc., que fan avanzar a novela); hai frescura de imaxes, sensacións e sentimentos, e mesmo sentimentalidade, entendida esta como educación persoal (educación da muller abandonada, e dalgún que outro personaxe, non da autora); e unha relación tan traballada da autora cos seus materiais narrativos e lingüísticos que semella espontánea, o que nos inclina a esperar moito, e bo, dos esforzos da autora no traballo novelesco.

Calidades á parte, e a novela ten moitas, Formigas nos pés é filla natural de toda a novela dos últimos lustros do século pasado, e, en certo modo, filla putativa das gran novelas de amor do século XIX e inicios do XX: de Cumes borrascosos a Tess d’Uberville pasando por Anna Karenina. etc. A novela de finais do XX, mesmo antes de chegar o dominio do posmodernismo, había tempo que deixara de formularse problemas sociais para se centrar en problemas individuais: quen son eu, por que loito, por que vivo, por que debo morrer, por que me acontece isto etc. Neste aspecto, a novela de Nazaret López asimila eses elementos, é dicir, céntrase en problemas individuais e (ideoloxicamente falando) rexeita as súas nais adoptivas, as novelas de amor do XIX. E este rexeitamento nótase, sobre todo, nas partes en que non fala a muller abandonada, partes nas que a autora usa dunha sutil ironía que serve de contrapunto, e ás veces de apoio, tamén, ao que nos vai contando a muller. Partes, polo demais, que demostran que a nosa autora é, xa, dona dun estilo. Estas novelas do XIX, curiosamente, pensaban (os seus autores, con toda a boa fe do mundo) que trataban o tema eterno do amor e non  percibían que, de feito, o que trataban era o amor burgués que sempre, ou case sempre, agocha as neuroses de clases: na presente novela, aínda que trata do amor burgués no século XXI, que é algo diferente que o do século XIX, non agocha neuroses de clases: mostra neuroses de personaxes, o que demostra, senón totalmente, si en certa maneira, que a literatura pode superar a ideoloxía.

Aos que ás veces facemos recensións gustaríanos topar con grandes revelacións, mais estas, como ben sabe o Vaticano (que podían, neste aspecto, imitar moitos críticos de todas as literaturas) non se dan todos os días, e, polo tanto, á espera da revelación, procuremos escritores de primeira fila, pero que non son xenios, e mesmo escritores de segunda fila, que son a maioría en todas as literaturas, ben dotados e que, evidentemente, teñan algo que dicir, porque é con estes que se constrúen as literaturas. O que queremos dicir é que os xenios poden dar brillo e renome, pero nada podemos esperar deles para consolidar unha literatura. Todo isto, claro, avogando sempre por unha literatura «sostíbel», digna de ser legada aos que nos seguen. Nazaret López demostra con esta súa primeira novela que xa é unha novelista formada e que ten cousas que dicir, que pode formar parte desa literatura «sostíbel». Esperemos que non sexa autora dunha soa obra, non merecemos tal decepción.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *