Recordo a Gabriel Ferrater, se cadra fóra de horas
Xesús González Gómez.
No ano 2022 celebrouse o centenario do nacemento do poeta catalán Gabriel Ferrater —tamén o cincuenta cabodano— (1922-1972). Con tal motivo deuse ao prelo unha biografía que quere ser algo e, finalmente, quizais resulta que non é nada: Jordi Amat, Perder la por. Vida de Gabriel Ferrater, que apareceu tanto en catalán coma en castelán. Tamén se publicou en galego, editada por Chan de Pólvora e traducida por Manuel Outeriño, a súa poesía completa: As mulleres e os días. Para lembrarmos a Ferrater, reproducimos este escrito de Xoán-Manuel Casado, finado hai vinte anos (o 19 de xaneiro de 2002), e que apareceu en O Pote. Boletín do Grupo Anónimo de Barcelona, nº 13, xaneiro de 1998. O escrito apareceu, como todos os escritos deste boletín ciclostilado, sen a sinatura do seu autor. Digamos que a maioría dos escritos deste boletín pertencen a Xoán-Manuel Casado, Xosé María Costa e Xesús González Gómez, con colaboracións esporádicas de Helena González Fernández, Teresa Seara e Miro Villar.
Como poderán comprobar lectoras e lectores que coñezan a poesía e a vida de Ferrater, así como a literatura (a poesía) catalá do século XX, o escrito de X. M. Casado non perdeu actualidade.
Ferrater, no mito
Aos vinte e cinco anos do seu suicidio, o nome de Gabriel Ferrater segue a xuntar ao seu redor os membros da progresía culta, que hoxe son fillos ou netos sociais dos de adesora. Directores e actrices, poetas explícitos ou secretos, artistas varios, intelectuais, lingüistas, asistiron estes meses pasados a unha profusión de actos ferraterianos, e fixérono cun achego que sobardaba en moito a admiración literaria.
Ferrater nacera en Reus no 1922, e, xa na capital, foi membro punteiro do grupo barraliano, co que compartiu tertulias e copas en veladas das que quedan abundante recensión escrita. Dáse certa unanimidade en consideralo un exhibicionista das súas calidades, un incansable improvisador de tropos retóricos, un conversador solipsista e brillante. Trabajos de seducción perdidos / fue tu vida, recordouno Gil de Biedma. Durante anos, o seu prestixio intelectual era tan consistente no seu círculo como ignorado nas aforas. Lector e tradutor para a Editorial Seix & Barral, crítico intermitente de pintura, redactor da revista Laye, xurado do Prix Formentor, a súa eventual obra literaria non acababa de tomar forma.
Da nuce pueris, o seu primeiro tomo poético, apareceu en 1960 e foi, sen dúbida, un pequeno terremoto no ámbito catalán. Seguiron dous máis en pouco tempo, que axudaron a procurarlle a súa solvente posición literaria. Poeta da experiencia en termos xenéricos, caracteriza os seus poemas unha vaga atmosfera existencial obtida pola recorrencia a tramas anecdóticas narradas cun prosaísmo deliberado e evitando a tentación do remate aleccionador. En suma, unha estética anglosaxoa de longo cultivo, que a Ferrater lle serviu para cargar contra o transcendentalismo dominante naqueles momentos.
A súa obra poética, recollida baixo o título Les dones i els dies, revela unha forte intelixencia temperamental que actúa, ao tempo, como alicerce e como límite. Como argamasa estrutural e como fronteira demarcadora. Compartía con Gil de Biedma, non o realismo en si, mais a decisión de inserir o poema nunha realidade recoñecible. Desa orde é a súa célebre afirmación de que un poema debe ter tanto sentido coma unha carta comercial. Distinto, autónomo, pero non menor. Con tales presupostos, Ferrater completou unha obra que non daba para máis, nin tampouco o pretendía. Dixo o que tiña que dicir, e calou.
Seica a súa influencia artística devalou nos tempos últimos, como é normal que suceda a medida que outras orientacións guían novos rumbos. Non obstante, o interese pola figura non só non minguou, senón mesmo gañou en prestixio mítico co traspaso das xeracións. Non se debe negar que o suicidio, nas vésperas de cumprir o medio século, axudou o seu á consolidación do mito. Mais non abondaría ese feito senón viñese apuntalar unha atracción polo personaxe xa daquela moi difundida. Poucas mortes terán merecido, por exemplo, tantas elexías como a súa recibiu.
Nunha terra na que os mitos, literarios ou non, adoitan prosperar pola vía da santificación nacional ou de altas arelas colectivas, o de Gabriel Ferrater atinxiu esa cota á maneira incompartida de certos heroes cinematográficos. En política non actuou, pese ao cal tivo que aturar unha detención policial por un malentendido. Foi cando prenderon por un artigo no que se glosaba o contido marxista da Ora Maritima de Alberti, que aparecera asinado como Víctor Ferrater. O verdadeiro autor era o filósofo Sacristán, como el mesmo referiu á policía coa consecuencia da liberación do inocente. A lenda ferrateriana figúrao como alguén irresistiblemente intelixente, retraído, dipsómano, polemista, namoradeiro, solitario, provocador. Perdedor, na menos trivial acepción da palabra. Na indumentaria, buscou un gradual toque xuvenil, moi detectable nas fotos e acaso paralelo á súa afinidade cos movementos de liberación vital en voga daquela. Sobre o seu suicidio circulan as versións, e a mais asumible apóñeo á súa negativa de chegar aos cincuenta.
Os seus vaqueiros, a súa xenebra, as súas mulleres. O seu influxo poético talvez decaeu polo momento, mais poemas como «In memoriam» ou «Cambra de la tardor» acharían un oco en calquera literatura. Polo demais, o seu sitio é seu e nunca deixou de selo. Un tipo.