BiosBardia

O país dos libros en galego

Reivindicación de Jehan Mayoux

Jehan Mayoux.

Cen anos de surrealismo

Xesús González Gómez.

No mesmo momento en que se publica o Manifesto do surrealismo, de André Breton (outono de 1924), coñecido despois como Primeiro manifesto do surrealismo, o grupo surrealista dá ao prelo o panfleto colectivo Un cadáver, sobre o escritor (Premio Nobel) Anatole France, que acababa de morrer. France foi loado tanto pola extrema dereita francesa —Charles Maurras— coma polos dirixentes do imberbe Partido Comunista Francés. Todos os escritos do panfleto son contra France…e os seus admiradores e corifeos. Non obstante, a pesar de que Louis Aragón escribira aquilo, que logo lle recriminarán, «considero a todo admirador de France un ser degradado. […] o literato que saúdan hoxe, á vez, o tapir Maurras e a chocha Moscova […]», en ningún dos escritos, aínda que Breton trate a France de policía, a Pierre Loti de idiota e a Maurice Barrès de traidor, dáse unha intervención política directa. É máis, en 1921, nunha enquisa da revista Littérature, nin os comunistas nin os anarquistas saen ben parados; igualmente ocorre cos líderes da Revolución francesa. Aragon decántase polo radicalsocialismo, Paul Éluard puntúa como mellor político o dereitista —colaborador de Clemenceau— George Mandel —asasinado, era xudeu, pola milicia petainista—. Breton considérase en comuñón con Benjamin Constant, ao que cualifica de revolucionario (!). Do grupo inicial surrealista, unicamente Robert Desnos e Benjamin Péret colaboraran con movementos políticos ou sociais: cos anarquistas, exactamente. Segundo os servizos de información do Estado francés, Benjamin Péret en 1924 militaba nos medios anarquistas da rexión parisiense. Desnos asistía a reunións anarquistas, sobre todo as do círculo de Victor Serge e os seus amigos, se ben nunca chegou a militar.

Pouco despois da aparición deste panfleto (18 de outubro de 1924), o 1 de decembro, sae de imprenta o primeiro número de La Révolution Surréaliste. Se ben, en certo modo, era a revista un brulote lanzado contra a vida literaria talvez social francesa, a política brillaba por ausencia. A non ser a páxina 16, en que se reproducía unha fotografía de Germaine Berton rodeada de fotos dos membros do grupo e dalgúns de aqueles que constituían a súas referencias maiores Todo iso acompañado dunha cita de C. B. (Charles Baudelaire), tirada de prefacio de Os paraísos artificiais: «A muller é o ser que proxecta a maior sombra ou a maior luz nos nosos soños».

Mais, quen era Germaine Berton? O 23 de xaneiro de 1923, unha xove militante anarquista mata dun disparo o «camelot du roi» Maurice Plateau, secretario de redacción de L’Action Française, órgano do movemento homónimo da extrema dereita monárquica, cuxo dirixente máximo era Charles Maurras, tan influente nos anos 1920 e 1930 no nacionalismo catalán —e tamén, pero menos, no galego: Risco, Otero Pedrayo, quizais Cuevillas, etc—. Dende o primeiro momento, os surrealistas manifestan as súas simpatías cara á xove. No número de febreiro-marzo de 1923 de Littérature, Aragon xustifica o acto de Germaine Berton. André Breton afirma que «a opinión de Germaine Berton é infinitamente máis considerábel que a do señor Gide». Despois da súa absolución, Aragon, Breton e Max Morise van visitala e lévanlle un ramo de rosas e caraveis acompañado deste escrito: «A Germaine Breton, que fixo o que nós non soubemos facer».

O 24 de novembro de 1923, un taxista deixara nun hospital parisiense un rapaz de catorce anos gravemente ferido, que morreu horas despois. Ao cabo duns días coñécese a identidade do mozo: Philippe Daudet, fillo do dirixente ultradereitista e redactor xefe de L’Action Française, Léon Daudet. Segundo uns, o mozo, que frecuentaba os círculos anarquistas, suicidouse de amor por Germaine Berton (Philippe Daudet escribiu dúas cartas a súa nai anunciándolle o seu suicidio, cartas que non enviou); segundo seu pai e outros, como o político radical Édouard Herriot ou anarquistas como André Colomer, o rapaz foi asasinado pola policía. O fiscal xeral da República cerra o caso concluíndo que foi un suicidio, e na súa requisitoria fai unhas consideracións que cualificaremos simplemente de sui generis, por no afirmar que quizais nela estean as bases da literatura fantástica francesa do século XX. O fiscal, máis axudado polo método do pensamento máxico que seguindo os datos da investigación, declara que os anarquistas coñecían a identidade do mozo e decidiran explotar a súa presenza entre eles facéndoo arrestar como anarquista para así provocar un considerábel escándalo. Philippe Daudet, sempre segundo o devandito fiscal, descubriu a maquinación (sic) e matouse por desesperación, «porque o suicidio lle parecía a única solución posíbel». Hoxe en día, a verdade está aínda por descubrir. Os surrealistas, evidentemente, decantáronse pola versión do suicido, sobre todo pola (fantástica ou delirante) versión do suicidio por amor. «Germaine Berton non é soamente a que mata, senón pola que un se mata»: André Breton, que ao mesmo tempo ve nela a encarnación da revolución e o amor. En poucas palabras, o surrealismo nacente parece achegarse ao anarquismo. No hai que esquecer que o 2 ou 3 de decembro de 1923, varios membros do grupo lle envían unha carta ao xerente de Le Libertaire, Georges Vidal: «Señor, felicitámolo efusivamente polo seu artigo: “A morte tráxica de Philippe Daudet”, aparecido en Le Libertaire. Non pertencemos ao seu medio, o que non nos impide admirar a valentía da que fai gala. Estamos de todo corazón con Germaine Berton e Philippe Daudet: apreciamos no seu valor todo verdadeiro acto de rebelión. Fdo.: André Breton, Paul Éluard, Roger Vitrac, Robert Desnos, Simone Breton, Max Morise, Benjamin Péret, Gala Éluard, Louis Aragon, Marcel Noll, Georges Limbour».

A pesar de todas estas manifestacións, o surrealismo aínda non se trazara una vía política: era una rebelión non-política, individualista, literario-artística, moral, achegada á revolta anarquista. Mais en 1925 comezan a cambiar as tornas e os surrealistas aproxímanse ao Partido Comunista, considerando envellecidas as teorías anarquistas ou anarquizantes. A historia é sabida e non imos a repetila aquí. Finalmente, en 1934 os surrealistas rompen coa URSS e cos partidos comunistas e caen en brazos de Trotski. En 1947, co panfleto «Ruptura inaugural», poñen en solfa algúns dos datos fundamentais do marxismo e, pouco a pouco, achéganse aos anarquistas, e en 1951 comezan a colaborar no semanario Le Libertaire, colaboración que rematará un ano máis tarde. Máis que romper, digamos que ambas posicións (surrealista/anarquista) se distancian, xa que en realidade nunca existiu unha ruptura e nunca houbo reproches por ambas as partes: só malentendidos e, ás veces, necidade, sobre todo por parte dos «libertarios».

Se o surrealismo pasou do comunismo —oficial, logo trotskista— ao anarquismo, houbo surrealistas que sempre militaron no movemento anarquista. O exemplo máis preclaro é o de Jehan Mayoux —sen esquecermos as lecturas dos xornais anarquistas Le Libertaire, L’Anarchie, L’Action de Part, por parte de André Breton, así como a súa «fascinación» xuvenil polo anarquismo (Arcane 17)—; diciamos que Jehan Mayoux era (é) o exemplo máis preclaro de surrealista-anarquista e quizais fose o factótum do achegamento dos surrealistas aos libertarios.

Jehan Mayoux (1904-1975), fillo de mestres anarquistas, libertario e ensinante el mesmo, pacifista e antimilitarista, adheriuse ao movemento surrealista en 1932. A súa actividade sindical de 1934 a 1936 conducino a ser o secretario adxunto da Bolsa de Traballo da zona de Dunkerke —as Bourses de Travail francesas son similares ao que en España se denominaban Casas do Pobo— e secretario do comité da Frente Popular nesta mes rexión. Insubmiso á orde de mobilización en 1939, foi condenado por un tribunal militar en Lyon a cinco anos de cárcere, a cumprir na Central de Clairvaux, da que se evade cando esta é bombardeada polos alemáns. Detido por estes, é transferido a un campo de Ucraína despois de pasar por diversas prisións de Alemaña e Austria. Liberado en 1944, intégrase no corpo de ensinantes no momento da liberación grazas á petición feita polas asociacións de antigos prisioneiros, e continúa a participar en todas as manifestacións do movemento surrealista. Foi grande amigo do pintor Yves Tanguy, que o trataba de santo laico, e de Benjamin Péret. Cando en setembro de 1960, durante a guerra de independencia de Alxeria, asina o Manifesto dos 121, que reivindicaba o dereito á insubmisión, sofre suspensión do seu cargo —de soldo e de emprego— até 1965, e foi o único dos signatarios que tardou cinco anos en ser amnistiado. Os seus compañeiros de traballo, de Ussel, do departamento de Corrèze (Lemosín), escríbenlle indignados ao ministro en outubro de 1960 e demandan a reintegración de Mayoux ao seu posto de traballo. Tamén os alcaldes da zona lle piden ao prefecto de Corrèze que interveña para que a reintegración se realice o máis rapidamente posíbel. En 1962, o ministro de Educación ofrécelle a reintegración, mais outro destino, ao que Mayoux se nega, afirmando que nos dezaseis anos que leva en Ussel nunca participou na vida política correziana, pero «usando do que considero como o meu dereito imprescritíbel de cidadán estimei sempre poder tomar posición publicamente en dúas circunstancias: con respecto á guerra de Alxeria, con respecto ás institucións do meu país. Estas opinións políticas talvez sexan condenábeis; mais tamén é certo que nada teñen de especificamente de correzianas. Non poden motivar o meu desprazamento» (7 de agosto de 1962, carta dirixida ao ministro francés de educación). Finalmente, será reintegrado no seu posto de traballo en 1965, en Ussel. Participa nas xornadas de maio de 1968 tanto en París como en Montpellier, mais séntese decepcionado pola actitude dos sindicatos. Morreu fiel aos seus ideais libertarios e surrealistas, aínda que aqueles que quixeron erixirse como líderes do grupo (Jean Schuster, José Pierre, Gérard Legrand, Philippe Audoin…) expulsárono cando en 1967 se negou a concederlles todo o poder que esixían. Serán estes mesmos homes quen en 1969 promulgarán a «disolución» do surrealismo.

Mayoux deixou unha fermosa obra poética e diversos ensaios recollidos en cinco volumes, tirados a 300 exemplares[1]. Na súa obra poética non hai concesións. Como poeta do amor, é un dos grandes poetas —aínda por descubrir— do surrealismo francés. Non hai nos seus poemas nin dolorismo nin exaltación fácil, senón o canto inmediato espontáneo, lixeiro, simple, púdico da vida real transfigurada polo amor. A infancia e a idade adulta concílianse e comunican as pedras, as árbores e as súas follas, a tenrura das palabras simples como mans no corazón do marabilloso vivido. Non hai nos seus poemas necesidade de afastarse para sublimar o sentimento amoroso, porque como el mesmo escribiu: «o imaxinario é unha das categorías do real e reciprocamente» (P. Kràl). como afirma Miguel Pérez Corrales no seu, xa o dixemos outras veces, insuperábel Caleidoscopio surrealista, «Mayoux foi un dos grandes poetas do surrealismo», un deses poetas que sempre se lles escapas aos facedores de antoloxías e aos amañadores de historias da Literatura.

Nos seus ensaios, nos seus escritos «teóricos», o seu libertarismo, o amor á verdade, o fervor surrealista, a paixón da amizade, están presentes en cada liña. Foi el quen, en 1965, rompeu, dende o interior do surrealismo, co mito dun Trostki liberal (anarquizante) no terreo artístico. Mayoux, no ensaio titulado «A liberdade, unha e divisíbel», publicado na revista surrealista La Brèche (n.º 8, novembro de 1965), demostra, e dío en voz alta: non é posíbel unha auténtica liberdade artística se non existe liberdade política, e esta última non estaba anotada na axenda de Trotski, sen esquecermos as contradicións en que incorre o fundador da IV Internacional.

[Por outra parte, Mayoux, demostra que se ben a lenda dun Trotski «avanzado» en literatura ten algunha base real, este é un dos mitos mellor mantidos polos seus seguidores. Gérard Roshental, que en 1924, co nome de Francis Gérard fixera, segundo André Breton no Manifesto, profesión de fe absoluta no surrealismo, do que se afastou en 1927, militando con Pierre Naville en diversos grupúsculos trotskistas, narra en, Avocat de Trotski (1975), a seguinte anécdota: «Un día insistiu sobre a importancia d’Os campesiños, novela na que Balzac analizara moi notabelmente o papel esencial da propiedade da terra. Máis tarde discutinlle, como vello surrealista, o seu gusto por La Maternelle, de Léon Frapié, cuxo miserabilismo me irritaba. O Vello achaba nela unha conmovedora prolongación da literatura de Flora Tristan e Louise Michel». A Frapié, miserabilista e, no fondo, por miserabilista, reaccionario, xa non o le ninguén, ao contrario ca a Flora Tristan ou Louise Michel. Esta anécdota, e outras máis que non relacionaremos, demostra moi ben que ás veces, baixo a casca de revolucionario agáchase unha mente preguizosa, retrógrada, ultramoderada.]

Outros dos seus traballos non teñen desperdicio: Un des visages du fascisme; Benjamin Péret, la Fourchette coupante; o seu prólogo ao escrito de Péret Os sindicatos contra a revolución; o seu polémico ensaio Sen esperanza, señor oficial. As “máquinas celibatarias” de Michel Carrouges; André Breton e o surrealismo; Corto tratado de filosofía surrealista, etc.

André Breton recoñeceu nel «a lealdade mesma», é dicir, a beleza da verdade, a transparencia na amizade, os ventos secos da intelixencia crítica. Jehan Mayoux, escribiu Jean-Paul Clébert no seu Dictionnaire du surréalisme, «é, con Benjamin Péret, un dos surrealistas máis contestatarios. E é sen dúbida o que explica a súa pouca reputación». Se ben é certo, como afirmaba Paul Valéry, que a xustiza literaria non existe, nin postumamente, esperamos (aos 120 anos do seu nacemento, aos cincuenta do seu pasamento) que algún día Jehan Mayoux ocupe o lugar que lle corresponde, non só dentro do movemento surrealista, senón tamén na poesía francesa do século XX.

 

HABITANTE DO SEU VESTIDO

 

O desexo e mais o amor son alas da máis repentina berenxena

Unha man invisíbel

Fuxirá de ti de tantos obxectos fúnebres á cama espumosa

Durme durme mellor durme

Corenta anos pola voz coma un río afastado

Regato a regato ao longo do río unha invisíbel man

A mirada brillante coma un  chopo verde que fuxe a toda présa

O arco con ramas tupidas

Virá o incendio repregado sobre o seu corazón e a súa presa

Insectos durmidos nos ocos de cálidas cortinas con lazos

De casca e sangue dun cabalo outrora habitado por senadores

E con que mirada

Escóndome da túa mirada excluída de sangue

Cen veces reducín a cinza os perfumes

Sagradas mortallas teitos de nosos pais

Unha invisíbel man brota cada ano anticipadamente no lombo do coitelo

Para erguerse coma un presaxio de luz e suor

Habitante do seu vestido nas ondas salvaxes asasinas

E as súas sesenta voces escóitanas nas prisións de pedra tras a nube

Non arranquei

As miñas mans

E non deixei que nada me cubrise

A man

Se a súa sombra reina aínda

A orella que por dereito de conquista flota no seu seo

Hai que recibila co cabelo anoado

Sobre a espuma axitando aletas e rabos en cestas cheas

Unha invisíbel man de cabelos brancos

Caeu no ollo contemplativo

(E máis alá o fantasma no tronco se desvanece) e a mirada

Volveu á túa gran cama

Oh miña man familiar

Aquí pisou o meu corpo faísca os paneis de herba branda

 

CONTRA OS MUROS

 

Estrela nun extremo rebote no outro

Bésta sen remordementos

Viva

Ribeirá de azul escuro e de beixos australianos

Sirena colexiala de sombras

Irreprimíbel coma a marea desde o sexto andar

Paseas as túas pernas de lapa

Núa coma seos

Alegre coma un látego

Un contrabando de desexos

Rilla as encrucilladas os sorrisos as cascas baleiras

Mentres apareces desapareces reapareces

Dobre fantasma solitario

Subterráneo novo vampiro

Enxeñoso.

 

 

EU AMO MAIS

(fragmento)

 

Hai mulleres de neve alegres como amorodos asombrados coma papoulas

Hai pontes que coxean coma unha árbore se equivoca

E véndelles a súa cor aos paxaros que menten e pontes que coxean

Como un tizón atúa a sota de espadas

ao mesmo tempo hai alguén que se esquece camiñar

E fica a mirar a auga e as mulleres que pasan

semellante a un taboleiro de damas que xoga só a un neno que ata unha cabra

Hai casa fatigadas que deixan pendurar as súas mans no río

a escuma xoga coa indiferenza dun camelo que porta unha espumadeira

Hai casas riseiras coma sandías e outras

Que nada din cando ven pasar os avaros

Hai unha casa máis bela que as outras en que vivimos para min

 

GABINETE SOLAR

 

Labios escondidos

en auga profunda

A máis bela vila do mundo

Como un ourizo con púas de luz

 

O amor e a amizade

Eu levei as súas miradas

 

O sono dos insectos

con mans ávidas

Construíu o horizonte

Coma unha lámpada ou un sorriso

 

O mar ría coma unha engra

A árbore debruzouse sobre o bosque

[1] O/a interesado/a pode lelos na biblioteca da Fundación Granell, de Santiago de Compostela.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *