BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Réquiem’, elexías de alta poesía

Eugénio Outeiro.

Héitor Mera.

O último Premio Johán Carballeira de poesía foi recaer nun veterano da acción poética: Eugénio Outeiro. Non é moita a poesía publicada en libro, mais suficiente para presentar aquí un dos autores con máis bagaxe poética da súa xeración. Dende aquel xa afastado no tempo Âs vezes vida ata este Réquiem hai un percorrido e evolución que non desbota a esencia poética dun autor que comezou no misticismo non necesariamente comprometido ao estilo, poñamos por caso, do poeta ourensán Jose Ángel Valente.

Hoxe, este Réquiem é a estrutura poética, ao xeito como o seu nome indica, dun acto relixioso polos defuntos no que cada parte é admonición dun pasado escuro que non se debe repetir.

Elexía tras elexía van saíndo á luz poética as historias de distintos mariñeiros, traballadores da Illa de Arousa que sufriron a barbarie fascista. O poeta envorca dignidade nas súas figuras e non o fai de xeito panfletario ou carente de interese artístico. Neste Réquiem aparece o mellor Eugénio Outeiro que coa verdade presente non só tira dos feitos históricos obxectivos senón que lle dá un contexto estrutural de extraordinaria forza expresiva e evocadora para vérmonos tamén mergullados nese misticismo lírico que o acompaña dende o primeiro verso da súa traxectoria literaria.

Vemos, pois, a suma do poeta combativo, político e reivindicativo co poeta máis lírico, elevado e espiritual. Eis a evolución á que facía referencia máis arriba. Un compendio de talento poético e madurez creadora que se manifesta porque é chegado o momento.

Con empregar o verso libre nos seus poemas consegue unha maior flexivilidade e expresividade, non exenta de ritmo, imaxes e metáforas fondamente evocadoras. Neste bo facer de ourive versal gozamos do dobre plano —en realidade un dos aspectos positivos deste poemario son os moitos estratos de lectura e interpretación— do poema no seu conxunto coa indicación en cursiva de certos versos que remarcan, á súa vez, un discurso complementario, mais convenientemente sobranceado.

Ao final, do que se trata é de facer xustiza, cando menos, poética. A diferenza é que, neste caso, o xeito de facelo é excelso.

♦ Réquiem, de Eugénio Outeiro, Xerais, 2026. 88 páxinas. ♠13,50€

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *