Rexina Vega: “Lembro ler ‘Os Cinco’ á luz dunha lanterna debaixo das sabas”

Escritora e investigadora universitaria, Rexina Vega ábrenos a súa Biblioteca Íntima, nun percurso variado e cheo de amores e decepcións a través do tempo. Hai poucas semanas publicou a súa nova novela, O estado intermedio (Galaxia).
Cal é o primeiro libro que recorda ter lido?
Non teño claro cal foi, sei que amoreaba pesetas para poder mercar os libros d’Os Cinco de Enyd Blyton. Creo que o primeiro libro enteiro que lin con consciencia foi Los Cinco en el páramo misterioso e logo engancheime como unha posesa; esa colección era o meu ben máis prezado, lembro lela coa luz dunha lanterna de petaca baixo as sabas, cando na casa mandaban que apagásemos a luz do cuarto. Os libros de Blyton marcaron a miña xeración, penso, e, como mulleres, todas as da miña quinta gardan devoción pola andróxina, Georgina, a rapaza que quería ser rapaz. Tamén lin moitas veces Mujercitas de Louisa May Alcott, agasallábanme decote cun exemplar, hei de ter seis ou sete edicións distintas! Era un compendio dos valores dunha época, supoño, pero tamén me fixo moito efecto a figura da rapaza rebelde, Jo March, a que quería ser escritora, como un modelo para a vida futura.
Que libro pouco coñecido considera vostede unha obra mestra?
Hai un autor polo que eu devezo e que é moi pouco coñecido, aquí e tamén na súa Francia natal. Chámase Antoine Volodine. Hai un título Des anges mineurs ao que volvo de modo obsesivo. Non se parece a nada e a súa prosa, escura, é dunha beleza que doe.
E que obra mestra canónica lle cae das mans?
Teño moi bo dente, calquera obra pode ter interese se a colles con algo de cariño, pero se teño que lembrar algunha que non puiden acabar, penso, por exemplo en Volverás a Región, de Juan Benet, o Ulises, de Joyce ou Na busca do tempo perdido, de Proust. Tampouco podo con Otero Pedrayo, todas as súas obras cáenme das mans, polo fondo e pola forma, non dou conectado.
Con que escritor/a lle prestaría pasar unha noite de festa? Pode estar vivo/a
Cunha chea delas e deles!! Se falamos de festa, eu adoito pasar moitas noites de xolda con escritoras como Elvira Ribeiro, Iolanda Zúñiga, Avelina Pérez, Silvia Penas ou María Xosé Queizán, ás que admiro e quero. Pero a nómina das miñas autoras vivas de proximidade pode ampliarse con xente que tamén me cae francamente ben, Inma López Silva, Eva Moreda, Luz Pichel, Enma Pedreira, Dores Tembrás, Antía Otero, Anxos Sumai, Teresa Moure, Olalla Cociña… son tamén colegas coas que dialogo e que me resultan tremendamente estimulantes. Curiosamente, malia as apariencias, no mundiño literario galego adoitamos tecer redes de afecto bastante efectivas. Se falamos do mundo de fóra e mesturamos mortas e vivas gustaríame moitísimo unha noite tola con Clarice Lispector, Angélica Lidell, Marta Sanz e Guadalupe Nettel, así en plan intensito…
E con cal, de entre as que lle gustan como escriben, non lle agradaría pasar demasiado tempo? Pode estar viva/o
Pois, por exemplo, con Cunqueiro. A miña admiración pola súa escrita, á que levo dedicado moitas horas da miña vida, non se corresponde co aprecio no ámbito persoal. Na vida de Cunqueiro hai moitas zonas de sombra e unha posición ideolóxica que me provoca rexeitamento. Fago unha total distinción entre home e obra, a verdade.
Un libro recente que lle gustase moito…
O ultimísimo que lin e que me apaixonou foi Diario de un viejo cabezota, de Pablo Martín Sánchez, unha autoficción que é unha distopía e que está pragada de listas e xogos matemáticos.
Unha novela que non puido terminar…
Unha chea delas, pero non vou dar títulos, mellor o silencio, que é máis elegante, creo.
Que novela lle gustaría protagonizar?
Gustaríame ser o Julian Sorel de O vermello e o negro. Pura vontade!!
Que novela a reconciliou coa literatura?
Eu sempre estiven namorada da literatura, non precisei de ningunha obra que me reconciliase con ela, pero se teño que escoller unha obra especial que cifre o que para min é isto de inventar mundos a través de palabras escollo El año de cometa de Álvaro Cunqueiro, unha historia de historias onde aparecen todas as posiblidades do artificio e todos os ángulos da verdade da condición humana.
Que libro, da súa pilla de obras pendentes, é o seu favorito?
Entre os últimos que teño para ler enriba da miña mesa de noite téñolle moitas ganas a Corazón de manteiga, de Xavier Queipo e Para toda a vida, de Eva Moreda. Tamén a Suicide, de Éduard Levé, quen efectivamente se quitou a vida días despois de lle entregar a novela ao seu editor.
Que libro lle gustaría ter escrito?
A paixão segundo G.H. de Clarice Lispector. En realidade calquera dos escritos por ela, levito con cada unha das súas frases. Non se parece a nada e xoga sensorialmente contigo para que abras a mente e o instante estoupe.
Que libro, dos que publicou, lle gustaría que desaparecese das librarías (e das bibliotecas)?
Son unha escritora de ficción moi serodia, iso significa ser máis consciente do que dás ao prelo. Bo ou malo é o que puiden facer. Asúmoo. Non quero borrar nada.
Leva vostede un diario ou un dietario?
Levo toda a vida querendo facer un diario e, ao mesmo tempo, detestando a idea mesma dun diario. Ese nulla dies sine linea é como un castigo do ego. Escribimos de máis, seguramente.
Escribirá as súas memorias?
Todos escribimos as nosas memorias, sexa o que sexa que contemos. Como dicía Lévi- Strauss en Tristes Trópicos, ou ben falamos dos demais para acabar falando de nós mesmos ou ben falamos de nós mesmos para acabar falando dos demais.
Que autor/a considera vostede responsable de que vostede se dedique á literatura?
Pois unha especie de Frankestein feito por anacos de Gloria Fuertes, Rosalía de Castro, Kafka, Ferrín e Cunqueiro.
Hai algún libro que afundiría no fondo dunha piscina?
Ás veces éntranme ganas de invadir Polonia e mandar á fogueira ou ao fondo da piscina unha chea de libros que van contra ese algo de sagrado que eu lle outorgo á literatura. Tiraría todos os que menten, os que non dan conta dun encontro cunha mirada.
Un libro galego posterior ao 1970 que non soporta?
En xeral todos os produtos comerciais, deses de xénero e subxénero e as novelas de tese coa voz narradora explicándoche ben explicadiño onde está a bondade e onde a maldade. Odio, en xeral, aqueles libros dos que é sinxelo facer unha unidade didáctica.
E un libro galego posterior ao 1970 que adora?
Mal Mor de Emilio Araúxo. Vellez e silencio, non se pode dicir mellor nin máis fondo. Tamén Cativa no se Lughar de Luz Pichel.
Un clásico galego que pensa que está sobrevalorado
Creo que na cultura galega do que pecamos é de minusvaloración. É un campo tan fráxil, tan desvertebrado que a fama e o valor non dan acadado nunca grandes dimensións. Sempre se está baixo sospeita, na subalternidade vívese con moita paranoia, con moito vitimismo tamén.
E un clásico galego que agasallar como mostra de afecto?
De novo Cunqueiro, non o podo evitar. Eu sempre agasallo, para crear un xardín en festa e soñar coas illas Cotovías, Se o vello Sinbad volvese as illas.