Rinoceronte reedita dúas novelas que xa publicara Barbantesa
A finais de febreiro chegarán ás librarías dúas novidades de Rinoceronte Editora: Os ditosos anos do castigo, da suíza Fleur Jaeggy, e A balada do café triste, da estadounidense Carson McCullers. Ambos os títulos de narrativa xa foran publicados polo selo Barbantesa (filial de Rinoceronte) no 2010.
Catro anos despois, Rinoceronte engade estas novelas, consideradas clásicos modernos do século XX, ao seu catálogo de narrativa contemporánea. É a primeira vez que Jaeggy e McCullers son traducidas ao galego.
Os ditosos anos do castigo é unha noveliña curta (non chega ás cen páxinas) publicada orixinalmente no 1989 en italiano. A historia desenvólvese nun colexio de elite para señoritas situado no cantón suízo de Appenzell, nas mesmas beiras do lago Constanza onde estivera recluído nun manicomio o escritor Robert Walser, figura que percorre coma un fantasma esta obra. A narradora recorda desde a vellez os seus tempos de estudante adolescente: a atmosfera opresiva e represora que busca educar as nenas nas supostas virtudes da vida doméstica e no respecto ás tradicións transmitidas de nais a fillas durante séculos. Esta é unha novela de amor. O que vai sentir esa moza pola enigmática Fredérique, un personaxe fascinante capaz de crebar o abafo dos muros do colexio coa súa personalidade. A tradución ao galego estivo ao cargo de Cristina González Piñeiro.
Jaeggy (Zúric, 1940) gañou o premio Bagutta 1990 por este libro. Está considerada como unha das voces máis interesantes da literatura suíza en lingua italiana. A crítica admira a súa capacidade de concreción, cunha linguaxe esencial á que nunca lle sobra un gramo de lardo.
A balada do café triste, de Carson McCullers, centra nun vulgar café de calquera lugar dun estado calquera do sur dos EUA a mediados do século XX, unha historia ao redor da soidade, o desamor e a incapacidade dos humanos por atopar un vieiro cara á felicidade. Nas súas 180 páxinas, McCullers renova a linguaxe e o concepto dos roles feminino e masculino. A tradución da versión galega é de Salomé Rodríguez Vázquez. Xa cando fora publicada por Barbantesa, esta obra fora moi ben recibida pola crítica galega, que considerou un grande acerto engadir á biblioteca propia esta imprescindible autora.
A fama da obra de McCullers (1917-1967) débese ao seu dominio da poética, á súa gran capacidade de descrición de sentimentos en espazos aparentemente anódinos e ao seu profundo coñecemento dos elos invisibles da represión de xénero e de clase no sur do seu país. A estadounidense vai medrando en influencia ano tras ano e son moitos os escritores actuais que se din herdeiros do seu persoal xeito de ver o mundo.
Máis información no espazo web de Rinoceronte
One thought on “Rinoceronte reedita dúas novelas que xa publicara Barbantesa”