BiosBardia

O país dos libros en galego

Risco visto por Fole

Vicente Risco visto por Xosé Conde Corbal.

Ollar para Ánxel Fole no seu 120.º aniversario

Xesús González Gómez.

Un ano despois de ver luz o terceiro artigo sobre o libro de Steiner, Fole (Neumandro) publica en El Progreso, o 28 de agosto de 1968, o artigo titulado «Vicente Risco en la aduana». Antes de nada, digamos que este é un dos grandes artigos de Ánxel Fole. Penso, ademais, que o autor de Terra Brava foi un dos poucos escritores galegos que tiña unha tribuna onde publicar, que á morte de Risco non dixo palabra. Este artigo escrito cinco anos despois do pasamento do «polígrafo» ourensán, é o grande escrito do escritor lugués sobre o autor de O porco de pé.

O artigo iníciao alegrándose de que a revista Grial chegase ao seu número 20: «No hubo otra de tanto interés en Galicia desde los años de Nós.» Despois de enumerar unha serie de nomes que colaboran nese numero 20, di que un dos orixinais que se publican «llama ahora mi pluma al comentario: “Vicente Risco e nós”, de José Manuel Beiras, joven escritor santiagués», xa que sente grande interese por saber que pensa de Risco un «rapaz de las últimas promociones de escritores gallegos». Risco foi un dos escritores que máis influencia exerceu sobre a intelectualidade galega, afirma Fole, de hai trinta anos, «ahora veo que Risco sigue diciendo mucho a los jóvenes de hoy», e afirma que o ensaio de Beiras está «muy bien escrito, bien ideado y con gran sentido de la responsabilidad».

Naqueles anos trinta, a fama e o prestixio de Risco estaban no seu punto máis alto. «Leíamos con entusiasmo o Porco de pé, tan gracioso, o sus incomparables “Lerias”. En cuanto a su Teoría do nazonalismo galego, la discutíamos con apasionamiento.» Ao ler o escrito de Beiras, di, parécelle revivir aqueles tempos. O ano trinta e catro, cando Risco publica Mitteleuropa, «quizás su más logrado libro». Risco, curioso, comentador de toda novidade, excelente expositor das ideas propias e das alleas, preciso, lóxico, perspicaz. «Un escritor intelectual cien por cien.»

Risco o inadaptado, Risco o galeguista. Despois de dar moitas voltas, de crises e de problemas, chega ao galeguismo. Un galeguismo «reflexivo y crítico. No nace galleguista, sino que se hace.» Comenta a anécdota de que Casares Quiroga lle dixera a Castelao que nacera republicano, e que este lle respondera que «eso era malo. Que para ser buen republicano había que hacerse». Cita extractos de Risco que transcribe no seu ensaio Beiras e chega ao tema do idioma. O idioma, o galego, é «una clave de solidarización. No puede haber galleguismo sin idioma gallego». E reproduzo enteiro o seguinte parágrafo, que non ten desperdicio, parágrafo en que Fole dá unha mostra de valentía intelectual e, tamén, de coraxe política: «No quepa duda al amable lector: en aquella “xuntanza” de las Irmandades da Fala o del P. G. [Partido Galeguista], se reunía lo más selecto de Galicia. Su gente mejor preparada, responsable e inteligente. El sentimiento, el pensamiento y la expresión de lo gallego. Latía la esperanza en un porvenir más hermoso para nuestra tierra. La contemplación de una serena amanecida».

No galeguismo tamén se manifestaba o nacionalismo: «esto lo entendíamos mucho menos», e continúa dicindo que o exemplo de Irlanda non lle servía ao galeguista liberal. Mais había en Galicia unha «política regionalista». Política que frustraron os propios rexionalistas ao se humillar diante do cacique. «El galleguista liberal calificaba el separatismo, el nacionalismo como reaccionarismo. La incomodidad en un Estado democrático y progresista.» Era Risco un reaccionario? pregunta Fole. Beiras –continúa–, «cita una frase de Risco refiriéndose a las juventudes nazis; tomada de su admirable libro Mitteleuropa: “Lles teño envexa”». O lector, escribe o autor do artigo, non debe de estrañarse: «Sería interminable la lista de políticos e intelectuales que partían del supuesto de que el III Reich provocaría la Guerra Mundial y la ganaría…». Manuel Azaña, Julián Besteiro. Spengler, tamén admirado por Risco, saudou «con alborozo la instalación de los nazis en el Poder», ben que, afirma Neumandro, se Spengler tardase uns anos máis en morrer, acabaría nun Campo de Exterminio.

«Poco después de iniciada la Segunda Guerra Mundial, don Vicente escribe un artículo sobre las grandes ciudades europeas». De Roma, centro da Cristiandade, vén a Luz eterna; de Moscova, a barbarie vermella; de París, a moda banal e a arte decadente que Hitler denominaría «arte dexenerada»; de Berlín, a disciplina prusiana e a Orde Nova para Europa e para o Mundo.

E no seguinte parágrafo, despois de lembrar que nos primeiros días de maio de 1945 as tropas aliadas chegaron aos Campos de Exterminio, afirma que en calquera deles víase, «en un barracón, unos hombres hacinados, que se sabía que estaban vivos por el brillo febril de sus ojos. Huesos y pellejo. Ahí está el Orden Nuevo que vino de Berlín. Jamás conocieron los siglos, don Vicente, tamaño documento de terror». Nun dos campos foi asasinado un premio Nobel: «Donde la honradez no vale, tampoco vale la sabiduría, ni el heroísmo. Esas eran las excelencias del Nuevo Orden venido de Berlín.»

E acaba don Ánxel (Neumadro) o seu extraordinario artigo cun parágrafo no que cabe salientarmos a súa honradez, a súa sabedoría e mesmo a súa valentía: «Risco era un hombre de muchos miedos, primeramente tuvo miedo del comunismo. Lo tuvo toda Europa. El cochino miedo. “La saloperie de la peur ”. En Viena o en Berlín –por ejemplo– el miedo llenó las calles de multitudes delirantes. La nunca desmentida eficiencia del terror». Ánxel Fole, repetimos, foi, pensamos, o único escritor galego que nos anos 1960 pensou, e meditou, sobre o que se deu en chamar a destrución dos xudeus de Europa, sobre o xenocidio perpetrado polos alemáns contra o pobo xudeu (e contra os xitanos, os homosexuais, os socialistas e os comunistas, e outras razas «inferiores», como os eslavos). E foi valente nos seus comentarios. Quizais é necesario ler de novo os artigos de Fole, dende outras perspectivas, sobre todo dende unha perspectiva política, dende a perspectiva política de Ánxel Fole: partidaria, pero nunca partidista. O escritor lugués aínda ten moito por ensinarnos, e non só literariamente, que tamén.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *